Opinión

Patria e Matria, Galiza

Patria e Matria, Galiza. Emporio de esqueletes a repovoar camposantos. O vento, silandeiro, pasa. O vento que palpuxa aldeas esquecidas con cans que non ouvean e sachos onde o fero ferro dos labregos mudou en ferruxe botado xa a perder polos pendellos. Chegou monocultivo dos pasteiros do papel e os montes comunais só foron fentos e eucalitos comestos por un lume de camorra que espalla o ermo, seca a terra e enche os petos dos grandes empresarios estranxeiros que non queren no seu país nen a folla da gadaña, nen de Lourizán, o fedorento cheiro.
 
Outeiros que soerguen. Valigotas que derraman. Refoladas de ar. Árvores caducifolias taladas. O inferno lucrativo das lapas...País redondo, luído a porfía. Retesía teimuda de povo insomne que soña e mais ensoña, que vén evoluindo  dende as citanias  e os dolmes. Mainamente en aldeas-estado, en comunas abastadas, crecendo e decrecendo durante séculos nun terter respetuoso coa natura, modelando esta senlleira paisaxe. Pequecha Terra infinda que luita ás avesas. Que se deita en mansedume coma un boi. Que aleita en corna de vaca un camiño sen estrelas, unha Vía non Láctea en espirais de tebras. Terra que fai podrosos aos alleos desposuindo aos proprios!

País redondo, luído a porfía. Retesía teimuda de povo insomne que soña e mais ensoña

Reino antigo doutra Europa. Mansante, anterga terra que emerxeu do fondal das primeiras augas oceanas. Paraíso dourado dos romanos, ruina montium. Riqueza que se foi,  Montefurado. Bosco infindo feito fraga. Montañas que isolaron de saqueos. Camiños de ferro que non trouxeron  o progreso. Camiños artellados para levalo!. Autoestradas para lamber o noso. Encoros, minas...terra galega que se entrega ao pior postor do leiloio. Nazón esnaquizada. Vendida e alugada en retallos de "pago fácil". Eu quixen exercer de forquiño en aguillada. Encabuxada contra meu propio povo. Enrabeada e acirrada contra da moitedume debruzada en fiestra valdeira. Berrei con asaño a espertar a un povo insomne que nunca ergue dese leito espiñento. Collín a fouce esquencida. Eu, orfa de leiras. Expropiada. Filla  de labregos desterrados que ule a terra de lonxe sen poder tocala.

Patria e Matria, Galiza. Acornellada pedra vella. Penedía que donea os mares mais bravos. Mans que traballan na noite, mariñeiros apóstolos  do peixe sen altar nen cruz. Matria que encarnas nas sereas sen canto. Maruxaina a xulgar. Rexos percebeiros de Robaleira e Roncudo. Ondas a pelexar as robalizas que ao chegaren aos mercados se avergoñan de seu e viran en tristeiras lubinas!

Hoxe disque é teu día, Patria e Matria, Galiza. O día en que celebramos o orgullo de sermos nós, algo conxunto, un povo que comparte a miseria dos ben mandados

Hoxe disque é teu día, Patria e Matria, Galiza. O día en que celebramos o orgullo de sermos nós, algo conxunto, un povo que comparte a miseria dos ben mandados. Un povo que espernexa de socato, unha vez só  ao ano,  para logo enmudecer, calado coma un peto, silandeiro, fuxido, eternamente amolado.

Hoxe disque é teu día. Non quero celebrar teu  pasamento a mellor vida. Os bieitos patriotas poñen en teu cadaleito unha bandeira mentres desfilan en ritual de pedra a Compostela. Daí que sexa a audacia desa Audasa dona da nosa terra, concesionada e subvencionada a perpetuidade, quen tira o beneficio do noso patriotismo estacional de simulacro.

Patria e Matria, Galiza. En que intre da historia, en que soño do rei do castelo de Luna, vendiches  teu corazón, hoxe ao vento dos Mercados?.

Comentarios