Opinión

Caen as máscaras

Esta semana rematou a obrigatoriedade de levar máscara en interiores, exceptuando centros médicos e transporte público. Que deixe de ser obrigatoria non quere dicir que se prohiba, o cal pode parecer obvio pero non está de máis repetilo.

Non é a primeira vez na historia que se empregan máscaras para a vida cotiá, xa na gripe de 1918 foi unha medida empregada para frear os contaxios, coas limitacións en canto a materiais e acceso propias da época. Case todas eran máscaras artesanais, feitas con prendas de roupa, seguramente coidando pouco a hixiene, e non chegaron a converterse nunha medida universal. Xa non temos lembranza disto máis que polas imaxes, porque unha vez superada a pandemia, o seu uso diminuíu ata desaparecer.

Nesta ocasión pode que moitas persoas, ben por condicións de saúde ou ben por percepción de risco, decidan continuar a empregalas en certos momentos. Polo pronto, aínda hai lugares nos que o seu uso é obrigatorio. Porén, eu son da opinión de que, aínda que chegue o momento no que tampouco en centros médicos sexan obrigadas, se cadra si deberan converterse nun artigo de hixiene habitual. Por exemplo, se temos algún síntoma respiratorio e viaxamos en transporte público, se facemos unha visita a unha persoa hospitalizada ou a un bebé, aínda que deixe de ser obrigatorio penso que debera ser común e socialmente ben visto poñela.

O uso de máscaras tivo unha serie de consecuencias beneficiosas inesperadas, como unha incidencia moito menor da gripe e, sobre todo, do virus respiratorio sincitial e bronquiolites, ambas patoloxías potencialmente graves en lactantes e en persoas de idade avanzada ou inmunodeficientes. Aínda volvendo case por completo á antiga normalidade, podemos incorporar hábitos máis saudables aprendidos desta crise sanitaria. Cousas que viamos como normais, como visitas hospitalarias de varias persoas durante horas, bicos e arrechuchos varios aos bebés moi pequenos ou ir traballar con febre ou tose deberan formar parte do pasado e parecernos barbaridades. Acontece xa con cousas como fumar nos restaurantes ou circular sen cinto, que ata non hai moito eran o normal pero que hoxe non concibimos. Non creo que desta pandemia saiamos mellores nin peores, pero polo menos sería bo que saísemos cun par de cousas sabidas.

Comentarios