Opinión

25 de novembro

O 25 de novembro conmemoramos o Día contra a Violencia de Xénero. Estamos asistindo a un certo intento de retroceso social por parte de grupos que poñen en cuestión a existencia deste problema e das leis que protexen as mulleres, e que supuxeron un avance social innegable.

Aínda así, case vinte anos despois da aprobación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, cómpre unha reflexión dende a esquerda. A realidade social evolucionou nestes vinte anos, e o marco legal debe avanzar igualmente.

Os ataques de ultradereita ás leis contra a violencia de xénero baséanse en tratar cada caso como un suceso particular, negando o substrato común que comparten: a situación de desigualdade estrutural que sofren as mulleres. A crítica lexítima debe ir na dirección contraria, valorando outras situacións fóra do ámbito da parella nas que esa desigualdade tamén está presente. Por exemplo, casos nos que as mulleres somos agredidas por rexeitar un achegamento sexual dun home co que non existe relación deberan entrar nesta mesma categoría.

Tamén sería necesaria unha reflexión sobre a violencia en parellas do mesmo xénero que, se ben non pode enmarcarse exactamente nesta categoría, moitas veces repite e imita as mesmas dinámicas machistas e patriarcais. Este último tema pode ser un punto de fricción porque, para moitas de nós, recoñecer que tamén nas relacións non heterosexuais poden darse situacións de abuso e violencia parece poñer en cuestión o problema central da violencia de xénero. Aínda que obviamente a incidencia destes casos é moitísimo menor, e os que rematan en morte son case inexistentes, todos as persoas somos socializadas en marcos patriarcais que inclúen a normalización dos celos ou da posesión dentro das relacións afectivo-sexuais.

En moitos temas sensibles as persoas de esquerdas vémonos atrincheiradas na defensa férrea da lexislación, á vista de que, en moitas ocasións, nin sequera o seu cumprimento está garantido. Isto, aínda que comprensible, impide moitas veces que poidamos situarnos nunha posición de verdadeiro avance social e de crítica realmente eficaz ao estado actual das cousas. Non hai que ter medo de cuestionar os avances, sempre que sexa para levalos máis aló.

Comentarios