Opinión

Amianto

Hai poucos días coñecíamos a sentenza que recoñecía como enfermidade profesional o cancro que rematou coa vida de José María Íñigo, o popular presentador español. O amianto, un material que se empregaba nas construcións durante os anos 60 e 70, foi o que produciu o tumor pulmonar que padecía. 

As persoas que vivimos a nosa infancia en cidades con factorías ou estaleiros escoitamos centos de historias sobre enfermidades profesionais relacionadas con certos produtos. O asbesto ou amianto, a pesar de que o asociamos coas industrias modernas, é un mineral natural, empregado xa na Idade de Pedra, se ben a pequena escala. Incluso autores romanos describen a enfermidade pulmonar que padecían os escravos que traballaban nas factorías téxtiles que o empregaban. Co seu uso masivo no século XIX é cando comeza a producir problemas de saúde cada vez máis frecuentes nas persoas en contacto con el. O amianto forma fibras e partículas de po de diferentes tamaños que ao ser aspiradas chegan aos pulmóns e producen alteracións no tecido pulmonar. Pode orixinar  endurecemento e perda de flexibilidade (fibrose), o cal dificulta a respiración. Esta patoloxía recibe o nome de asbestose. Tamén, noutros casos, acaba conducindo á aparición de tumores, como foi o caso do xornalista. 

Aínda que tendemos a atribuír características nocivas para a nosa saúde, este é outro exemplo de elementos de orixe natural e coñecidos dende a remota Antigüidade que poden provocar enfermidades graves. O alcol, os gases produto da combustión ou a propia luz solar, son outros exemplos de manifestacións naturais canceríxenas. Dende sempre, os seres humanos destilaron ou fermentaron bebidas, empregaron febras de asbesto para as súas roupas ou cerámicas e fixeron fogueiras. Estas prácticas foron claramente vantaxosas e adaptativas, ou non se terían conservado ao longo da historia. En épocas nas que a esperanza de vida era moi curta, enfermidades que tardan décadas en aparecer non constituían unha causa de mortalidade frecuente, como si o era o frío, as intoxicacións alimentares ou a fame. As condicións cambiaron moito, e o que hai séculos resultaba conveniente e útil hoxe pode ser perigoso e inaceptable.

Tamén as nosas vidas cambian, e hoxe agardamos vivir cen anos en lugar de corenta.

Comentarios