Opinión

A farsa da hispanidade

Como galega cústame barro e fariña albiscar que é iso que chaman hispanidade.


Como galega cústame barro e fariña albiscar que é iso que chaman hispanidade. Cando alguén estuda ao povo galego, a súa lingua e cultura chámase hispanista e non galeguista. Curioso! Mais é tamén hispanista quen estuda a cultura  e lingua dos aragoneses, casteláns, cántabros, andaluces, cataláns, colombianos, chilenos, mexicanos...Porque cando os imperios portugués e galego partillaron o mundo de alén mar no tratado de Tordesillas impuxeron cadansúa lingua, o portugués e mailo castelán como símbolo do xenocidio dos povos. Eles ben sabían que a lingua é o espírito vivo dun povo e que matar a lingua é exterminar esa cultura.

Eu sempre andei ás leas coa hispanidade porque nunca acreditei moito nas razas nin fixen distingos de pel. A min sempre parecéronme humanos seres todos os povos do mundo até tal ponto que gostei de incluir neles aos primates superiores como o orangutango, o gorila e mailo chimpancé. Non sei se é empatía, algo instintivo en min ao ver de pequena cómo amolaban aos xitanos na miña escola ou a influencia educativa da miña familia. Daquela aínda cría que unha colonia era un perfume para recender ben e que un imperio era un país moi forte que estava para nos protexer. Daquela coidava que conquista era somentes a amorosa. Non podía atinxir cómo se podía chamar da mesma maneira conquistar o corazón dunha persoa ca masacrar nazóns enteiras. Dos cubanos non fica ningún descendente precolombino, siquer. 

Na escola dicianche de consultar o diccionario cando non enxergavas. Mais hispanidade non se definía máis que como o carácter dos países hispánicos ou o conxunto dos países de cultura hispánica. Que era como non dizer ren. Por riba a hispanidade era veciña de porta do hisopo, ese instrumento para rociar auga bieita. E iso levábame á sanguinolenta película de Aguirre ou a cólera de Deus, que deve ser o máis parecido ao que foi a conquista de América. Porque a espada e a cruz sempre foron as armas dos imperios. Non valía de nada que o freire Bartolomé de las Casas piara por protexer as almas daqueles indios porque os asasinos do imperio, ao servizo da coroa de España que cobizava o ouro de El Dorado e a prata do Potosí, solucionábano de contado bautizando aos indios e logo esmagando os seus miolos nos cavorcos daquelas terras. Outros corrían pior sorte nas escravaturas das minas até finar. A prata que chegou a España do saqueo americano en pouco máis de século e medio era tres vezes superior á das reservas europeas. E iso non incluía á que se pasava de contrabando. Benevolente contribución dos povos americanos ao progreso alleo! Mais a prata ía parar aos acreedores estranxeiros porque a Coroa española estaba hipotecada. Remataba nas mans dos Függer, poderosos banqueiros que lle adiantaran ao papa os fondos necesarios para rematar a catedral de San Pedro. (Así que cando entredes na casa de Deus lembrádevos do sangue que tivo que correr para erguer semellante obra de arte!). Ou doutros grandes prestamistas como os Grimaldi, por exemplo. Aquel imperio rico tiña unha metrópoli pobre, anque nela a ilusión da prosperidade erguera burbullas cada vez máis finchadas. Porque a industria morría ao nacer naquel reino español dos vastos latifundios maniños, ermos.

Non valía de nada que o freire Bartolomé de las Casas piara por protexer as almas daqueles indios porque os asasinos do imperio solucionábano de contado bautizando aos indios e logo esmagando os seus miolos nos cavorcos daquelas terras

Latifundios de nobres corruptos herdeiros do despilfarro a mans cheas. Fillos, como hoxe, de ducados livres de fiscos. E aí chegou a inflación a afundir o imperio español daquel século de ouro! Datos do fermoso livro de Eduardo Galeano: Las venas abiertas de América Latina. Un livro que devera de se ler en todas as escolas do chamado mundo hispano de aquén e alén mar.

Se o Día do Pilar ou día da Hispanidade ou outrora Día da Raza fora feirado para adicalo a ler este livro e outros semellantes que nos informaran da historia do imperio e a destrución da diversidade cultural da América precolombina á par que a destrución da diversidade cultural dos povos celtibéricos. Se no canto dos desfiles militares unitaristas exclusivistas e louvaimperios da madrileña praza de Colón onde aínda ondea a bandeira imperial e os nenos seguen a se educar na disciplina castrense e violenta das armas e da forza bruta, anque se disfracen de axuda humanitaria... E non son máis que as pasarelas cibeles da industria armamentística dos moreneses. Cruz e espada para nos crucificar como nos mellores tempos da conquista. Celebramos os tempos do coronel Aureliano Buendía fronte ao xitano dos inventos, Melquíades, dos Cen anos de soedade do García Márquez, aquel neto de galega ensumida na hispanidade forzosa. Porque anque o outro xenocidio exterminador dun povo que é a emigración abonda máis en Galiza que en ningún outro povo das Españas, fazendo que en calquera recuncho do planeta haxa un galego, en ningures máis que nas Américas nos chaman así, galego, a calquera español. Mais ben ocorre o contrario, chámannos españois anque sexamos galegos, cataláns ou bascos.

Certamente, agora xa hai países (os que fican máis fóra da órbita dos neocapitalistas) como Venezuela, Nicaragua, Guatemala ou Bolivia que conmemoran o Día da Resistencia Indíxena fronte ao colonialismo español.  Ou fan deste día un canto á diversidade chamándolle día da Interculturalidade e a Plurinacionalidade, sumándose así á condea do exterminio. Mais iso non é quen de frear a actual venda de terras a oligarquías estranxeiras como pasa en Arxentina e Brasil, o asasinato de indíxenas para se apropiar das escasas selvas ou a marxinación da meirande parte dos povos indíxenas que é descendente de toda a diversidade e riqueza precolombina.

A colonización americana é tan forte aínda que nin siquera o povo cubano zafouse do credo católico e até Fidel Castro (outro neto de galegos que pasa por español) tivo que receber ao Papa

A colonización americana é tan forte aínda que nin siquera o povo cubano zafouse do credo católico e até Fidel Castro (outro neto de galegos que pasa por español) tivo que receber ao Papa nunha foto que pasará á historia como símbolo do poder da cruz do imperio sobor da fouce o martelo e os ritos animistas ancestrais.

A farsa da hispanidade colle folgos este ano eleitoral no que as oligarquías financeiras do mundo que non teñen bandeira nin lingua (porque se apropian en cada intre histórico da que máis lle convén), precisan afortalar a unidade europea e angloamericana coa fronteiras saídas do último gran masacre mundial nesta estrema do mundo, esmagando os dereitos das nazóns máis febles, que carecen de exército e parlamento proprio, ou desoutras que portan un parlamento títere ou monicreque ao gosto do mellor postor. Calquera pode ver que é máis doado subornar a dez nazóns ca un cento delas. O Tratado de Livre Comercio precisa ter da súa man aos actuais governos e non multiplicar as sucursais abandeiradas do seu mundo global.

Así que voltaremos a escoitar fermosos discursos de sangue azul e patriotismo solidario onde nos volverán a vender que somos tan españois como Pau Gasol, ese exitoso deportista catalán. Cervantes Saavedra, ese escritor galego ancarés. Ou Colón, ese galego de Poio.

Mais calquera que teña algo de luzes e careza de fanatismo patriótico recoñecerá que a hispanidade é máis carosa de atopar co sexo dos anxos. Alén mar a penas é unha lingua imposta coa que nos entendemos e nos trabucamos a un tempo. Os povos hispanoamericanos son tan descoñecidos para nós como o resto dos povos das Españas. Porque fóra dos tópicos ao uso qué sabemos dos colombianos, mexicanos, peruanos, chilenos, guatemaltecos...case que o mesmo que dos extremeños, andaluces, casteláns, aragoneses...! Non hai convivencia fóra da tona superficial. Só un verniz que máis que lles dar identidade, tírallela! Cando non é a xenofobia ou a discriminación clasista é o noxento abrollo dun paternalismo metropolitano de colonizador. 

Fóra dos tópicos ao uso qué sabemos dos colombianos, mexicanos, peruanos, chilenos, guatemaltecos...case que o mesmo que dos extremeños, andaluces, casteláns, aragoneses...!

Para ver a farsa da hispanidade non hai máis que fazer un simple exercicio. Di sen pensar, sen enxuízar, o primeiro que che veña aos miolos cando te din colombiana, mexicano, aragonés...E cicais que che sairá unha rancia ensalada de xenófobas e aldraxantes etiquetas do estilo de traballadora do fogar, niñeira, peón albanel e vendedor ambulante con trazas de Cantinflas máis ca de Octavio Paz, camponés ao Martínez Soria, flamencos imperiais máis que azeituneiros altivos. Saímos das escolas da hispanidade tan ignorantes da diversidade nacional, lingüística e cultural como entramos. Ou pior, porque saímos maleados, cheos de tópicos intereseiros e irrespetuosos. Tópicos dunha cultura branca de lingua española de pedigrée que ignora todo aquelo que non entra nas súas estreitas limias e se arroga o dereito a definir ao diferente como inferior.

Como dizía Max Estrella, aquel xenial personaxe daquel escritor español, o autor de Tirano Banderas, que tamén era galego, Valle-Inclán: España é unha deformación grotesca da civilización europea. Latino, deformemos a expresión no mesmo espello cóncavo que nos deforma as facianas e toda a vida miseravel de España.

Pois iso, que devían celebrar o desfile da hispanidade paseando as súas estrelas e condecoracións polo caleixón do Gato para ver o esperpento que pintan neses espellos cóncavos que nos andan a vender!
 

Comentarios