Opinión

5G

Durante o confinamento tiven a oportunidade de participar nunha charla online con alumnos dun instituto. Propúxenlles varios temas relacionados coa ciencia e escolleron as conspiracións en torno ao coronavirus. Aproveitei para explicarlles como funciona un virus, como se replica e por que é pouco probable que se trate dun organismo modificado artificialmente. Falamos do 5G e xa sabían por que a radiación non ionizante, como a da telefonía móbil, non afecta aos organismos vivos, nin ás nosas células nin tampouco aos virus. Entenderon todo e rímonos moito. Entón, se rapaces de 14 anos son quen de entender sen esforzo que é imposible que os virus sexan controlados mediante o 5G, como pode ser que adultos con experiencia acrediten en ideas que xa non é que sexan absurdas, senón que violan o sentido común?

Hai uns anos, estaba de moda a febre anti-antenas. Multitude de persoas acreditaban que a tecnoloxía dos teléfonos móbiles era perxudicial para a saúde e causaba cancro. Houbo incluso unha iniciativa para eliminar as redes wifi das escolas, que tamén se pensaba que eran nocivas. A pesar de que moitas xa falamos naquel momento da imposibilidade física de que a radiación non ionizante afectase ás células humanas, sempre se esgrimía como argumento o principio de precaución, mal comprendido e peor empregado. Agora que, tras vinte anos de emprego da tecnoloxía móbil parece obvio que non aumentaron os casos de cancro relacionados co seu uso e que non se pode aventurar sequera unha asociación, reaparece unha nova mutación desta idea que agocha o mesmo vello preconcepto: a tecnofobia, o medo irracional cara a calquera avance tecnolóxico. Por suposto, cómpre ser críticos coa tecnoloxía, e aínda máis coas empresas detrás dela e como se emprega para obter beneficios, pero todo o que sabemos das radiacións non ionizantes, como as ondas de radio, de teléfono, televisión e as microondas, fan imposible que teñan efecto ningún sobre organismos vivos. Como vemos, os rapaces de ensino medio son quen de percibir ese remexido entre medo á modernidade e ao desenvolvemento, adubado nestes días coa incerteza da actual pandemia e as ideas conspiranoicas de novo cuño

Comentarios