venres 05/03/21

Multas á pneumonía

Vai case un ano que estamos inmersos nunha pandemia. Lonxe quedan os tempos nos que os confinamentos, os toques de recoller e as máscaras só eran a escenografía de películas postapocalípticas onde se mesturaban as tramas de conspiración internacional con tecnoloxía xenética inimaxinable. Nestes meses vimos de preto como microorganismos invisibles nos alteraron a vida por completo, e tamén como fixeron evidentes nocións que tiñamos claras. A importancia dos sorrisos, das apertas, de estar preto de quen queremos. A necesidade de ter vivendas dignas, dun emprego estable, de poder conciliar a vida laboral e a familiar. O porqué de chamarlle esenciais aos coidados, á produción e á distribución alimentaria, aos servizos de limpeza. Mais tamén vimos as consecuencias de que a atención á vellez e á dependencia sexa un nicho de negocio para empresas multinacionais. Ou o desbordamento dun sistema sanitario que se atopou cun reto moito maior do que se vaticinaba a estas alturas do 2020.

Non foi sinxela a xestión desta crise sanitaria, na que fomos vendo como se acumulaban erros por poñer o foco das prioridades non todo o preto da saúde da poboación como se debera. Desescaladas e confinamentos que atendían a máis motivos que os estritamente sanitarios, escaseza de medios de protección, falta de profesionais na sanidade.
Aínda que é sabido de antes, despois dun ano na pandemia resulta evidente a necesidade dun sistema sanitario forte, que teña capacidade para atender á enfermidade, mais que tamén sexa quen de preservar e potenciar a saúde. A necesidade dunha boa educación sanitaria para a poboación e os métodos de prevención son clave para evitar a patoloxía. Mais tamén son precisos medios materiais e, sobre todo, profesionais que poidan manter este sistema.

Fronte a estas evidencias, resulta incomprensible que o Partido Popular leve adiante unha reforma da Lei galega de Saúde sen contemplar ningunha medida para atallar todas estas deficiencias que a Covid-19 nos puxo ante os ollos, pero que repite ata 80 veces a palabra sanción no texto. Unha reforma lexislativa de tal calado que só vén traer restricións, que fai norma da excepción e estende a sospeita sobre unha poboación ao recoller un aparello sancionador tan avultado fronte a condutas que foron minoritarias e illadas. Medidas que ademais poderán ser aplicadas sen fixar unha temporalidade e tamén sen a obriga de render contas ante o Parlamento.

Resulta abraiante que se pretenda limitar dereitos fundamentais da poboación sen ter unha data límite, e máis grave aínda, que non se expliquen ante a cámara lexislativa galega cales son as circunstancias en base ás que se adoptan ditas restricións nin a súa evolución. Todo polo pobo, mais sen explicarlle nada ao pobo. Un pobo que só terá multas e ameazas constantes. Sen que se contemple o reforzo de persoal de se dar unha nova crise sanitaria. Sen que se atenda á situación das residencias da terceira idade e persoas con dependencia. Sen ter máis medios materiais, despois de ver o dramático racionamento das máscaras na primeira onda, e cando aínda hoxe hai centros sanitarios infradotados.

Parece que o goberno do Partido Popular se esqueceu durante a redacción desta reforma lexislativa de que o que precisan as galegas son camas nas plantas de hospitalización e tamén en coidados intensivos se necesitasen ingresar por calquera enfermidade. Precisan ter acceso aos medios terapéuticos e preventivos que sexan precisos para o seu estado, desde vacinas, a fármacos ou terapias doutras características. Precisan profesionais que as poidan atender, tanto sanitarias, como aquelas que moitas veces fican invisibilizadas: celadoras, cociñeiras, auxiliares, técnicas, limpadoras. E estas profesionais precisan á súa vez unhas condicións laborais dignas, lonxe das que imperan hoxe en día. Desafortunadamente, o Partido Popular esqueceu iso e pretende curar as pneumonías con multas, os cancros con restricións e as patoloxías mentais con sancións. Vaia medicina tan peculiar!

comentarios