Opinión

Cancro

O catro de febreiro conmemórase o día mundial contra o cancro, unha enfermidade que ata non hai moito supoñía case unha sentencia de morte. En realidade, o cancro non é unha enfermidade, senón un conxunto de doenzas que teñen en común o crecemento celular incontrolado, pero que difiren tremendamente unhas das outras. Hai certos tipos de cancro que poden estar en relación con infeccións víricas, outras con factores ambientais, hábitos de vida ou con factores xenéticos. Moitas delas, con todo á vez. Por iso non ten sentido falar, como acontece en ocasións, dunha "cura contra o cancro".

De feito, a investigación contra estas enfermidades vai en sentido contrario, no de individualizar cada caso e ofrecer a cada persoa un tratamento o máis personalizado posible. Pode haber tumores que se produzan no mesmo órgano pero que teñan diferente xenética e que se comporten de maneira completamente distinta. Noutras palabras, non existe sequera o cancro de pulmón, senón moitos tipos de cancro de pulmón, cada un co seu tratamento específico.

A investigación está conseguindo que doenzas que antes eran mortais agora poidan curarse ou que padecementos oncolóxicos se convertan en enfermidades crónicas. A esperanza de vida en persoas con este grupo de patoloxías aumentou arredor dun 90% entre 1999 e 2016, se ben hai moitas diferenzas segundo o tipo de cancro do que esteamos a falar.

Por outra banda, as cifras de persoas con padecementos oncolóxicos non paran de aumentar, dado que a esperanza de vida da poboación aumenta constantemente, e as persoas con cancro viven durante máis anos, moitas veces coa enfermidade. Polo tanto, a pesar do alarmismo en torno ao aumento de casos, as cifras son esperanzadoras.

Estamos moi lonxe de atopar solucións definitivas para moitos dos tipos máis agresivos de doenzas, pero o coñecemento científico está a permitir que asistamos a tratamentos que hai unhas décadas parecerían case maxia. Non debemos esquecer tampouco que se trata de medicamentos que para a maioría de nós serían inaccesibles sen a sanidade pública, como así ocorre noutros países con sistemas de saúde en mans privadas. O binomio investigación científica e sanidade pública é o que para moitas persoas marca a diferenza entre a vida e a morte.iria v

Comentarios