Opinión

Nacionalismos de lentes do diaño

Wenceslao Fernández Flórez fai neste libro unha distinción maxistral entre o ser galego e o ser castelán. Distinción chea dun humorismo requintado, dunha intelixencia aguilloante coma poucas. Os lentes que o diaño lle empresta a un home candoroso fanlle ver a realidade tal e coma é, fóra as apariencias. 

Wenceslao Fernández Flórez fai neste libro unha distinción maxistral entre o ser galego e o ser castelán. Distinción chea dun humorismo requintado, dunha intelixencia aguilloante coma poucas. Os lentes que o diaño lle empresta a un home candoroso fanlle ver a realidade tal e coma é, fóra as apariencias. A diferencia que suliña Wences entre o diaño castelán e mailo galego é senlleira, e evidencia o mal chamado problema nacional no Estado Español. O diaño galego non é o diaño horrendo das tradicións de Castela, nos di, sempre túzaro, aparatoso e amuado, alentador de crimes que levaba aos homes que con el trataban á fogueira ou á desesperación; senón o diaño que coñecen os vellos labregos galegos, vello cunha ollada maliciosa e sorriso retranqueiro, que sabe da importancia que se lle ha dar a esta vida, xovial e desafiuzado, que axuda ao raposo a entrar no galiñeiro e que se dera en recibir proposicións para mercar unha ánima, colleríaa, daríalle cen voltas e remataría por observar: Cando ti ma vendes, algún negocio pensas facer á miña conta. Non me convén. Porque o diaño galego, ao contrario que o castelán, é manso e apacibel e porta unha desconfianza tan intelixente como ancestral! Cicais froito dunha historia colonial de infamia estrema.

"Está claro que para estar ao día e non aparvar de todo non son saudabeis a meirande parte dos medios de comunicación senón que hai que volver a ler os clásicos, se posibel for, con humor, e para iso poucos tan bos e tan de actualidade no seu surrealismo realista coma o Wences!"

O capítulo máis acaído á actualidade dos referéndums de Escocia, Cantalunya e, agardemos que así sexa, Galiza, é o que leva por título: Teoría do Galego. Aínda escribindo en castelán e levando a sona de comungar co réxime franquista, o autor evidencia un nacionalismo soterrado e esguío digno dunha profunda análise político-literaria. Un xornalista faille un interview e sae a conto o problema rexionalista, como lle chaman na corte, problema artificioso para a prensa daquela (tamén para a de hoxe, ao que parece) xa que as "rexións" carecían de personalidade suficiente, disque. Wences coidaba que os galegos debiamos pedir leis máis severas e urxentes contra os casteláns que se valen da palabra "gallego" para designar o suxo, o ruín, o desprezabel e o idiota. Botou man dun político ilustre, ex ministro da Coroa (que lle fixo observar que estaba a ler un libro en francés, para lle dar ideia da gran cultura que portaba). O exministro confésalle que é iberista, con be. Definindo iberista, non como o entendían moitos nacionalistas galegos republicáns, coma Castelao, senón coma un devoto do Poder central, único e sen deixacións. Alega que o problema das rexións (léase autonomías, ou mellor nazóns sen estado de seu) non existe; borráronas por un real decreto; non hai máis ca provincias. Non asinaría isto hoxe calquera político meseteiro?. Parece mentira que non se dean conta disto.

"A conclusión non podía ser outra que aquela teoría política coa que, en pleno século XXI , nos ilustran todas as canles de tv, xornais e radios: que o único réxime sensato, convinte e plausibel é o do centralismo"

Engade que das rexións españolas pódese dicir o mesmo que dos chineses, que os nosos políticos non as coñecen, e arrédranse perante as declaracións dos nacionalistas. Para demostralo busca unha rexión pouco frecuentada: Galicia, que é a máis lonxana. Portadora, segundo o exministro, dun dialecto que difire do castelán en que converte en u calquer o... Os galegos andan de cote con zocas polas rúas empedradas producindo tanto ruído que a todo o mundo lle doe a cabeza. Hai dous grandes grupos de galegos: serenos e augadores. Cando se desequilibra, por exceso de persoal, envíase o remanente a Madrid. Tamén hai mozos de corda e unha pequena minoría que pasa os anos a beilar incesantemente a muiñeira. Caben máis tópicos en tan pouco espazo?. O exministro engade que só tenta de demostrar que ten coñecementos dabondo coma para rexer dende Madrid ata a aldeíña máis lonxana da Península. Ministro que podía ser hoxe dende De Guindos ata Montoro, pasando por Wert. ( E iso tendo un presidente do goberno pontevedrés de provincias) E confírmao polo que se escoita nos cafés, Ateneo, tertulias, sainetes e xornais da Corte. Tilda de tolemia a autonomía municipal. O exministro recibiu moreas de parabéns de toda España por tamaños disparates. Un xornal incluso chegou a afirmar que endexamais se tiña feito un estudo tan sintético, atinado e cabal de Galiza e que cerebros así eran os que se precisaban ao fronte dos destinos públicos. Os seus brillantes conceptos espertaron nalgúns a ansia de coñecer Galiza. (Cicais son os bárbaros que deixan gravados os seus nomes de telenovela nas rochas da praia das Catedrais). Tendo en conta o perigo e amolamento de ter que viaxar por esas terras tan selvaxes, falaban de facer unha película para que os españois saborearan as excentricidades dese povo galego. Cousa que de contado fixera a filmografía daquel xeneral Andrade. A conclusión non podía ser outra que aquela teoría política coa que, en pleno século XXI , nos ilustran todas as canles de tv, xornais e radios: que o único réxime sensato, convinte e plausibel é o do centralismo.

E case no remate desta xenial crítica ao españolismo máis reseso e á ignorancia elevada á categoría de ciencia, Fernández Flórez déixanos este anaco de humor sisudo tan acaído ao intre histórico que estamos a vivir: Por decoro perante os homes vindeiros, cremos que os historiadores deberían pasar por alto todo o que nos está a ocorrer dunha cantas décadas á data e, seguindo esa feliz ideia do autor do libro que comentamos, sintetizar nunhas lineas que poderían dicir, por exemplo: Subeu ao trono dun Fulano de Tal, durante cuxo reinado foi atropelada unha señora por un automóbil nunha rúa de Cal. Sucedeu a este monarca o seu fillo don Zutano...

Está claro que para estar ao día e non aparvar de todo non son saudabeis a meirande parte dos medios de comunicación senón que hai que volver a ler os clásicos, se posibel for, con humor, e para iso poucos tan bos e tan de actualidade no seu surrealismo realista coma o Wences!.

Comentarios