Opinión

Vox, o o botón do pánico (I)

Vén de sair ao mercado unha experiencia única en España a dicir da Xunta , o botón do pánico. É unha aplicación para descargar no móbil para evitar a agresión aos médicos por parte dos seus pacientes. Disque ao premer ese botón actívase un aviso ao 112 e mobilízase a policía nacional, local e a guarda civil.

Non acabo de comprender como o executivo galego non facilita este artello tecnolóxico á grande morea de colectivos  que son o albo deses patriotas de Somatemps, ideólogos do provocador catalanismo hispánico, da Democracia Nacional, eses axitadores antiprocés que se adican a sementar a xenofobia, a islamofobia, a homofobia, a catalanofobia e o machismo. Eses imputados pola Fiscalía por delitos de odio que se envolve na bandeira de España como coartada dos seus delitos.

O botón do pánico para evitar agresións evidentes ou veladas é urxente que se lles facilite non só aos inmigrantes, legais ou non, aos meniños MENA (menores estranxeiros non acompañados) que reciben pedradas dos grandes veciños patriotas ao abeiro da entrada de Vox nos parlamentos. Tamén necesita dese botón do pánico calquera persoa que se manifeste ou aparente non ser heterosexual. Igualmente útil será para marxistas, anarcas, okupas, anticastristas, antimaduristas, expertos no Islam, ateos de todas as castes, livrepensadores, independentistas, federalistas, republicáns, autonomistas, arabistas, filólogos (agás os hipánicos) crentes non católicos, minifundiarios, celtistas, deportivistas, mestres de ikastolas, galescolas e outras escolas, reintegracionistas varios… Fican só excluídas as familias ben que empreguen inmigrantes nas súas vivendas e os empresarios dos invernadoiros e do precariado.

Porque cando a unidade nacional da marca España está en xogo, todos son sospeitosos de disidencia e hai que os amedoñar, perseguer, agredir, ilegalizar…Unha lerna de male axéxanos desque deixamos xurdir a hidra de mil cabezas do lago da Reconquista. Esa enorme serpe de augas pezoñentas que alentava no manancial sotarrego dunha nazón baleira que só se ten en pé tripando as nazóns encadeadas que terman dela. A hidra do fascismo emerxe dende os recuados tempos dos Reis Católicos e as súas leis de exterminio e limpeza de sangue. Inquisición contra o poder das mulleres alcumadas de bruxas, contra os ateos, intelectuais...limachas feroces dunha lingua, unha fe, unha patria!. A hidra ergue as súas fauces cobizosas de sangue sobre todos os foros democráticos, sobre todos os platós do país, asiste á farsa mascarada de povo, os pontifices de Comillas, os marqueses de Valtierra, os ricos promotores de vivendas de luxo que lle chiscan o ollo ao povo desde as súas mansións de Chamartín,, os avogados das silveiras das empresas evasoras de capitais que levan a bandeira na billeteira, os tertulianos da ludre máis inmunda que escreven artigo onde negan o holocausto nazi e louvan á Falanxe. A hidra fascista retrátase e choca mans con todos os políticos da dereita á esquerda, ousa dar leccións de democracia mentras viola todos os dereitos humanos e constitucionais erguendo as súas mil cabezas xunto á do seu líder inmortal, Abascal, ao que só Perseo-PNV é quen de matar coa espada de ouro do desprezo e a afouteza de quen, aínda na dereita nacionalista, é quen de avermellar a esa esquerda pisamainiña que acariña a hidra como se fose non máis ca un cadeliño xangal.

Onde están os antifascistas que coa espada de Hércules tronzen dun tallo a cabeza inmortal e lle cautericen as raizames coa ponla ardendo a coutar o fluxo de sangue para soterrala so da rocha da autodeterminación, da independencia das nazóns e do republicanismo federal pactado?. Tronzar a cabeza inmortal e defender os procés porque a historia recente nos amosa que na Galiza o golpe de Estado franquista tería sido fanado como en Catalunya de termos como eles o Estatut. A hidra sabe que a unidade nacional e a criminalización das nazóns e linguas envelena o ar de medo e violencia da que se serven os fascistas de sangue azul. Esa hidra vermella e gualda á que ningún tribunal freou por non respectar ningún dos dereitos básicos da propia constitución española. Esa hidra que segue a medrar en milleiros de cabezas: Faes, Plataforma España Siempre, Fundación Denaes, Fundación Nacional Francisco Franco, Fundación para el Mecenazgo y el Patrocinio Social, Fundación para la Defensa de la Nación Española, secta el Yunque, Democracia Nacional, Somatemps, Tabarnia, Resistencia, Hermandad de Caballeros Legionarios, SCC, Respeto, Manos Limpias, España 2000, PxC, PxL (integrada en Vox), Legión Urbana, Generación identidad,  e un sinfín de plataformas como Hazte oir, Galicia Bilingüe, Por España me atrevo...fideis herdeiras de Fuerza Nueva, Cedade e aqueles terroríficos Guerrilleiros de Cristo Rei. A rede acuática que financia a esta hidra do fascismo ten as raigames en contas suizas, Bankia e outros paraísos fiscais. Por iso os demócratas, no canto de soterrar cinzas no Pardo farían máis patria soterrando sen miramentos a ave fénix de Vox.

Comentarios