Opinión

Boatos

Cando nos atopamos nunha situación que percibimos como de perigo, as condutas máis primarias e menos racionais do ser humano actívanse de novo. Isto non é malo, aínda que as consecuencias poidan selo. Trátase simplemente dun repertorio de comportamentos que nos teñen axudado a sobrevivir nos últimos tres millóns de anos.

Imaxinemos un pequeno grupo de cazadores-recolectores nómades. Un grupo composto por non máis de 40 individuos, moitos deles nenos ou adolescentes. Case ningún ancián con experiencia. Estreitamente emparentados uns cos outros. Nese grupo calquera información relevante, especialmente se é útil para evitar un risco, resulta vital. Sería case un crime non compartila co resto das persoas. Por outra banda, alertar dunha ameaza e que finalmente non se materialice non supón máis que unha perturbación momentánea, sen consecuencias graves. A información podía ser un ben moi prezado e sobre todo moi escaso e difícil de conseguir. Moitas veces, quen descubría unha fonte de perigo (un vexetal velenoso, un predador, un fenómeno natural) non vivía para contalo. Por iso o ser humano está sempre tan ávido de escoitar narracións nas que o protagonista supera diversas probas e situacións e sae triunfante. É información que pode que o ouvinte precise no futuro.

O problema é que este panorama de escaseza e dificultade de acceso á información cambiou radicalmente nas últimas décadas, pero os nosos cerebros seguen a ser exactamente iguais que os dos pequenos grupos nómades. Agora, a información é omnipresente e difícil de filtrar e organizar. Hai que di que un neno de cinco anos está na actualidade exposto a máis información que unha persoa que vivise no século XIX ao longo de toda a súa vida. Ignoro de onde sae o dato ou como se calcula, pero a idea paréceme certeira. Agora o problema non é conseguir información, senón discriminar cal é correcta. O motivo polo que nos enganchamos a series e nos gustan as aventuras, polo que queremos que o protagonista supere todos os obstáculos, é o noso cerebro colaborativo. Por isto temos tendencia a reenviar todos as mensaxes alarmistas, esaxeradas e moi posiblemente falsas que nos chegan por diversos medios. Porque sexamos malas persoas ou porque non sexamos moi listos? Non, simplemente porque seguimos a ser simios recolectores, pero agora temos un smartphone na man.

Comentarios