Opinión

O terror como arma de represión masiva

Há poucos días cumpreuse un lustro que finou o egrexio pedagogo Herminio Barreiro


Há poucos días cumpreuse un lustro que finou o egrexio pedagogo Herminio Barreiro. Experto en Historia da Educación e un grande coñecedor do marxismo e da Ilustración. E estando a reler un livro del de Ediciós do Castro, Retallos para un tempo distinto, escolma de seus artigos xornalísticos, lembrei que me aconsellava, ao rematar pedagoxía, que me titulara en periodismo educativo. Eu dixéralle que para perder o tempo e os escasos recursos da familia xa me chegara con licenciarme en ciencias da educación nun dos países que menos invirte e acredita nela. El sorrira, como sempre, con ese seu xorne optimista que tanto me pasmava nunha persoa do seu nível intelectual e humano. Tan optimista como para pensar que o mundo da globalización selvaxe ía a educar a traverso dos xornais!.

Se nin xiquera educa nas escolas!. Eu coido que Herminio non acreditava de todo nesa visión nesgada da realidade, mais tentava manterse e manternos aboiando na treboada para non nos deixar asolagar por un sistema tan inxusto como soina e entolecido. Herminio non era, quería, necesitava, por forza, ser optimista! A pegada que nel deixaran os ilustrados non foron quen de borrala todos os marxistas soviéticos e cubanos no que era douto. Nun artigo de fins do ano 90 titulado: A felicidade colectiva lembrávanos aquel optimismo de Diderot que o fazía dizer: O deber de todo cidadán é o de ser feliz. Pero non esquezamos que cidadáns eran daquela, como agora, só nominalmente todas as persoas. En realidade cidadáns conlevaba e conleva certo nível de renda.  Porén, esta teima pola felicidade foi a que lles permitiu soñar a aqueles fillos de banqueiros e burgueses, de mecenas da cultura erudita e urbana que na crenza da bondade natural rousseaniana axudaron a rematar co antigo réxime e estabrecer as sólidas bases das liberdades contemporáneas.

Herminio sabía tamén que a relixión é o espello dun mundo trastallado, que diría Marx! A relixión como estado sumiso e tremecente da ialma colectiva, doada de manipular

Herminio sabía tamén que a relixión é o espello dun mundo trastallado, que diría Marx! A relixión como estado sumiso e tremecente da ialma colectiva, doada de manipular. Mais non só as relixións musulmana, cristiana, budista ou brahmánica senón tamén a relixión do deus-Estado occidental, a pérfida relixión que nos venden como Cultura en maiúsculas, a incuestionavel relixión do progreso medido en parámetros occidentais incuestionaveis que os medios de deformación de masas se encarregan de nos inocular perante os periódicos atentados ao mundo das sedas e das concertinas, ao mundo dos imperios planetarios que se autonomean os príncipes da tolerancia mentres agochan un arsenal atustullado de armas de destrucción galáctica e enchen os petos de petrodólares ao tempo que se envolven en bandeiras de demócratas salvapatrias.

Periodismo educativo? Ah, Herminio non sei que dirías hoxe das declaracións de Hollande, e o seu papel de xendarme do mundo, máis semellante a aquel Robespierre disposto a tirar a guillotina do faiado do que a frear a súa cobiza de petróleo e de materias primas, de imperio colonial xunto aos seus colegas estadounidenses e demais europeos!

Risco fálanos en As tebras de Occidente do progreso europeo como progreso puramente industrial. O etnocentrismo europeo de branco occidental que, como nos mellores tempos do colonialismo, se segue a ter polo embigo do mundo. O europeísmo dos idealistas neokantianos, un vasto sistema artellado para xustificar a civilización europea, non máis. A trivialidade deste mundo de espectáculos noticieiros onde se vende o terror contra toda unha cultura, a do Islam, como o remedo de todos os nosos males, incluídos todos os que nos traen un gramo do noso sangue en vinganza polas moreas das sangues alleas deses estados árabes que non nos agasallan con seu gas e petróleo. Mercantilismo e industrialismo ao servizo das grandes empresas de armamento que arman e desarman polo mundo adiante grupos terroristas para os seus governos títeres co titular de colonialismo progre. O periodismo de investigación, se existir, devería de estármonos a abrir os ollos, a nos circular polas autoestradas das grandes transnacionais en compango cos ministerios das presuntas defensas e governos. Pode que as armas dos atentados de París leven a bandeira da liberdade, igualdade e fraternidade. O periodismo obxectivo devería estar a amosarnos ao mesmo nível a todos os mortos, tamén os de Siria, Irak, Palestina... porque todo o sangue é vermello e ningún vale máis do que outro se non nos cultivaran a xenofobia e a discriminación pola cor da pel e os bocois de petróleo.

Mais o terror cotiza en bolsa occidental como na era do terror da revolución francesa

Mais o terror cotiza en bolsa occidental como na era do terror da revolución francesa. Os bieitos ilustrados poden incluso lucrarse con comentos aldraxantes nas horrendas tertulias televisivas a redor da ignorancia e os invernadoiros de intolerancia para cos inmigrantes. Despois da crise económica inducida sempre vén o reinado do terror. Se a historia fora prato de cociñeiros nos platós ao mellor non nola metían tan dobrada, tan ás abertas. A ignorancia cultivada a porfía permite que nin xiquera as trolas que nos bombardean sexan elaboradas. Aquí non se precisa cociña de deseño. Se souberamos da tolerancia de Al-Ándalus fronte á intolerancia dos reinos cristiáns non estariamos tan dispostos a abrazar calquera intervención militar en Siria ou Irak. Nunca na península Ibérica se dera unha cultura de convivencia tan formidavel entre cristiáns, xudeus e árabes como no califato de Córdoba ou no reino de Granada. A expulsión dos xudeus non foi posivel até a Reconquista cando chegaron aqueles Reis Católicos a atropelar co gume da cruz todo o que non fora bautizado no seu credo de limpeza de sangue. Eles, os católicos occidentais foron os financiadores das sanguentas cruzadas, incluso aquela cruzada dos nenos!. Se souberamos da nosa Historia non estariamos dispostos a permitir que se deteña ás persoas sen probas. A consentir que os amos do mundo, para manter o seu nível de vida, xustifiquen a invasión militar de país ningún. Os atentados de París ocorren todos os días lonxe dos almidóns de Occidente pola nosa cobiza de primeiro mundo. Porque Occidente e USA viven por riba das posibilidades dos demais!. A estas alturas toda Europa e EEUU tería que estar máis que invadida militarmente se fora por atentados dos que os governos nosos son responsaveis.

Como dizía Ferreiro, o poeta, hai mortos de primeira e mortos de segunda e mortos que non teñen onde caerse mortos.

Está claro que o mundo é dos patentadores de novas. Os miolos xa non precisan chips de ciencia ficción con complexas trepanacións de caliveras, agora prográmannos a través das ondas e cultivan a nosa irresponsabilidade persoal nun amoado anónimo onde diluímos o noso compromiso. Que lembra a Stéphane Hessel que berrava: Indignádevos! Un alegato contra a indiferenza e a prol da insurrección pacífica. Quen Comprometeos!, xa non basta con se indignar. 

O mundo vai a tal velocidade que borra o de onte, como esborrelan as paisaxes dende a confortavel cadeira do Ave que arrasa os boscos e os vales máis productivos.

Hoxe está de moda ser ignorante, fachendear de desprezar a cultura en senso amplo

Hoxe está de moda ser ignorante, fachendear de desprezar a cultura en senso amplo. Porque confundimos a cultura, o cultivo da terra, do mar, da arte, do corpo, do espírito... coa foncha erudición de salón francés que non serve máis que para luzir nos casinos provincianos. Vivimos no mundo de Erasmo de Rotterdam naquel Eloxio da loucura, anque deveriamos traducilo como Eloxio da Necedade, da insensateza. Certamente o chamado progreso parécese cada vegada máis a un baleiramento do espírito humano para enchelo de automatismos robóticos programados moito antes de nós nacer. O cidadán exemplar é hoxe un tolo, ese tolo que vén do céltico tullon que significa oco ou buraco. Así que o Eloxio da tolemia ou loucura, do escaso xuízo acáelle ben a esta sociedade da frieza máis atroz. 

Quen ía pensar que daquel Século das Luzes ía xurdir outrora outra era do terror e escurantismo? Há xa un lustro que Herminio nos deixou este epitafio: Morro cunha fe cega no progreso humano. Hoxe albisco máis lonxe o camiño que el, como outros, emprenderon polos vieiros daquela razón tan lonxana!.

Comentarios