Opinión

Anuméricos

Un amigo matemático comentábame hai uns días a eiva terrible que temos os profesionais sanitarios á hora de ler e comprender datos estatísticos. Unha eiva con consecuencias graves, xa que a inmensa maioría das decisións de saúde tómanse adoptando como referencias valores estatísticos e non absolutos. Pero non só iso, senón que tamén temos dificultades en comunicar este tipo de información, porque nós mesmas non acabamos de comprendela e porque a poboación xeral non adoita enfrontarse a datos expresados dese xeito.

O ser humano mide mal probabilidades. O noso cerebro non está preparado para funcionar así, e calquera achega que fagamos a este paradigma vai ser dificultosa ou anti-intuitiva. Se lle dicimos a alguén que ten un 20% de posibilidades de ter cancro, por exemplo, vai tender a sobreestimar esta probabilidade polo grave que resulta de producirse, cando en realidade o 80% (de non padecelo) é unha porcentaxe elevadísima dende o punto de vista biomédico. Isto ten que ver con como o noso cerebro evoluciona para evitar o perigo, que nos fai sobreestimar as posibilidades de que acontezan eventos adversos. Cando as persoas len os efectos secundarios dun medicamento tenden a crer que son eventos que se producen sempre ou a maior parte das veces, aínda que se especifique “moi raros”. Cando escoitamos un dato que non concorda coa nosa experiencia persoal, tendemos a pensar que é falso.

A maioría das persoas esquecemos as matemáticas que aprendemos no colexio á velocidade da luz. Incluso aqueles que optamos por disciplinas científico-técnicas temos serias dificultades para comprender unha estatística básica. Estaremos enfocando mal a aprendizaxe matemática nos niveis básicos do ensino? Se cadra, en lugar de realizar operacións abstractas e repetitivas, que son difíciles de asociar a nada real, debéramos poñer máis énfase na comprensión de conceptos básicos. Unha porcentaxe, unha media ou unha mediana, que representa unha campá de Gauss son exemplos que se poden aplicar ao día a día e que fornecen un marco de pensamento que nos axuda a comprender a realidade e fuxir de nesgos cognitivos aos que todos os seres humanos tendemos de xeito natural, como sobrevalorar a propia experiencia como norma do que é frecuente, ou infravalorar a ocorrencia de fenómenos que non se achan na nosa experiencia inmediata. Como dixo Galileo, a natureza está escrita en linguaxe matemática.

Comentarios