Opinión

Cancelados

Estamos nun momento no que a xeración que ostenta posicións de responsabilidade en todos os eidos é a mesma que non fai máis que queixarse amargamente de ser vítimas da “cultura da cancelación” ou incluso de sufrir violencia. Violencia entendida como violencia verbal, discursiva, violencia en forma de bromas, memes e sarcasmo. Hai quen defende que a violencia así exercida tamén é violencia, pero creo que debemos reflexionar sobre o sentido e a direccionalidade destas accións. As persoas que denuncian estar a ser “canceladas” en moitas ocasións fano dende columnas de xornais de grande tirada ou dende tribunas públicas, cuns medios de difusión que ningún dos supostos canceladores posúen. A suposta censura, ademais, non os aparta destes medios. A violencia recibida en forma de chíos moi irónicos e divertidos tampouco parece ameazar a súa posición de privilexio, nin viola ningunha lei. Cando un chío sequera roza un tipo penal vemos como todo o aparato xudicial do estado cae con dureza, por exemplo contra unha estudante de maxisterio que un día ironizou sobre un dirixente fascista. Cal é, entón, esta violencia? Non será máis ben que quen detenta o poder non está afeito a disensións? Non será que estreitaron tanto o cerco da protesta e a queixa lexítima que agora ata a ironía e o chiste lles parece unha violencia intolerable?

Falaba tamén da direccionalidade, porque non é o mesmo ver como quen non ten voceiros nin poder de ningún tipo ataca a quen si o ten, que asistir ás represalias dos poderosos contra a cidadanía. Quen se expón publicamente cunha gran cobertura ten que estar preparado para ser criticado e cuestionado. Agora resulta que isto pode facerse directamente e sen intermediarios, e iso parece que molesta. Ao mesmo tempo, esta suposta violencia verbal (o chío, a ironía, o meme) pode exercerse cara arriba ou cara abaixo, e isto tamén é relevante. Se un grupo de persoas denuncian unha situación inxusta ou protestan por algo que consideran discriminatorio, iso non é cultura da cancelación, é loita social. Sobre todo porque á vista está que ninguén perde o seu traballo e nin sequera as súas tribunas de opinión por recibir esas críticas. Pode cambiar o medio ou a forma de expresar a denuncia, sobre todo pola criminalización que están a sufrir os xeitos de protesta máis tradicionais, pero cando vexades que “cancelan” a alguén, pensade primeiro se non se trata simplemente de protestas contra o poder.

Comentarios