Opinión

Axuda

Que a enésima onda da pandemia ía ser a da saúde mental era sabido. Levamos avisándoo dende o inicio da crise sanitaria e agora comeza a escoitarse tamén nos medios e nos discursos oficiais. Incluso semella que van chegar orzamentos específicos para unha área tradicionalmente mal dotada e mal orzamentada. Todo isto está moi ben pero se tedes un problema de saúde mental, vós ou a vosa familia, saberíades onde solicitar axuda? A resposta correcta é que hai que solicitala a través da médica de cabeceira, pero nin a min nin a moitos profesionais nos parece que sexa suficiente, por varios motivos. En primeiro lugar, esta relación tan obvia para moita xente non é tan directa.

A saúde mental aínda non está libre do estigma que cargou durante séculos, e para moitas persoas sentirse triste ou ter ganas de morrer non é un problema de saúde e non o identifican con recorrer ao sistema sanitario. Ademais, a propia sintomatoloxía depresiva pode dificultar o acceso a estes recursos, porque xeralmente require de xestións, perseverancia e moito tempo ao teléfono, cousas que para unha persoa con problemas de estado de ánimo son aínda máis gravosas. Por último, é frecuente que cando non nos atopamos ben de ánimo nos sintamos tamén culpables por estar así, teñamos vergoña de falar destes temas ou pensemos que non imos ser comprendidos nin escoitados. Son múltiples factores os que dificultan o acceso.

Se facemos unha busca en internet coas palabras “psicoloxía” “psiquiatría” ou “saúde mental” non atopamos ningún teléfono ou enderezo no que atopar información. Non hai ningunha páxina oficial que nos explique que prestacións públicas existen nin como se accede a elas. Se buscamos dentro da propia páxina do Servizo Galego de Saúde, a situación é a mesma. Anímovos a facer a proba.

Está claro que temos un problema grave de accesibilidade e de comunicación. Son necesarios máis recursos, pero tamén que a cidadanía coñeza os seus dereitos, que pode agardar e onde atopalo. Do mesmo xeito que existe un teléfono para a violencia de xénero, podería habilitarse un número para problemas de saúde mental, unha web accesible para consulta cidadá e campañas de visibilización dos problemas. O suicidio xa causa máis mortes que os accidentes de tráfico, pero non existe ningunha campaña de prevención nos medios de comunicación. 

Comentarios