Opinión

Contra vento e marea

Sofremos un outono de seca ainda que a algúns, a aqueles que gostan das murchas chairas e morren por unha cadeira escaneada


Sofremos un outono de seca aínda que a algúns, a aqueles que gostan das murchas chairas e morren por unha cadeira escaneada, lles rendera muito a calor abafante de monótona estación mediterránea impropria do noso clima atlántico. Vendéronnos a urxencia e ledicia dun sol alleo de lúa complutense que nos ía pór máis morenos, pero sen chegar a pretos. Vendéronnos por todas as pantallas, agás polas do antroido ourensán, que aínda que a area, os penedos e o mar levarían seu nome no título de propriedade, eles emprestariannos un recuncho de praia para tomar o seu sol. Vendéronnolo durante todo un longo ciclo solar, incluso no Día da Patria (a galega, nestes tempos preciso é especificar). E muitos mercaron. Contra vento e marea. Aínda a pesares do que ventava tanta seca, tanta falla de auga nos encoros, tantos prantos hidroeléctricos, tantas mareas amansadas en portos esportivos de especulativos turistas onde outrora foran peiraos da nosa riqueza. Disque a río revolto, ganancia de pescadores. E a marea viva, ganancia de quen a rapina.

E agora xa foi...quen pasou a Marola pasou a mar toda...e pode se instalar na cadeira da seca e dende alí há xulgar aos vivos e mailos mortos. E ficarán alí a choromicar bágoas de cocodrilo prantoeletrico! Alí, amartelados como pingas de auga dun mesmo mar, o mar da estulticia vergoñenta no imperio da Parvonia onde disque endexamais se pon o sol.

Mágoa que chegara a a invernía asolagar as teimudas espranzas dos ilusos. Que que lle queredes, meus, eu entre as espranzas dos ilusos ou as dos lusos fico coa Lusitania. Entre a utopía de sermos unha república galaicoportuguesa e unha república española (finiquitado xa o soño de Castelao e tantos dunha República dos povos celtíberos) que queredes eu, honradamente, acredito na lusa. Non chego a ser tan ilusa. Gosto de escaldar do pasado e polo de agora aínda non mudei en estatua de sal.

Só queren respetar o noso dereito a decidir para decidir seguir con eles si ou si

Mais as mareas galegas venden máis surfistas ca pescadores. E os do cerco seguen cercando o Parlamento mentres os tractoristas cercan a muralla de Lugo entre as ameazas da patronal e as liortas que cercan as pingas de anovos nas areas dos capaces, eses que mudaron areas por áreas comerciais, eses que só queren respetar o noso dereito a decidir para decidir seguir con eles si ou si.

A auga das mareas é incolora, inodora e insípida. Afaise a calquera recipiente ou nazón porque goza dun estado de liquidez envexável pola solidez doutras propostas un pouco ancoradas no pasado que aínda andan a medrar, ten con ten, para non matar as raizames. E eis que da súa cosmopolita liquidez nos mercados transnacionais tiran as mareas os seus rendementos enerxéticos encorados.

Contra vento e marea, tal como esta treboada invernía que asolaga paseos e rueiros, sotos e estradas erguidos de costas ao ecosistema natural, eu navego na buceta do independentismo galego. Há tempo non acreditava na utilidade do independentismo e do anarquismo. Há tempo vivía na parvonia de que era útil camiñar polos vieiros do posivel como se agardar que o señor libertara ao servo entrara dentro das posibilidades do real!

Contra vento e marea navego na procura de outros navegantes, afeitos á pirataría nos movimentos intermareais

Contra vento e marea navego na procura de outros navegantes, afeitos á pirataría nos movimentos intermareais, aos maruxos e maruxas que queren facernos comungar con rodas de muíño para ficar eles coa maquía.

Contra vento e marea eu só sei dun mar, bravo e atlántico, un mar que se abriu sempre ao mundo, dende Macao a Terranova, sen esquecer as súas penedías.

Un mar oceánico que se tece en nome proprio en cada ría e badía. Un mar eternamente esquezido polo Parlamento da dieta mediterránea.

Contra vento e marea eu reclamo  o meu dereito inalienável a ser pinga galega, a salferir os meus penedos e agarimar miñas areas. Baixo a miña bandeira, sen socorristas, especulacións nen recheos!

Comentarios