martes 21.01.2020

Mares e patamares

Perdemos os patamares e o mar. Nos bairros os campos abertos, sen aramios, onde os nenos e mozos xuntaban a leña e os trastos vellos para queimar no sanxoán. Os campos abertos onde se artellavan xogos livres. Un sangue novo que non monitorizava ninguén. Non havía tratados de cidades verdes nen selos de calidade nen controis de rendemento e as volallas voavan sen control aéreo. Os mozos na pubertade ían ás abellas e ninguén chamava aos municipais a alertar de niños de avésporas alleas.

Perdemos os patamares e o mar. Cando abrimos os ollos, dun a outro castelo, de San Felipe á Palma, todo eran muradelas. Nen a fírgoa nos deixaron de San Amaro por onde albiscou, un intre, ceo. Botaron terras e xurros á ría mais fermosa. Tempos houvo en que os nenos comiamos berberechos no areal daquela nosa Copacabana. Comiamos a tortilla nos campeiros derramados do outeiro de Canido e ollavamos ao lonxe e preto da veiramar as infundas fragas onde ainda baixavan lobos de Vilarquinte xunto a labregos obreiros que ían dar sua vida por unha patria que os repudiava e garridas labregas que servían en casas dos bairros adiñeirados de Amboaxe e Capitanía e logo voltavan ás suas casas, camiñando na noite, como cando saían, para botar algo á boca e se deitar, murchas e rendidas como seus homes. Querían que seus fillos poideran alentar, vivir mellor, dicían. E hoxe andan polo mundo coma seus pais, de mencer a solpor, de noite a noite mais sen terra nen raizames. Eivados e isolados nun mundo de parias conectados.

Os mozos na pubertade ían ás abellas e ninguén chamava aos municipais a alertar de niños de avésporas alleas

Perdemos os patamares e o mar. Aqueles patíns tan belidos. Os cativos brincavamos neles e mediamos a estatura polos chanzos que arriscavamos. As nais deixavan o cubo da lavadura no patamar onde a veciña dos porcos recollía. Non havía lixo que non fora orgánico. No patamar também ficavan os paraugas chorreando auga que pintava lindos regatos que eu seguía cos meus ollos calmos a ver se chegavan a nacer duira pola escada e fuxir no mar da rúa.

Ferrol era entón unha cidade escura. Coa luzes necesarias. Baixas e amarelas. O misterio da noite aniñava nela

Ferrol era entón unha cidade escura. Coa luzes necesarias. Baixas e amarelas. O misterio da noite aniñava nela. Na selvaxe rúa da terra havía un aserradeiro do que hoxe só fica, soedosa testemuña, un carvallo en pé. Milagre da terra arvoricida. E pola Vila Campa, derramando na rúa do Hospital, o bulicio das xentes ecoava, entre a tenda de Rosario e a do loro. Subindo cara a praza de Canido, polas casas de pedra que ainda esmorecen, afiavan navallas e coitelos e arranxavan paraugas. No solpor, no patio e horta dos avós, o da noite, o reloxo dos nenos, o témero morcego, palpuxava as sabas da brétema lisgaira. Havía que marchar. Camiñando na noite nova. Vagalumes e pedras. No alto a temesiña lua e o marmurio das estrelas e meu irmao durmindo xa no colo de meu pai. Achegavase o inverno e o feliz nadal. Quedava un mundo de tempo ao ar ceibe, sen pisar un centro comercial nen tocar unha pantalla cos tanxelos.

Mares e patamares
comentarios