Opinión

Calendario vacinal

O pasado mes de outubro aprobouse o novo calendario vacinal, que pasou case desapercibido a nivel informativo entre toda a violencia verbal á que nos ten afeitas a política. Neste novo calendario inclúese a vacina do virus do papiloma humano en nenos varóns, que ata o momento só se administraba ás nenas. Chama a atención a ausencia de polémica a este respecto, dado que a inclusión da mesma vacina nas mulleres foi obxecto de innumerables críticas.

O virus do papiloma humano (VPH) é un patóxeno case omnipresente nos nosos organismos e que ademais de afeccións leves, como as verrugas, está na orixe patolóxica do tipo de cancro de útero máis habitual. Transmítese por contacto pel con pel, xeralmente durante prácticas sexuais, pero como se atopa na superficie cutánea e non nos fluídos, os métodos de barreira como o preservativo non combaten a súa transmisión.

Cando a vacina contra este virus se incluíu por primeira vez no calendario, desatouse unha onda de oposición, baseada nos supostos efectos adversos e a escasa seguridade do produto. Había voces tamén que non a consideraban esencial xa que as nenas aínda non tiñan na súa maior parte actividade sexual. Máis de dez anos despois e tras millóns de doses administradas, o cancro de útero diminuíu nun 87%, como recolle a revista científica Lancet. As reaccións adversas existen, como con calquera outro medicamento, pero na mesma medida que noutras vacinas xa coñecidas. A oposición disolveuse igual que se creou, sen que ninguén recoñecese o erro nin emendase publicamente a súa postura.

Teño para min que a diferenza agora é que todo aquilo que mellora a liberdade sexual das mulleres, especialmente das mulleres novas, crea polémica. Calquera avance científico que supoña que podemos ser sexualmente activas cun medo menos xera oposición, porque agora que as limitacións morais xa non fan efecto, moitas persoas intentan empregar a saúde co mesmo obxectivo. Neste caso, como a cobertura se amplía aos homes, que non son os afectados aínda que poden transmitilo, os medios non consideran que sexa noticia este avance. Ben porque a saúde dos homes non se ve afectada, ben porque ninguén considera que tivesen responsabilidade na transmisión, desta vez esta pequena grande vitoria científica tamén pasou desapercibida. As mulleres podemos celebrar que temos un medo menos e unha parcela máis de liberdade

Comentarios