Opinión

Bibliotecas

Ás veces teño a sensación de que, se estou a ler sobre certo tema, atopo referencias a el por todas partes. Supoño que se trata do nesgo cognitivo polo que prestas máis atención a certos estímulos que resultan relevantes. Este fin de ano lin varias cousas relacionadas co Imperio Romano de oriente e coa transmisión do coñecemento científico grego a través da cultura bizantina primeiro e posteriormente árabe. Hoxe chegou ás miñas mans o calendario científico de 2023 e vexo que esta semana unha das efemérides é o nacemento de al-Hakam, o creador dunha das máis grandes bibliotecas científicas da súa época, o século X.

No mundo anterior á imprenta, era necesario copiar os textos unha e outra vez para evitar que se perdesen. Os soportes da escritura eran, na súa maior parte, efémeros, como as fibras vexetais ou as peles de animais. O proceso de copia era laborioso e caro, polo que necesariamente se produciu unha selección de textos. En parte, esta escolla era involuntaria, xa que se copiaban máis os que xeraban máis interese, pero en parte houbo tamén unha destrución voluntaria de obras que non se adaptaban ao monoteísmo cristián. Curiosamente, non en todas as rexións do mundo nin en todas as épocas as relixións abrahámicas tiveron a mesma actitude cara ao coñecemento científico. Na Idade Media, mentres en Occidente os textos científicos deixaron de copiarse na súa meirande parte, con excepcións como Euclides, Aristóteles ou parte da obra de Hipócrates, no que quedaba do Imperio Romano continuouse coa tradición helenística. Posteriormente, nun fermoso bucle, este coñecemento pasaría á cultura musulmá de onde sería recuperada polo Renacemento europeo. Durante toda a Idade Media, as grandes bibliotecas estiveron en Al-Ándalus, Bagdad ou Constantinopla, en lingua grega e árabe, aínda que a día de hoxe pensemos equivocadamente na ciencia como un produto da cultura occidental. Incluso sen ter en conta as achegas doutras civilizacións como a chinesa ou a india, os seres humanos de todas as épocas e culturas chegamos a conclusións semellantes mediante a observación do mundo natural. A pesar do escurantismo que tratan de impoñer as crenzas relixiosas e das inconmensurables perdas que provocaron, pódese rastrear a curiosidade, a intelixencia e o espírito crítico dende hai máis de cinco mil anos ata hoxe.

Comentarios