Opinión

Bioética

Facer medrar neuronas humanas en cerebros de ratas pode parecer ciencia ficción, pero xa está a pasar. Esta semana a revista Nature publicaba a investigación na que un equipo logrou implantar células nai humanas en cerebros de ratas, que se desenvolveron como células nerviosas completas, integrándose co resto de neuronas do animal. As células nai son aquelas procedentes do tecido embrionario e teñen a capacidade de converterse en calquera tecido do organismo, dependendo de onde se implanten. Como sabedes, nos individuos adultos a produción de novas neuronas é moi limitada, polo que este experimento abre a porta ao tratamento de varias doenzas, como o Alzheimer ou certos trastornos do neurodesenvolvemento.

Cando comezou a investigación con células nai deuse certa polémica sobre o seu uso, en parte pola falta de coñecemento sobre a súa orixe (falábase de "experimentar con embrións") e en parte tamén pola oposición sistemática que dende certas posicións reaccionarias se exerce cara a calquera avance científico. Á vista das múltiples aplicacións desta tecnoloxía, as reticencias iniciais foron amplamente superadas e hoxe ninguén fala dos perigos do emprego de células nai.

Porén, si existe unha reflexión seria e rigorosa, dende o coñecemento científico, sobre onde están os límites da experimentación e o que é lexítimo ou non poñer en práctica. A bioética encárgase de desenvolver esta reflexión, cunha perspectiva laica e racionalista. Un dos límites en discusión é ata onde podemos chegar na experimentación con animais, como neste caso. A comunidade científica considera unha liña vermella o emprego de grandes simios, pero moitas voces non concordan tampouco co emprego doutros seres sentintes, como as ratas. Outra das áreas da bioética é ata que punto debemos alterar o noso organismo, e con que fin. Se esta nova técnica logra mellorar a vida das persoas con Alzheimer ninguén pon en dúbida a moralidade de seu emprego, pero e se con ela puidésemos mellorar as capacidade cognitivas de persoas sas? Ata onde é seguro modificar o noso cerebro e que consecuencias pode ter? Seguramente non existan respostas absolutas a estas preguntas, porque son interrogantes que teremos que contestar como sociedade.

Se che interesa o artigo completo podes lelo nesta ligazón.

Comentarios