Opinión

Atención telefónica

Non vos fixastes que cada vez prolifera máis a publicidade de seguros de saúde privados? Contrastan na súa publicidade os reclamos de "atención persoal e inmediata", coa referencia á medicina online. Curiosamente, dúas tendencias contrapostas para atraer clientes. Os seguros de saúde anúncianse como unha alternativa "complementaria" á sanidade pública e universal, o que quere dicir que aproveitan as eivas e carencias do sistema público para obter lucro. Ter unha consulta con certa axilidade en oftalmoloxía, psiquiatría ou xinecoloxía, por poñer un exemplo, non representa un servizo de luxo senón necesidades inmediatas e perentorias, e para o sistema público é cada vez máis difícil fornecelas coa suficiente rapidez ou frecuencia. Na situación actual, incluso servizos extremadamente básicos, como unha consulta presencial cun médico de atención primaria, ou a posibilidade de establecer contacto telefónico están a ser postos en cuestión e a malfuncionar a ollos vista. Ante a posibilidade de que esta situación se cronifique, cada vez máis usuarios decidirán que deben recorrer á sanidade privada. O feito de que esta publicite explicitamente que a atención será persoal leva a pensar que a xente valora moi positivamente a presencialidade das consultas médicas. Isto, que parece unha verdade de patacón, queda continuamente en entredito cando escoitamos unha e outra vez que a atención sanitaria do futuro será telemática. Pero se o é, será inevitablemente unha atención de menor calidade. Confúndese interesadamente a parte de traballo administrativo que facemos as profesionais da saúde. Cousas como renovar receitas, facer informes ou partes de baixa, etc... xa se fan, en grande medida, de forma informatizada e paralela á atención médica en si. Esta consiste na exploración física do paciente, na que é necesario apalpar, ver, ulir e tocar. Os cupos monstruosos de usuarios en atención primaria deixaron xa esta última parte reducida á mínima expresión. Coa atención telefónica, esta posibilidade perdeuse completamente. Hai doenzas imposibles de diagnosticar por teléfono. Hai síntomas que só se poden observar coa persoa diante. E ademais, hai algo chamado relación terapéutica que é a condición previa de todo o anterior, e que só se consigue véndonos cara a cara.

Comentarios