Opinión

Ensaios clínicos

Moitas persoas pensan que a cura do cancro, do ébola, da SIDA e agora da COVID está xuntando po no caixón dalgún directivo multimillonario. As farmacéuticas son empresas capitalistas que se rexen polo interese económico, e moitas veces teñen os seus propios calendarios e prazos para determinados tratamentos. Isto é certo. O que tamén é certo é que as moléculas teñen patentes relativamente curtas, que se inician cando son descubertas, así que cada minuto que a suposta vacina do cancro pasa nun caixón a compañía está perdendo cartos. Dende que unha molécula farmacoloxicamente activa é descuberta ou desenvolvida ata que se conceden os permisos para comercializala, teñen que pasar anos de probas, coñecidas como ensaios clínicos. Estes divídense en  varias fases. A fase preclínica é aquela na que o medicamento é probado en células illadas (in vitro) ou en animais de laboratorio, antes de ser testado en humanos. Unha vez que se comproba a súa seguridade, pasa ás fases clínicas, con suxeitos humanos. A fase 1 é aquela na que se comproba que non ten efectos adversos de relevancia, a dose precisa e o rango de seguridade das doses. Xeralmente realízase con persoas sas que se prestan voluntarias. Na fase 2 compróbase a súa eficacia en relación coa dose administrada, en grupos reducidos de pacientes. Unha vez superados estes estudos, o fármaco pode pasar á fase 3, onde se administra a grandes grupos de pacientes, nas condicións habituais, e comparándoa con outros tratamentos dispoñibles. Só despois de ter demostrado seguridade, eficacia e avantaxe sobre outros tratamentos preexistentes un fármaco pode ser comercializado. As vacinas teñen que pasar, como calquera outro medicamento, todo este percorrido. No caso da da COVID, ao igual que xa pasou coa do ébola, a emerxencia sanitaria pode facer que os tempos previstos para cada fase se reduzan, pero por moita présa que poidamos ter, non é conveniente “saltar pasos”. No caso do ébola, a vacina superou todas as fases, aínda que en menor tempo, antes de ser utilizada. As informacións que chegan sobre supostas vacinas dispoñibles para o coronavirus non deixan claro se se están a respectar estritamente todos os requisitos necesarios para que os medicamentos que empregamos sexan eficaces e seguros.

Comentarios