Opinión

Un virus de lóxica capitalista

Neste tempo de incerteza, no que moitos falan por falar, os medios de comunicación tradicionais repítennos que o virus afecta a todos por igual. O virus non afecta do mesmo xeito a todos. Neste terreo, as variables de raza e clase interactúan para aumentar as desigualdades sociais e raciais. Sendo os primeiros en regresar ao traballo tras o confinamento, ou carecendo do "privilexio de confinarse", demostrouse por numerosos expertos que a clase traballadora é máis vulnerable e está máis exposta ao virus. Mentres a meirande parte do Estado permanecía protexida no seu fogar, cada mañá madrugaban os caixeiros dos supermercados, repoñedores, persoal de limpeza, transportistas e numerosos empregos máis que, xogándose a vida con medidas de protección moi escasas, conseguiron facernos a vida máis sinxela aos demais.

Con base no devandito nivel socioeconómico do virus, na Galiza seguimos sen dispoñer de datos que especifiquen a incidencia do coronavirus por barrios, xa que a Xunta considérao "estigmatizante". A pesar da falta de información, xa que son cuestións que non interesan expoñer e prefírense agochar, sabemos que as áreas máis afectadas neste intre son A Milagrosa, en Lugo, e na Coruña, o Ventorrillo, Agra e Os Mallos. Unha clara confirmación de que a renda e a ocupación dos veciños incide nunha maior exposición ao virus.

Na Galiza seguimos sen dispoñer de datos que especifiquen a incidencia do coronavirus por barrios

O virus tamén distingue de razas. Os migrantes chegados en pateras enfrontáronse a controis contra a Covid-19 moito máis estritos que os turistas europeos. Os intereses prevalecen fronte aos dereitos, unha vez máis. Vinte e seis millóns. Cando mencionamos unha suma tan elevada, o primeiro que se lle vén á cabeza á maioría é a lotería, os millóns que gaña un futbolista ou as cifras anuais dun grande empresario.

Non debería estrañarnos que os cidadáns non consideren ese número como a cantidade de persoas refuxiadas no mundo a finais de 2019, xa que os medios de comunicación non tratan os migrantes como persoas, senón como números. Os naufraxios do Mediterráneo estudaranse no futuro como un xenocidio por parte de Europa e representarán a vergoña dun pobo que, en xeral, absorto nos seus privilexios de raza e clase, deixou morrer nas súas costas miles de inmigrantes.

As lóxicas do sistema e as súas consecuencias son a verdadeira pandemia que leva oprimindo dende a súa existencia os máis desfavorecidos. Mentres a desigualdade social, a intolerancia e o odio non pasen desapercibidos, continúen sendo denunciadas e combatidas, non pasarán o racismo e o fascismo. A crise socioeconómica que está por vir afectará, sen dúbida, de forma moito máis significativa á clase obreira, ás persoas racializadas, migrantes e refuxiadas que viven no noso país. Máis que nunca, é imprescindíbel seguir combatendo a opresión coa nosa voz e organizándonos para que unhas vidas non vallan menos que as daqueles que teñen o poder.

As lóxicas do sistema e as súas consecuencias son a verdadeira pandemia que leva oprimindo dende a súa existencia aos máis desfavorecidos

Con frecuencia, falar de cambio resulta utopista, coñecendo a realidade das engrenaxes que articulan a nosa presenza no mundo. Sen dúbida, os intereses e as estruturas económicas que rexen o sistema están establecidos sobre fortes cimentos en mans do poder, moi difíciles de superar. Aínda así, o asociacionismo e a organización dos movementos sociais deben seguir sendo, máis que nunca, o motor de cambio para denunciar as inxustizas sociais co fin de que os crimes do capital non queden impunes. Vivimos nun mundo cheo de desigualdades, pero iso non debe frear as nosas ansias de cambio e de loitar por un mundo máis xusto. Como escribiu o magnífico Eduardo Galeano, "a utopía está no horizonte. Camiño dous pasos, ela afástase dous pasos e o horizonte córrese dez pasos máis aló. Entón, para que serve a utopía? Para iso, serve para camiñar". Sigamos camiñando: utopía, realismo e organización non deben enfrontarse no noso camiño.

Comentarios