Opinión

Paxareiras, a vella política social do novo conselleiro

Acabo de me enterar este días preeleitorais en que as novas nacen xa vellas que Feixóo muda o seu governo mirando ás autonómicas.

Acabo de me enterar este días preeleitorais en que as novas nacen xa vellas que Feixóo muda o seu governo mirando ás autonómicas. Disque reordena a Xunta e nomea tres novos conselleiros. Seica fundira consellerías por aforrar até chegar a aquel esperpento de axuntamento ilícito entre raposo e galiñas que significa meter nun mesmo galiñeiro urbanismo e medio ambiente. Non me pasman os ceses, quizais o máis agardado (e chega con retraso de comboio de vía estreita e terminal) é o da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, porque a xiada do vergoñento hospital de Vigo, é algo que arrefría moito a viaxe dalgúns ao governo de Madrí e a cobizada cadeira amesetada. Mais o que non agardava é que os príncipes dos alfaiates de provincias dados aos recurtes máis selvaxes e inxustos, eses que sempre curtan por abaixo onde están os esquecidos, os febles, os refugallos humanos que eles fabrican cada día, eses, digo, os reis das privatizacións, os turistas de xulgados e cadeas, os evasores do fisco, os perdoavidas de poderosos, os casamenteiros da gran banca, os mesquiños sicarios do gran capital transnacional, os vendedores de moral ao por maior cando eles mercan a granel e por disimulo, os mestres criadores dos focos de pobreza e marxinalidade social... eses, digo, louvapatrias uniformados e unitaristas nos desfiles dos piares castizos que á volta dunha estación de esquí ou dunha viaxe política ao caribe esquecen a bandeira e múdana axiña pola pirata do petróleo saudí ou a das estrelas angloamericanas. Eses, digo, que todos coñecemos e aos que milagreiramente ninguén vota (haverá que ir ao santuario das milagres do corpiño por ver de confirmar) veñen de mudar a política social de dereitas de toda a vida. Xa non van desfacerse da base da pirámide social porque agora xa temos consellería de Política Social! Que vai fazer ésta é máis misterioso, certo, que a partilla dos pans e peixes bíblica. Pero temos unha pista, un indicio, o patrón que vai ao mando dela: Rey Varela, o ex-alcalde de Ferrol do PP. Coñecido tamén por polas letras JM. 

JM pode significar moitas cousas. En castelán a j juanramoniana do poeta é algo moi común. No galego non existe, parece. E M tamén é unha letra ben cotiá. Así que esa combinación gañadora na lotaría primitiva en campaña eleitoral podémola interpretar como Jolgorio Monumental, Juerga Misérrima, Justicia Madrileña ou Jaula Marginal. Todo en perfecto idioma patrio. 

Os ferroláns que sofrimos o governo do recén conselleiro de Política Social non podemos máis que nos acaxomar na cadeira do teatro por ver este novo acto da comedia da transición

Os ferroláns que sofrimos o governo do recén conselleiro de Política Social non podemos máis que nos acaxomar na cadeira do teatro por ver este novo acto da comedia da transición. Se ollamos a política ferrolana de Rey Varela en Ferrol veremos que de social tiña o mesmo que calquera banco sen patas. Isto é, ren, nada de nada. A menos que alguén teña por social o esmigallamento caritativo en vésperas litúrxicas a cociñas económicas, albergues con tigres do catre, obras sociais da igrexa católica, abandono de casas solidarias e iniciativas cidadáns nunca subvencionadas por non beilar a música que tocan os donos dos teatros.

Claro que ao mellor o novo conselleiro mellora o estado das rúas que, en tempos de crise e miseria, sempre se enchen de feitucas estatuas de persoeiros da patria (penitentes capirotados, recuados deputados a cortes da restauración monárquica ou coloridos prohomes premiados por integrar ás etnias marxinais e perseguidas en confortaveis cárceres con separación de xénero). Xa estou a ver o lucidío nadal de Compostela en vésperas do 20D (que ben estava atrasalo a un día máis afín como o 28D) cheo de rúas empedradas con pequerrechas estatuas situadas estratexicamente para que nelas poidan recrear a vista aqueles que, por preferir para durmir cartóns en vez de edredóns nórdicos e xurelos escabechados no canto de marisco, non teñen euro para entrar nos museos. Há unha estatua ecuestre agochada por algures que, se cadra, pinta ben na entrada do actual parlamento galego.

A dereita que nos governa e a deses erixidos Cidadáns que mañá mesmo nos pode governar non ten reparos en louvar en homenaxes as políticas sociais de esquerdas sempre que os seus persoeiros leven morto varios séculos, se posível for. Así que eu aconséllovos ler o poema de Concepción Arenal: El Pajarero, adicado aos falabarato para que aprendan a calar. (Pájaros halla en la era,/ Pájaros doquier que pasa,/ Estando toda la casa/ Convertida en pajarera...¡Oh! le dice es compasión,/ Porque tú, señor, no saves,/ Lo que pueden ser las aves/ Dándoles educación.) 

Como pedagoga social en paro perpetuo nun país que invirte en armamento o que cicatea en educación, (e a educación é a primeira das políticas sociais) onde o traballo social trabúcase coa caridade existencial dos mellores tempos franquistas, dígovos que esta consellería debían de instala na paxarería que JM, o ex-alcalde de Ferrol deixóunos como lembranza da súa fantástica política social! Si, alí, no medio do cantón de Molins, no medio da cidade natal do conselleiro de política social, a cidade arruinada!

Comentarios