Opinión

Podemos pasar o ferro

'Mallamos en ferro frío. Sabémolo perfectamente.

'Mallamos en ferro frío. Sabémolo perfectamente. Con tudo, entra nos nosos propósitos pór un breve comento á interesante crónica de Valladolid que onte viu a luz neste mesmo xornal. O que J. de Ávila, o seu autor, di nela, é o que aproximadamente o que doutro xeito e con outros motivos amosaron moitas veces colaboradores nosos tan cultos como Calderón, Rof Codina e "Un labrego á moderna".

Os productores e acaparadores de cereais de Castela son atrancos formidáveis para o progreso da Galiza. E sono dende os tempos de Moyano e Olózaga  -e aínda dende moito antes-  até os de Gamazo e os de Alba, agora, porque contan coa resolta protección de personalidades de influencia. Isto sabemolo todos. Isto é tan claro como a luz meridiana. Porén, mentres Cambó, en Barcelona, acaba de calificar seriamente aos tres ministros casteláns que há no actual Governo de nemigos de Cantalunya, nós apenas si arriscámos a insinuar a sombra dun humilde reproche'.

Palavras vivas no tempo. Palavras que Antón Vilar Ponte pronunciava o trinta de decembro de 1915 baixo o significativo título de Ancha é Castela. E fazíao en castelán a pesares de ser un insuvornável galeguista. Os tempos nos davan para máis. Há cáseque un cento de anos xa!

Ancha segue a ser Castela. Alongada como a sombra deses alciprestes de Gironella que aínda crían en deus

E ancha segue a ser Castela. Alongada como a sombra deses alciprestes de Gironella que aínda crían en deus. Porque os galegos seguimos estantíos asomados á fiestra dunha historia que non é a nosa. A mallar en ferro frío. Na terra dos ferreiros poetas dos versos e dos ferros homicidas!

Galiza non é de abondo importante para os persoeiros dos partidos? Non há o máis mínimo consenso pola aira comunal? Non ten prioridade a sanguinolenta emigración da mocidade apozada dende os tempos de Pra Habana me vou de Rosalía, mais xa sen Habana como destino. Non é adversidade urxente de todos os sectores productivos galegos monicrequeados polas transnacionais? Non son os tempos chegados dos galegos fortes prestos a grandes feitos por un punxente afán para loitar polos destinos da grei de Breogán? Non é o mito máis que un impotente rito baleiro para procesións galeguistas florais ou desas esquerdas apoltroadas no cavalo do poder domeado?

Ancha é Castela si! Tristemente ancha ao cruzar o Padornelo para invadir as cadeiras do parlamento central de cerealistas unitarios.Os mesmos cerealistas protexidos dos persoeiros unitaristas dos que falava há cen anos Vilar Ponte! Para ecoar até o aborrecemento a triste historia da nosa patria. O artellamento das mareas con auga de piscifactoría allea, con alevíns de partidos estatais vestidos de traxe rexional en festas do patrón a nos vender Galicia Calidade. Eses rodaballos que  pasan por galegos mais son escoceses engordados aquí, nas súas piscifactorías, con marea artificial e pensos de industria e que logo no nadal, lucirán nos mercados casteláns como proprios... van ser a nosa ruína.

Seica vai trunfar na pasarela de nadal o partido máis capaz, ese criado ao abeiro dos medios de comunicación e disfrazado de rúa e de rueiro, de arrabaldo e urxencia social homoxeneizadora de culturas, non fixo máis que fazer devalar pola encosta abaixo á esquerda española e ao nacionalismo galego. A traxicomedia de Quelisto e Melaveo converteu a forza do povo e das súas movilizacións nas prazas e rúas nunha navegación de acuario xigante que remedava o grande oceano. Só nos fica saber se acadarán o seu obxectivo neoliberal de crebar as forzas revolucionarias e esmagar o nacionalismo e aumentar a abstención até níveis nunca vistos!

A pluralidade das pingas da marea non se ve por ningures. O ideario é opaco coma os vidros embafados

En Marea, o triunvirato Podemos-Eu-Anova, após xogar á ambigüidade característica de se fai ou non fai primarias como prometeu, aposta por elas. Mais son primarias como as de Nós-Candidatura Galega? Nada a ver, ao que parece. Eu seguín os dous procesos e paréceme ben distinto o traballo organizativo e participativo de unha e outra plataforma que procurava a unidade.

Non contentos con escolmar dende a cúpula do triunvirato qué partidos eran aptos para sentar a negociar con eles a unidade (marea domesticada, nada de marusía), agora prometen listas prancha, isto é que cada capeliña presente listas completas. Para qué lle chamar ás cousas polo seu nome se podemos entreveralas para que ninguén se entere? Avais de distinta procedencia, veremos...Tudo menos transparencia. A pluralidade das pingas da marea non se ve por ningures. O ideario é opaco coma os vidros embafados. Nada a ver coa candidatura galega que leva comisións de traballo, xuntanzas, debouras e apertura...con todos as pexas que lle poidamos apoñer pola avantaxe que levan os candidatos militantes ou persoeiros de sona nos medios de comunicación. A igualdade de acceso que esixe unha democracia é un camiño espiñento, vagariño e a cultivar día a día. Mais quen non está polo labor non fará endexamais camiño.

Podemos apostou polo camiño do éxito a calquera prezo. A ambigüidade que se nos apón aos galegos dende a Meseta foi o comportamento pragmático mais tamén covarde que os levou a non se presentar nas municipais co seu nome, a xogar co individualismo e a mestura para apoñerse éxitos de outros e non campar con fracasos proprios. Así calquera, dixeron algúns, e con razón! Agora seguen polo mesmo camiño a se disfrazar de marea popular que critica o partidismo doutros e funcionando, de facto, como unha cúpula triunviral partidista. Non se pode xogar a ser nacionalista no que algúns chaman periferia e aliarse co antinacionalismo máis reseso cando se fala na capital do reino. Porque a indefinición ideolóxica programática non tapuxa os actos, que son sempre ideolóxicos. O esfragamento de Podemos en Catalunya e nos intentos de maridaxe en outras autonomías como a Valenciá ou a Balear, non minguou en nada a súa soberba. A súa presunción de autonomearse eco da voz da rúa cun inmedível respaldo popular. O balbordo da súa marea sen ondaxe non chega mais ca aqueles ouvidos xordos ou inflamados de tanto engano institucional. A carencia de areais aos que lamber coa súa escuma de secano...non fixo máis que alonxar aínda máis aos que agardavan un cambio de política radical, aos que apozan nas apodrecidas augas do paro permanente, aos que xa non afiúzan en que vaian defender o dereito ao unha renda básica, a que esas mareas vaian a tirarnos da industria do armamento cando bolen por fichar a antigos militares psoeianos (que non pessoianos). 

Podemos pasar o ferro, dinnos en vésperas eleitorais. Podemos pranchar coas listas prancha e convencervos de que esa há ser a nosa máxima aspiración democrática

Podemos pasar o ferro, dinnos en vésperas eleitorais. Podemos pranchar coas listas prancha e convencervos de que esa há ser a nosa máxima aspiración democrática. Porque a caste vai engurrada e nós, din, portamos un utensilio metálico con base lisa e forma triangular, que, por acción de seu peso e da calor, elimina as engurras da vosa roupa. (Lembrade que as engurras son o máis diferencial da terra galega como lembrava Fernández Flórez en O bosque animado: A fraga é un tapiz de vida apremido contra das engurras da terra...).

Mais eu dígolles aos que van en marea coa mellor intención, a eses que ao pior non coidan que se poida volver enganar Galiza vendéndoa ao mellor postor, que a prancha é tamén unha lámina metálica obtida a partires dun orixinal, que serve de base para reproduccións de imprensa, de prelo madrileñista.  E figuradamente é tamén a prancha unha cousa que un di ou fai e que o deixa en ridículo. En acepción ximnástica alude á posición horizontal do corpo apoiándose tan só nas mans. 

Agardemos que alomenos os que van nesta marea respondan á derradeira acepción de ser un corpo na auga aboiando sobor das costas e non sobor do noso lombo!
 

Comentarios