Opinión

Unha raia azul: é a Terra

A cosmonauta Valentina Tereshkova orbitou a Terra entre o 16 e o 19 de xuño de 1963 a bordo do Vostok 6. Foi a primeira muller en pilotar e participar de xeito directo nun programa espacial e ese feito, transmitido polos medios de comunicación, contribuíu a enxergar un futuro feminista coa equiparación das oportunidades laborais e co recoñecemento ás mozas de orixe invisible.

“Vexo no horizonte unha raia azul: é a Terra”, explicou Valentina nunha das comunicacións desde a nave e, a continuación, quizais viu escintilar ao lonxe os dereitos laborais, a linguaxe inclusiva, a conciliación, a equiparación salarial, a sororidade, o respecto e a independencia. Un futuro feminista.

Con ese acontecemento, Valentina non só rompeu o teito de cristal e pasou a ocupar cargos de alta responsabilidade; a ciencia, a investigación e a política subiron un chanzo con esta moza que conseguiu trazar unha raia violeta transversal na consecución de dereitos para as mulleres. As súas accións posteriores serviron de exemplo para espertar conciencia feminista.

Mostra da súa transcendencia é unha carta publicada en decembro de 1963 no xornal portugués O Téxtil editado na clandestinidade, que recuperou da hemeroteca a científica Joana Magalhães. Ese artigo dunha operaria do téxtil transmitía a ledicia que supuxo que Valentina, que tamén tivera un traballo coma o dela, fose a primeira moza en ir ao espazo exterior e o recoñecemento para as mulleres de clase traballadora.

Durante a pandemia da COVID-19, aflorou unha empatía colectiva derivada dun instinto de supervivencia onde mensaxes nos medios de comunicación provocaron que remoese a idea de reconsiderar os xeitos de consumo e das relacións laborais e humanas nun planeta dominado polos intereses do capitalismo a risco de ser exterminado.

Semella que no Estado de Alarma se descubriron como traballos esenciais os de limpadoras, caixeiras de supermercado, labregas, coidadoras, sanitarias e xornalistas, que fan parte de sectores feminizados de orixe invisible. De súpeto, foron prioritarias pese estar na baixa escala salarial e facer incontables horas extraordinarias sen declarar.

Mais nalgúns medios de comunicación por un lado van as palabras e por outro os feitos. Sen arestas. A abondosa publicidade institucional nese período non foi en paralelo ao mantemento e mellora das condicións de traballo. E a publicidade encuberta das cadeas dun empresario do téxtil e dalgúns supermercados convertéronse en noticias informativas de enxalzamento en primeira plana cando, precisamente, non son bo exemplo de sensibilidade laboral.

Tanto é así que as denuncias realizadas por organizacións sindicais relativas á precariedade adoitan ser silenciadas en medios de comunicación, pese afectar a dereitos recoñecidos nos convenios laborais que se incumpren de xeito unilateral por parte de empresarios.

Por iso é necesario que esta crise non sirva agora para acalar o dereito a informar sobre cuestións laborais e feminismo, temas en que se avanzara nos últimos anos, nin pode ser coartada para controlar preguntas en roldas de prensa nin para incriminar a participación en manifestacións.

Porque para a sociedade avanzar, os medios teñen que exercer as funcións responsabilidade social e incluír noticias próximas para evitar unha vaga regresiva en materia de conciliación, salarios e vacacións, con deslocalizacións e imposicións para reducir ou cambiar xornadas de traballo como está a acontecer.

Contra a falsa neutralidade e o rechouchío de improdutivos debates foráneos debe erguerse a conciencia feminista para continuar a defender a situación laboral das profesionais da comunicación galegas e reducir a precariedade, que vai en detrimento da calidade informativa e dos valores democráticos do noso país.

Os dereitos laborais aséntanse como os aneis de crecemento das árbores, medran máis e fortalecen o feminismo nas estacións con proxección social nos medios de comunicación. Non podemos deixar que volvan ser invisibles eses traballos esenciais nin as inxustizas da avaricia empresarial en alianza cos gobernos. Urxe seguir a estela violeta e transversal que deixou Valentina logo de mirar no horizonte aquela raia azul que era a Terra.


 

Comentarios