Opinión

O Pazo do Hórreo

Os galegos temos o Parlamento no Pazo do Hórreo e quizais por iso pasa o que pasa. Ter os representantes do pobo nun Pazo non é a mellor maneira de democratizar un país. Se lle deramos as tornas e o tiveramos feito no Hórreo do Pazo, canto mellor partillada non andaría a nosa riqueza!.

Os galegos temos o Parlamento no Pazo do Hórreo e quizais por iso pasa o que pasa. Ter os representantes do pobo nun Pazo non é a mellor maneira de democratizar un país. Se lle deramos as tornas e o tiveramos feito no Hórreo do Pazo, canto mellor partillada non andaría a nosa riqueza!. Porque os hórreos son unhas construccións tradicionais identitarias que se empregan para conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais. Maiormente dos ratos, daí esas feitucas pedras que se poñen non esteos ou pés do hórreo para evitar que gaveen e acaben con todo o maínzo ou as patacas.

"Ter os representantes do pobo nun Pazo non é a mellor maneira de democratizar un país. Se lle deramos as tornas e o tiveramos feito no Hórreo do Pazo, canto mellor partillada non andaría a nosa riqueza!".

Hai verba máis fermosa que tornarratos? O rato é unha cousa que se move... e ten un corazón pequerrechiño...dicía o poeta. Tamén servían para ter arredados da colleita aos paxaros. Anque o canastro ou hórreo é un espazo masculino está na limia do espazo feminino e incluso en Asturies as mulleres son as que levaban pendurada a chave do hórreo. Coido que era un lugar comunal de fecundidade, o gran, o pan, a vida...daí eses fermosos lampións que se erguen coma símbolos fálicos nos seus teitos fachendeando da fartura da casa. Non todos os labregos tiñan hórreo e por iso era espello da riqueza da casa. De certo, os hórreos máis grandes de Galiza, o de Araño, o de Lira e o de Carnota, abeiraban a igrexa. Xa Castelao facía dicir aos pequechos (que podían ser de hoxe): -Se me tocase a lotería compraba pan... e lembraba un preito que tivera seu pai en Rianxo por un hórreo na súa finca. Pan para pasar o Xordán dicíanlle ao poñerlle pan no peito aos que pasaban a Limia. E o poema: Daquil Edén perdido soio me queda, na néboa da memoria, un hórreo. Non era un edén, acaso, sestear na sombra da soleira entre a roupa tendida, as ferramentas luídas da lembranza alá no férvedo vrao da montaña ou,abrigado da choiva, ver fluir as augas nas tornaformigas dos esteos? Tan sagrado é o hórreo na nosa terra que os seus pés ergueitos en terreo comunal teñen o valor legal de seren considerados como sinal de propiedade da terra. Aínda que o hórreo estea derrubado, mentres fiquen os pés, o dono mantén os seus dereitos. Algúns estranxeiros coidaban ao chegar onda nós, que os hórreos eran casas. Pode que sexan as moradas dos trasnos, fadas e seres do Alén. Por iso os ingleses chámanlle mushroom stones, ou sexa, pedras fungo ou cogumelos ao conxunto dun tornarratos co seu pé. Aínda lembro aquel pan con queixo que xantei naquel hórreo de Pedroveya!.

Sábese que xa nos tempos castrexos, os galaicos tiñan celeiros elevados e ventados. Porque é fundamental que no Hórreo corra o aire! E para iso hai que ter sentido da orientación. Daí a idoneidade de facer o Parlamento galego nun hórreo tamaño coma o dos curiais que cobraban o desmos, de case corenta metros. Quen vería aos nosos deputados no soallo, coa súa inmunidade, estarricados no medio e medio das patacas e o maínzo, algún despistado olladando pola bufarda e outros na baranda tomando o sol e debullando  as mazarocas entre recorte e privatización!.

"Canto máis nos valera aos galegos gastar a fortuna que nos custa en recuperar todos os hórreos do país! E canto nos sobraría para o resto do patrimonio que esmorece esquecido da Xunta!"

Hai poucos días que nos enteiramos que os galegos amamos tanto estas contruccións tradicionais que, malia deixalos caer ou afealos aquí, alénmar, na Nova Zelanda, deixámosllos aos maorís ben feitucos, semellantes aos primitivos cabazos, canastros ou piornos. Alí chámanlles patakas!. E mentres en Asturies presumen de ter alomenos doce milleiros deles e un centro de interpretación en Bueño, aquí nin paramos mentes nos de Combarro. Xa o Carrabouxo facía falar a dous paisanos: Se me dan cen mil pesetas para restaurar o cabaceiro métolle os pegollos de formigón e o tellado de aluminio. Si, e masilla nas regandixas. Porén o feísmo, temos estudosos deles, como Begoña Bas e Manuel Mandianes, que fala das crenzas facendo unha curiosa relación entre o hórreo, o lar, a árbore cósmica, a pedra de avalar a a barca dos mortos. Seica nas aldeas de montaña deixabase o morto tanto na lareira coma no hórreo antes de enterralo. Ao ser lugar do gran, da castaña, da cabaza...era limia entre os mundos. Hai alguén que cre que o hórreo pertence á poesía visual, o lugar polo que transpira a pel de Asturies. 

Escoitamos que hai pingadelas na Casa da Cultura porque o tal Calatrava non era un arxina. Canto máis nos valera aos galegos gastar a fortuna que nos custa en recuperar todos os hórreos do país! E canto nos sobraría para o resto do patrimonio que esmorece esquecido da Xunta!.Morren cos hórreos tamén as verbas. Estadullo, estrobo, doela, bringa, bergueiro, xacia..por que non reconvertilos,pois a outros usos e leceres? Un chimpín dentro da soleira é un casamento feliz. Así que fagamos unha iniciativa lexislativa popular para facer do parlamento un hórreo e mudemos o parque móbil da Xunta, que tanto lle preocupou co bipartito a Feijóo, para que os señores deputados aparquen baixo del cadanseu chimpín.

Comentarios