Opinión

Galegofobia: quen son os imbéciles e escuros?

O mesmo ten que o enteiro mapa de Hespaña estea tinxido dun azul gaivota máis azul do que os mares, o mesmo ten  porque para moitos os únicos votantes da dereita do PP están na Galiza rural. Se así fora teriano doado. Darlle a independencia a Galiza e ficar eles tan ricamente.
 
Nada máis rematar o reconto en urna xa comezaron os chíos dos pardillos meseteiros e bocaláns. Os galegos atrasados, parvos, paletos, vellos, rurais, narcos, analfabetos, usureros rastreros...Mais de todos, os que máis me pasmaron foron dous: os alcumes de vacas e vagos.

Os chíos galegófobos das redes ecoavan unha e outra vez co de vagos

De todos os diccionarios e textos onde se nos humilla como povo endexamais atopei estes dous. Xusto ás avesas, sempre se nos afeou de baixados, burros de cárrega e facareños. Xusto o contrario de preguiceiros. Porén, os chíos galegófobos das redes ecoavan unha e outra vez co de vagos. E non vagos individuais ou lacazáns aillados, non, vagos de profesión. Decateime de que ese é o insulto que se lles apón aos colectivos marxinados que seica son unha cárrega para a sociedade de ben: vagos son os ciganos, os rumanos, os marroquinos, os sudamericanos, os subsaharianos...os chineses non porque daría moita risa a evidencia. Aos chineses se lles acusa do contrario, xustamente. Claro que os alcumadores non teñen problemas de conciencia cando utilizan estes colectivos como forza de traballo escrava cando lles conviñer!

Alédome que nos quitaran, por fin, o sanbieito de escravos ou burros de cárrega! Anque ben que nos aproveitaron e aproveitan.

O que non me colle na cabeza, (será porque son galega e, por tanto, estúpida), é a que vén ese alcume de vacas. Porque nas redes utilizan vaca como un insulto!

O que non me colle na cabeza, (será porque son galega e, por tanto, estúpida), é a que vén ese alcume de vacas

Non sei se polos cornos ou polo leite. Ou será porque as vacas viven no rural, como os gandeiros, e aínda non chegaron a alugar vivenda na cidade? 

Eu non son do rural. Quen me dera! Eu son unha galega sen terra que para a antropoloxía galega é como ser unha ninguén. Eu teño que mercar o leite e o pan e o queixo, as berzas e todo o demais. Mais sei que non se crían no almacén de ningunha superficie comercial. Non teño vacas mais ulo a bosta e me vin nos ollos dunha vaca en Tabeirós, en Terra de Montes e na Terra de Cas de meu pai, en Pazos, Serantes, aquel concello dun alcalde que morreu por unha República Española! E vin un puchiño brincando polos prados. E por iso cando vin a verba vaca como querendo afear aos vellos do rural que loitaron e loitan á súa maneira como endexamais o farán os analistas tertulianos, as Bescansas de botica e pazo ou os déspotas ilustrados de academia intermareal, (anque voten ao PP, o voto é livre e por algo o farán), déronme arcadas de noxo por tantos señoritos urbanícolas que nunca souveron nen saverán o que vale unha vaca! Eses mesmos cidadáns progres tan listos que pican ao reclamo das grandes supeficies coloniais que lles venden o leite en tetra brik a un prezo de escravitude e que se venden insolidariamente sen apoiar aos seus  compatriotas do rural para nada. A non ser para ir de excursión ao campo e durmir tan ricamente nun turismo rural de paletos e preguiceiros que lles serven, a prezo de provincias, entre narco e silabario.

Un galego do rural non quere experimentos, prefire malo coñecido e sobre todo fuxe de quen non senta na súa mesa e só vai ao rural de visita e en vésperas eleitorais

Se todos estes esquerdosos enlamaran os zapatos de cando en vez e viviran 21 días, como nese programa da tele, coas xentes do rural e cotizaran e alentaran coma eles, entón ao mellor decatarianse por que son en votar ao PP. Ao mellor se decatarían de que un galego do rural non quere experimentos, prefire malo coñecido e sobre todo fuxe de quen non senta na súa mesa e só vai ao rural de visita e en vésperas eleitorais. A dereita do PP ten redes ancestrais clientelares e sabe aproveitalas. As outras dereitas e esquerdas son demasiado urbanas, academicistas, elitistas e cosmopolitas como para ser do agrado do rural.

O bardo Ferreiro chamoulles ananos aos galegos daquil local aclimatado de Caracas que eran, maiormente, desertores do arado. Analfabetos desarraigados, fuxidos da cultura da terra. (Cultura vén de cultivo da terra).

E o bardo celanovés dixo tambén aquilo de que nunca virá de fóra remedio ou esperanza, se o noso povo morre quedámonos sen patria pois patria e povo son o mesmo en dúas palavras.

Así que, queridos mareantes Fernán Vello e Carolina Bescansa, quen son realmente os imbéciles e escuros que non nos entenden, non? Asino eu que non son nen serei endexamais votante nen do PP nen tampouco de quen aldraxa ao meu povo!

Comentarios