Opinión

Bifobia

Hai pouco lemos a terrible noticia do suicidio dunha adolescente, acosada no seu centro de ensino por declararse bisexual. As datas do Día Mundial da Prevención do Suicidio e do Día Mundial da Saúde Mental quedan dramaticamente próximas. Cando falamos de saúde mental falamos de asistencia suficiente e accesible, de recursos e de medios humanos e materiais, pero a saúde mental é moito máis. É xerar espazos libres e seguros para o desenvolvemento das persoas novas, onde poidan expoñer as súas escollas e a súa identidade sen medo a sufrir represalias. É tamén excluír e expulsar da nosa sociedade os discursos que permiten e perpetúan estes actos. Porque se pensamos que os culpables do acoso son unicamente os acosadores, estamos moi enganados.

Calquera persoa que ridiculiza ou minimiza os sentimentos ou preferencias dunha adolescente (“estás confusa”, “é unha fase”...) é culpable por omisión ou neglixencia de que acontezan estas cousas. Calquera que en presenza de menores promova ou sosteña discursos de odio, que discriminen as persoas pola súa orientación ou identidade sexual ou calquera outra característica, é en parte cómplice do acoso. Calquera adulto que detecte ou sospeite estas condutas e non faga nada ten parte de responsabilidade no acontecido. As políticas que, por exemplo, fan que as persoas trans teñan que agardar para cambiar o nome nos documentos e historias clínicas, expoñéndoas a todo un rosario de situacións violentas e malentendidos humillantes, son en parte responsables de feitos así.

As persoas que votan partidos homófobos, que se opoñen a que se imparta educación sexual, que defenden o ensino segregado ou o absurdo dos uniformes diferenciados por xénero (en 2020!) teñen unha parte de culpa, pequena pero esencial, en que acontezan este tipo de cousas. Quen se escandaliza porque un filme infantil teña protagonistas non heterosexuais, quen decide furtar os seus fillos a vivencia de que existen outras vivencias diferentes a del ou ela, quen censura e oculta outras realidades está poñendo unha pedriña máis para que eses fillos seus sexan os seguintes acosadores. Non vale de nada sorprendernos polas cifras de suicidios adolescentes se despois nós mesmas continuamos a fomentar as situacións que os xeran.

Comentarios