Opinión

Os bos e xenerosos

Así cualificaba Carmela Silva ao grupo municipal do Partido Popular no pleno de aprobación dos orzamentos do concello de Vigo para 2014. Nin máis, nin menos. O PP do desemprego, das privatizacións, dos recortes en educación, sanidade e servizos sociais, da privatización do hospital de Vigo... son, segundo o PSOE, “os bos e xenerosos” que os entenden e lles aproban os orzamentos. 

Así cualificaba Carmela Silva ao grupo municipal do Partido Popular no pleno de aprobación dos orzamentos do concello de Vigo para 2014. Nin máis, nin menos. O PP do desemprego, das privatizacións, dos recortes en educación, sanidade e servizos sociais, da privatización do hospital de Vigo... son, segundo o PSOE, “os bos e xenerosos” que os entenden e lles aproban os orzamentos. Pola súa banda, o PP resumiu perfectamente o que hoxe pasou: “o goberno local presenta unha proposta que coincide coas nosas e temos que votala”. De feito o Partido Popular non presentou nin unha soa emenda aos orzamentos do alcalde que ata hai nada cualificaban, como mínimo, de desastroso, cando non de mentireiro.

"A aprobación duns orzamentos co acordo entre o PSOE, gobernando en minoría, e o PP é un feito insólito pero que xa se viña anunciando desde hai meses"

A aprobación duns orzamentos co acordo entre o PSOE, gobernando en minoría, e o PP é un feito insólito pero que xa se viña anunciando desde hai meses coa coincidencia entre os dous partidos para a modificación dos orzamentos de 2013 en temas cruciais. Mentres o BNG reclamaba do goberno a execución do plan social contra a crise, unha partida de 3,2 millóns de euros resultado dunha emenda nacionalista, que tiña como obxectivo axudar as familias con menos recursos a adquirir bens de primeira necesidade, o PSOE e o PP aprobaban unha modificación orzamentaria para amortizar anticipadamente a débeda cos bancos. Os cartos para as familias non chegaron ata o mes de decembro e para iso só unha parte, logo de dedicar unha boa cantidade a publicidade e propaganda, pouco máis do 70% chegou á cidadanía, mentres que aos bancos chegaron 16,6 millóns de euros nunha tramitación exprés que levou pouco máis dun mes. Cando o BNG solicita a creación dun bonobús para as persoas desempregadas con ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional o PSOE insiste en que resulta inasumíbel orzamentariamente facendo unhas previsións do custe de tal medida absolutamente desproporcionadas pero aproba, co apoio do PP, a subvención de billetes de avión. 

Pacto de silencio vergonzoso sobre a corrupción

 "O PP  e o PSOE alíanse para aprobar uns orzamentos de dereitas, con recortes en materia social e de promoción de emprego, cheos de partidas de “investimentos” absolutamente improdutivos de cara á galería para utilizar conxuntamente os cartos públicos con fins partidistas e electoralistas".

O certo é que xa se iniciara o camiño que continúa agora ata as vindeiras eleccións municipais, o PP  e o PSOE alíanse para aprobar uns orzamentos de dereitas, con recortes en materia social e de promoción de emprego, cheos de partidas de “investimentos” absolutamente improdutivos de cara á galería para utilizar conxuntamente os cartos públicos con fins partidistas e electoralistas. Finalmente veremos ao alcalde facéndose a foto xunto con Núñez Feijóo no novo hospital? Posibelmente si. En todo caso, os dous grupos son os culpábeis de que teñamos un hospital privatizado na área sanitaria de Vigo, como o foron da parálise durante anos de grandes necesidades da cidade como a depuradora ou a cidade da xustiza, que grazas ao acordo entre o PSOE e o PP vai custarlle á cidade malvender 40 pisos de propiedade municipal que poderían servir para garantir unha vivenda digna a moitas familias da cidade. Total, para que o PP elimine os partidos xudiciais e deixe só un para toda a provincia. Son tamén os culpábeis de que en Vigo aínda non teñamos tren de alta velocidade e, o que é aínda máis grave, perdamos a marchas forzadas conexións ferroviarias co resto do país e do estado ou de que o porto de Vigo non sexa porto nodal na rede transeuropea de transportes. Tamén son culpábeis deste pacto de silencio vergonzoso sobre a corrupción e a xudicialización da política municipal, incluída a nosa cidade, no que ninguén asume responsabilidades. Este é o discurso transversal tanto do PSOE como do PP, esquezamos as diferenzas ideolóxicas (xa demostraron as poucas que teñen) e dilúamos as responsabilidades de cada quen chamando á “unidade”. Como cando falamos da loita contra a violencia de xénero, din que temos que estar “todos unidos” pero o único que fan é afondar nas desigualdades e iso non pode unir a ninguén máis que a aqueles interesados en manterse no poder a costa de quen sexa. 

Comentarios