Opinión

Con K de okupación e de Vallekas

Chegou o ecofascismo mascarado de sanitarismo paternalista ao abeiro dunha pandemia espallada pola globalización. Bata branca e verde milico. Quen goberna o mundo sabe que o medo desmobiliza desartellando calquera movemento cidadán que reclame non máis que os dereitos básicos da cidadanía. Non hai telexornal que amose as causas, é un dizer, por que se arrasa o Amazonas cun monocultivo de soia a cruzar os oceanos do mundo só para alimentar galiñas chinesas. Sabendo que a deforestación e demais devastación ecolóxica das cadeas de produción e distribución da agroindustria contribúen, dun xeito fundamental, ao espallamento de pandemias e a expoliación dos derradeiros territorios virxes. Mais non, os okupas de oligopolios non lles parecen tan preocupantes! É preciso culpabilizar da pandemia a morcegos, pangolins, inmigrantes ou persoas de barrios obreiros por ter a indecencia de morar en infravivendas, sen gardar a distancia física, ou por ter o descaro de ir traballar aos barrios ricos no metro ou no bus, atustullados, sen gardar tampouco a distancia social. Non é sospeitoso que o Estado, sempre ao servizo da oligarquía, se desviva, de súpeto, pola nosa saúde vírica cando nunca se preocupou de mellorar a nosa calidade de vida?

Os telexornais a criminalizar pobreza, precariedade ou calquera intento de organización comunitaria á marxe do sistema

Chegou o ecofascismo a inocular o medo ao outro como inimigo potencial, após dar folgos á persecución veciñal, á delación bradburiana de olláparos a abesullar infracións. Como na distopía Caída en picado de Black Mirror, os móbiles serven xa de control pretotalitario entre a cidadanía. Millóns de persoas descarregaron a aplicación Radar Covid no rastrexo de positivos da covid e prometen facelo con esa nova app que alenta a denuncia de calquera sospeita de delito, incluída a okupación. Tecnonazismo ou distopía real? Á par, os telexornais a criminalizar pobreza, precariedade ou calquera intento de organización comunitaria á marxe do sistema. Criminalizan o movemento okupa por combater a especulación imobiliaria, o turismo insostivel, a xentrificación, a banca especulativa… no entanto, non escandalizan porque existan millóns de persoas sen dereito a vivenda no país das segundas residencias, da venda de aldeas enteiras ao mellor ofertante e dos milleiros de vivendas baleiras apropiadas polos fondos avutre. Amola só que os okupas defendan o dereito á vivenda por riba do dereito á propiedade. A okupación existiu sempre, dun extremo a outro do planeta. Así encheu o éxodo rural os arrabaldos das cidades a fornecer industria e servizos. Así as concepcións políticas anarquista ou libertaria que teiman na toma de terras, medios de produción e vivendas para construír comunidade á marxe do lucro do Capital. É contra deles que acirran os despexos porque os centros de apoio e sociais ameazan o poder ao crear cultura comunitaria amercantilizada.

A okupación existiu sempre, dun extremo a outro do planeta. Así encheu o éxodo rural os arrabaldos das cidades

Nun estupendo artigo do xornal Mapa de agosto-outubro deste ano din que a revolución que vén non é de cravos nen de rosas, é de sen-abrigo ou dos sen teito, que lles dicimos nós. De continuaren as tendencias actuais, a okupación aumentará a 2000 millóns para 2030, unha de cada catro persoas. Así será mentres especular coa vivenda siga estando por riba do dereito a ela. Mentres empresas de propietarios fascistas como Mi casa no es la tuya poidan desaloxar familias sen orde xudicial botando man da seguridade privada, como estes días pasados en Lugo.

Asistimos ao bombardeo do securitas direct mentres as elites foxen do virus cara ás súas segundas residencias e os seus demagogos alertan de desembarcos de okupas en Vallekas. Ese Vallekas obreiro, solidario e cultural, exemplo de luita antifranquista. Territorio do FRAP e demais luitadores polas liberdades.

Mesturando a mantenta droga, inmigración, okupación, precariedade e miseria, o réxime autoritario devala cara ao totalitario. Isolar en guetos e lazaretos é esencial para que os barrios ricos sigan acaparando uns recursos cada vez máis escasos. Cando se fai alegando medidas sanitarias nunha pandemia é o limiar do ecofascismo. Non, non é confinamento, é luita de clases!

Comentarios