Opinión

Anticonceptivos

Vimos reavivarse estes días un debate que parecía superado: o da dispensación sen necesidade de receita de anticoncepción de emerxencia. Este tipo de discusións só teñen a función de redefinir unha vez máis os límites do debate sobre a autonomía corporal das mulleres, validando e dando cabida ás posicións máis reaccionarias. É un xeito de "mover o dial" do que está ou non dentro da discusión para permitir posturas de limitación de dereitos. No estado español a anticoncepción de emerxencia dispénsase sen receita dende hai décadas sen que isto supoña ningún tipo de problema nin de "abuso". Por sorte, os anticonceptivos actuais son seguros e ben tolerados, con moitos menos efectos secundarios que outros medicamentos que se dispensan libremente. Quen os describe como "bombas hormonais" supoño que ignora que, por exemplo, seis gramos doutro medicamento distribuído tamén sen receita, como o paracetamol, son hepatotóxicos e potencialmente letais. Ademais, os casos de mulleres que recorren en varias ocasións sucesivas a anticoncepción de emerxencia son excepcionais e, polo xeral, responden a outro tipo de problemáticas que son bastante máis graves que ter que tomar a pílula varias veces.

O debate sobre o dereito á obxección de conciencia das profesionais farmacéuticas ou sobre a pertinencia de facilitar o acceso a este tipo de anticoncepción está baseado en falacias e en datos manifestamente falsos, como o da perigosidade do produto ou o seu uso inaxeitado, e só ten por obxecto dificultar o acceso a anticonceptivos. Quen fala de "obxección de conciencia" para dispensar a pílula do día despois adoita coincidir con quen tamén ten problemas de conciencia para vender preservativos ou ofrecer educación sexual de calidade. Que as mulleres non decidan sobre a súa planificación reprodutiva é a mellor maneira de limitar a súa integración laboral e a súa traxectoria académica e de facelas dependentes doutras persoas, xeralmente homes. O acceso doado e seguro a métodos anticonceptivos de todo tipo fixo que os datos de embarazos non desexados, sobre todo a idades precoces, sexan na actualidade case residuais. É dicir, estase a cuestionar unha medida que demostrou ser moi eficaz para lograr exactamente o que se pretendía: que ningunha muller teña que pasar por unha gravidez que non desexa e que trunque os seus plans de futuro.

Comentarios