Opinión

Ferrolaneando

Ferrolaneando pola Avenida de Compostela a mocidade, chegada de todos os recunchos da Terra, vaga agardando polos escasos comboios e autobuses. Nin na semana do Festival do Mundo Celta de Ortigueira son quen de ofertar un transporte público axeitado. Os camiños de ferro, enferruxados no deleixo, esmorecen desde os recuados tempos da raíña Isabel II. O Cristo dos tempos modernos foi sustituído polo novo mesías da industria automobilística coa chegada de Ford e dos fordistas, e somentes o AVE sobrevivirá como o espírito santo dos comboios. A tal ponto que se Curros, o poeta, escrevera aquel seu Divino sainete, os sete pecados capitais endexamais terían chegado a Roma pois os revisores non pasarían a cobrar para xustificar así a escasa rendabilidade do servizo que uns intereses creados están a desmantelar. Añón ficaría agardando no apeadeiro de Lamas por un comboio que nunca daría chegado. E iso que estamos a falar do medio de transporte máis ecolóxico, cómodo e eficiente.

Ferrolaneando, após os opiáceos daquela estación intermodal que xunguiría dúas estacións pantasmas, o plan de mobilidade sostivel seguirá a durmir sono de pedra reducido a esa aplicación moovit que nos informa das escasas liñas e frecuencias das concesionarias a través da pantalla do móbil. Ouh Curros, este é o espello do progreso no que ti acreditavas?. Estudantes, traballadores e turistas terán máis doado chegar a Porto ou Madrid do que a Vigo ou Ourense pola falla de autobuses e tren directos desde esta cidade isolada, cinxida de muradelas. A patria dos ártabros ou arotrevas onde os areais aínda son baleiros campos de tiro, os acuartelamentos barracóns con pezas de artillería e asbesto, as prazas son de armas, as estatuas de militares, negreiros ou penitentes, as paraxes da costa ártabra esburacadas de baterías e túneles deleixados, os castros sen escavar, os castelos arruinados e veciños de porta dunha planta de gas dentro dunha ría sen sanear, os barrios históricos soterrados pola feroz especulación urbanística na cidade das casas baleiras, derrubadas as casas dos escritores, pechados no verao os centros cívicos,  asolagado o Carvalho Calero, infravalorados os fondos bibliográficos do instituto masculino e o Ateneo, esparexidas as obras pictóricas de renome, soterrada nun parking as trazas dunha muralla do XVIII...Ferrolaneando por un barrio onde unhas Meninas ilustradas, lonxe de frear a especulación dos tixolos, pintaron nos cascallos o elevado prezo do metro cadrado.

Ferrolaneando pola cidade da luz cegadora, na patria arboricida, con vellos sen parques e bancos sen sombra, entre a mocidade celta acampada perante os camiños de ferro divago cismando que fica xa daqueles loureiros de Dafne y ensueños. E ferrolaneando un marmurio ou pode que un eco unha ladaíña, mito do progreso, que esparexe o vento: o asteleiro 4.0.

Comentarios