Opinión

Cámbiano seguido

Que a normativa do galego cambia constantemente é un prexuízo que escoitamos frecuentemente para desprestixiar a nosa lingua. É unha idea errónea, porque o último cambio normativo data do ano 2003, e ademais todas as linguas evolúen e mudan. As profesionais da saúde escoitamos case tanto como as profesoras e filólogas este lugar común, facendo referencia ás recomendacións de saúde e en concreto ao que se considera saudable na alimentación. Igual que co caso do galego, as recomendacións cambian, pero non con tanta frecuencia como o percibe a poboación xeral. Que o que sabemos sobre nutrición dea lugar a cambios cada vinte anos non parece unha frecuencia inasumible. Consellos como tomar un vaso de viño en cada comida ou limitar os ovos ou o peixe azul ficaron obsoletas nos anos oitenta, non hai seis meses.

Pois ben, este mesmo mes, en relación co importante aumento no prezo dos alimentos básicos, a Axencia Española de Seguridade Alimentar e Nutrición publicou unhas recomendacións de dieta saudable e sostible que hai décadas que non se corresponden coa evidencia científica dispoñible. Se ben na publicación de Twitter fala de "priorizar froitas, verduras e legumes", o cal é correcto, na infografía continúan a propoñer entre 3 e 6 racións diarias de cereais. Non distinguen tampouco cereais enteiros, refinados ou fariñas ultraprocesadas, nin carne vermella de branca. As críticas viñeron tamén porque inclúen o peixe como indispensable, ignorando as dietas veganas ou vexetarianas. Pero é que ademais, continuar a priorizar os cereais sen distinción da súa orixe ou grao de procesamento recorda inevitablemente á famosa "pirámide dos alimentos" que estudamos os que fixemos a EXB, e que aínda que nos doa lembralo, foi hai máis de dúas décadas.

As recomendacións actuais da OMS son claras, e propoñen dietas baseadas en produtos frescos ou minimamente procesados de orixe vexetal, o cal coloca na base da nova pirámide as verduras, hortalizas e grans enteiros, e non o pan, pastas e derivados refinados de fariñas de cereal. Por outra banda, falan de reducir o consumo de carne vermella o máximo posible, polo que non se debería recomendar en ningún caso o seu consumo.

De verdade non hai ninguén en toda a Axencia con coñecementos de nutrición actualizados? Ou para o Ministerio modificar as recomendacións cada vinte anos tamén significa que "as cambiamos seguido"?

Comentarios