Opinión

O manifesto 8M e o suposto “feminismo neoliberal”. Quen dixo que fora fácil

 

O 8M de novo foi un éxito de mobilizacións en toda Galiza e en todo o estado. Mantemos un pulso co patriarcado, aguantamos en pé. É claro que o movemento social máis potente hoxe na Galiza e no Estado español é o feminismo, cunha capacidade mobilizadora impresionante, con creatividade e cunha enerxía interxeracional e internacional. 

 

Mais, a min vaime dar unha úlcera: para que vexo debates na Sexta noite ao día seguinte do 8 M? mea culpa. Que o Manifesto do 8M é excluínte, que somos un movemento que deixa a moitas persoas “fóra” por querer rachar co capitalismo neoliberal e coa lei de estranxeiría. É xa o último que me quedaba por escoitar, so falta que nos critiquen por usar linguaxe non sexista.

 

O movemento feminista vai unido a unha crítica ao sistema colonial, neoliberal, racista, heterosexista, clasista e depredador dos territorios e animais

 

No movemento feminista estamos máis ben afeitas ás críticas contrarias. A ver, desde o s.XIX no debate da “cuestión feminina” (así o chamaban), mulleres socialistas, comunistas e anarquistas deron a batalla para loitar pola igualdade real entre homes e mulleres, tamén dentro das súas organizacións e partidos. Non foi fácil. No s. XX, en plena 2ª onda correron ríos de tinta acerca quen era o “inimigo principal” para as mulleres: o patriarcado ou o capitalismo? Son dous sistemas diferentes ou o mesmo sistema de opresión con diferentes caras?  Ben, Christine Delphy en Francia, logo daquel Maio do 1968, moi revolucionario pero onde había bastante machirulo, sacou un libro fenomenal e que lle recomendo encarecidamente a Albert Rivera: “O inimigo principal” (1977). Espero que abra o libro, porque senon vai entrar nun dilema entre o PP e o PSOE. O que expón Delphy neste libro e eu concordo, é que o patriarcado é un sistema independente do capitalismo, pero que ambos sistemas se retroalimentan morrocotudamente co fin de explotarnos ás mulleres na casa e fóra dela, no propio país e no resto do planeta. E ben, as críticas que lle choveron a Delphy (e a moitas outras) foron da esquerda, por iso de que “xa está o movemento feminista divindo á clase obreira”. Señores/as neoliberais: as feministas estamos acostumadas desde fai dous séculos a que nos recriminen por iso de dividir á clase obreira, a que os propios compañeiros nos poñan a cambadela; isto de que nos recriminen polo contrario arranca un sorriso retranqueiro.

 

A ver, para que quede clara a miña mensaxe. O movemento feminista é político, como outros movementos sociais, no senso de que quere mudar as relacións de dominación entre homes e mulleres. O feminismo é unha teoría política con fondas raíces nas que as mulleres aprendimos que queremos unha revolución na que non haxa oprimidas nin opresoras. Queremos rachar o sistema de dominación patriarcal, e iso “toca moitos palos”. Que non nos vendendes a idea de que a camisola de Inditex é feminista, aínda que se usen todas esas letras e conformedes a palabra no centro da prenda. A liberación das mulleres significa liberarnos todas (as de aquí e as de alá), poñendo a sostenibilidade das vidas no centro, e isto tamén toca, por certo, ao planeta e aos animais.

 

Pasamos diso do “empoderamento individual”, non podemos (nin queremos) liberarnos soas, cada quen na súa casa, no seu traballo, na súa parella... Non! Queremos (e é a única estratexia posíbel), liberarnos xuntas.

 

Así que si, entendemos que non gostedes deste manifesto. O movemento feminista vai unido a unha crítica ao sistema colonial, neoliberal, racista, heterosexista, clasista e depredador dos territorios e animais. Non é que a nós nos encanten as etiquetas, e que o sistema de dominación no que vivimos leva postas todas elas, e queremos rachar con el. Evidentemente hai correntes dentro deste movemento, ten varios séculos de historia e é un movemento internacional; senon houbera correntes, apaga e vámonos. Os sistemas de dominación teñen algo en común: discriminas aoquilo que consideras inferior, poden ser as mulleres, as crianzas, as persoas homosexuais, racializadas... Grazas, mais non queremos a liberación so para as mulleres heterosexuais de clase media españolas. Xa choveu desde aqueles finais dos 1970 e comezos dos 1980 nos que as feministas negras, como Audre Lorde, ou do mundo árabe, como a marroquina Fatema Mernissi ou a exipcia Nawal El Saadawi, nos deron unha boa lección, da que hoxe somos herdeiras: o feminismo interseccional. Quizáis aos do suposto feminismo neoliberal vos sorprenda: queremos unha revolución feminista onde non so perseguimos mellorar individualmente, senon colectivamente. Pasamos diso do “empoderamento individual”, non podemos (nin queremos) liberarnos soas, cada quen na súa casa, no seu traballo, na súa parella... Non! Queremos (e é a única estratexia posíbel), liberarnos xuntas.

 

Nin suposto feminismo neoliberal, nin sindicatos de esquerda machistas: somos un movemento autónomo e queremos poñer a sostenibilidade das vidas no centro

 

Nin suposto feminismo neoliberal, nin sindicatos de esquerda machistas: somos un movemento autónomo e queremos poñer a sostenibilidade das vidas no centro. Queremos políticas laborais que loiten porque as empregadas de fogar teñan dereito a paro; dereitos laborais que cheguen as máis precarias, que rachen o “chan pegañento”, ese que hai moito máis abaixo dos teitos de cristal do Ibex 35. Queremos garderías, unha atención real á dependencia, políticas sociais que non revitimicen ás mulleres e rachar dunha vez coa violencia institucional machista cortiá nos xulgados. As nosas bandeiras son mandís pendurados dos balcóns que rachan para sempre a idea daquel “home gañapan”, que se pasa o día fóra, pero que non se ocupa das súas responsabilidades domésticas e de coidados. Se xa o di meu pai, “o traballo ben repartido, chega para tod@s”.

 

[1] Who said it was simple, poema de Audre Lorde (1975) que denuncia as opresións de xénero, raza e heterosexismo.

Comentarios