Opinión

O patriarcado saca as súas  garras… e os novos feminismos respostan! 

Eu diría que hai momentos na vida nos que o patriarcado saca as súas garras. Pode ser saíndo de marcha pola noite, cando te separas do teu ex ou nunha asemblea dun movemento social… Non é que o patriarcado non estea sempre ahí; está machaconamente todos os días diante túa, só tes que ir cos ollos abertos para velo ao teu redor. Porén, refírome a certos momentos nos que o patriarcado se desvela na súa crudeza: chámolle eses “momentos de súbita aparición do patriarcado en todo o seu esplendor”. Quizáis un pouco longa a frase. Son desvelos, son instantes lúcidos nos que captas as garras do patriarcado, e sintes nas túas carnes que o patriarcado non é só unha palabra que cita Kate Millet en Política sexual, é algo que se sinte e te toca, e que te gustaría destruir, pero non es quen de facelo soa. 

Ben, pois eses momentos de súbita aparición sentímolo moitas na nosa militancia. As organizacións mixtas dos movementos sociais (podemos falar de comunistas, ecoloxistas, antiespecistas ou anarquistas) adolecen dunhas dinámicas machistas que nos impiden ocupar o espazo público do mesmo xeito cá eles. Ao fin e ao cabo eles están habituados a dominar ese espazo público, e non están  dispostos a ceder espazo (e estatus) así porque si. Estas dinámicas reprodúcense tanto cara dentro das organizacións: quen fala máis nas asembleas, quen ocupa os cargos de poder, como son os horarios de reunións, se hai canguro para crianzas, quen é recoñecido/a como gran orador, escritor ou blogueiro. E tamén se reproducen cara fóra: que linguaxe se usa nos manifestos, quen fala nos medios de comunicación ou que imaxes se usan nas campañas públicas. En fin, a eterna “división sexual do traballo” que se traslada ás organizacións políticas e movementos sociais. É dicir, que eles escriben, e elas xestionan os correos electrónicos da asociación; que eles fan fotografía profesional, e elas as comidas das xuntanzas; que eles escriben libros, e que elas preparan as xornadas.

A eterna “división sexual do traballo” trasládase ás organizacións políticas e movementos sociais

 

Pois por todo isto nos imos xuntar na Xornada de Espazo Vegafeminista, e imos falar sobre todo de antiespecismo. O peculiar do asunto é que imos falar de dereitos dos animais pero desde un enfoque feminista. Como alguen comentou fai pouco no noso muro: pero a que vén esa mistura? Pois… os sistemas de opresión teñen moitas cousas en común, e xa fai anos que o chamado enfoque interseccional (iso de ter en conta que non existe unha única opresión, senon moitas opresións que se van entrecruzando e que multiplican os seus efectos) nos convida a facer análises do mundo menos simplificadas, e a tentar tender pontes entre diferentes movementos sociais. 

Hai persoas que son privilexiadas, que sacan partido da situación doutros/as, e só polo mero feito de ter nacido dunha ou doutra beira. Podemos pensar no machismo: os varóns sitúanse desde que nacen nunha posición estructural superior ás mulleres, en cada clase ou grupo social que analicemos. Ou podemos pensar no especismo, no feito de explotar un animal e non telos en consideración moral, sen ter en conta que poden sufrir e desfrutar. 

As mulleres somos maioría nas organizacións antiespecistas e animalistas

 

A maiores disto, merece a pena salientar que as mulleres somos maioría nas organizacións antiespecistas e animalistas; aínda que históricamente hai mulleres incribles que loitaron polos dereitos dos animais aínda seguen a ser invisibles e pouco recoñecidas neste movemento. Unha delas é Caroline Earl White que creou o primeiro refuxio para animais en 1869 nos Estados Unidos, e que segue sendo descoñecida… o androcentrismo imprégnao todo. Por todo isto, hai moitas que desexamos que o feminismo e o antiespecismo comecen a tender pontes de diálogo, que a loita pola xustiza comece a ir unida a abrir a fronteira da consideración a outros animais en colectivos que aúnen feminismo e antiespecismo. A quen lle pique a curiosidade: vémonos en Vigo o 3 de marzo, onde presentaremos a Guía para evitar o sexismo nos movementos sociais! 

Comentarios