Opinión

Anti-Nobel

A ciencia sempre parece seria e solemne, pero tamén temos moito humor por aquí. De feito, o humor e a imaxinación deberan ser elementos esenciais da pescuda científica. A imaxinación, para formular hipóteses e relacións entre feitos que despois serán postas a proba. O humor, para non tomarnos demasiado en serio a nós mesmas e manter o espírito crítico, incluso coas nosas propias crenzas.

O humor permítenos tomar distancia e valorar con máis obxectividade as conviccións máis arraigadas. Con este espírito concédense cada ano os Ig Nobel, unha especie de anti-premios ás investigacións máis absurdas, cómicas ou disparatadas. Ollo, que os estudos premiados poden ser rigorosos e de boa calidade, e as conclusións ás que chegan poden ser certas. O que se premia non son estudos mal feitos, senón a comicidade intrínseca dos mesmos. De feito, os galardoados co Ig Nobel adoitan recollelo eles mesmos, con toda a pompa e cerimonia necesaria, e co orgullo natural do investigador de, por exemplo, os ruídos que emite un crocodilo introducido nunha cámara con helio.

Si, estes foron os vencedores de 2020 na categoría de Acústica. Outros galardóns que merece a pena nomear neste convulso 2020 foron o de Medicina, outorgado ao grupo que investiga as propiedades protectoras da pizza fronte ao cancro (spoiler: sae mal. Tirade a publicidade de Telepizza), o de Química, pola interesantísima investigación sobre o volume de cuspe que emite ao día un neno de cinco anos, ou o de Entomoloxía, concedido en recoñecemento aos científicos que estudan o medo ás arañas dos entomólogos. Por sorte, como as arañas non son insectos, isto non parece afectar ao seu traballo.

Se pensades que todo isto é unha brincadeira pero non ten nada que ver coa ciencia de verdade, ou que os auténticos científicos miran un pouco por riba do ombro os Ig Nobel, direivos que nada máis lonxe da realidade. Os estudos premiados apareceron en publicacións científicas reais, e incluso a prestixiosa revista Nature considéraos unha cita ineludible do calendario científico. A risa, o humor, o espírito crítico e a extravagancia son aliados moi poderosos do pensamento científico. No seu momento, Galileo tirando pedras dende a Torre de Pisa puido ser un candidato excelente ao Ig Nobel.

Comentarios