Opinión

A débeda de Grecia a Europa

Cóntannos que Grecia ten unha grande débeda con Europa e que somentes aportou á civilización desta beira occidental a crise e o iogur de Macedonia. 

Cóntannos que Grecia ten unha grande débeda con Europa e que somentes aportou á civilización desta beira occidental a crise e o iogur de Macedonia. Mais a pesares de que andamos tan enleados por ese dereito á propiedade intelectual polo que os profesores dos colexios non van poder proxectar videos educativos ou as bibliotecas van ter que pagar por cada libro que retiremos os usuarios, ninguén deu en cismar por qué o povo grego non reclama eses dereitos de propiedade intelectual. Non sei qué sería de Grecia sen Europa, mais coido que a malpocada Europa sen Grecia sería cuasemente unha poeira cósmica no abisío do universo.

"Non sei qué sería de Grecia sen Europa, mais coido que a malpocada Europa sen Grecia sería cuasemente unha poeira cósmica no abisío do universo".

O rapto de Europa xa foi contado na Antigüidade. Agora sofre o rapto da Banca teutona, dos señores da guerra enerxética e narcofármacomilitar. Ah, que diálogo satírico escribiría Luciano!.Disque a Europa vendeuna coma escrava seu proprio pai, o rei cretense ao atopala gozando cun amante no seu pazo. Outros din que Zeus namorou dela e disfrazado dun touro branco engaiolouna nun salgueiral cabo dun río. Violouna mudado en aiga e,de resultas, naceu Minos, o rei de Creta, orixe da grande cultura minoica.  Foron certamente os gregos uns grandes artelladores de mitos. Se tiveramos que pagarlles a débeda non remataríamos endexamais. Dende o panteón dos deuses de Afrodita a Hera, de Zeus a Artemis...até os semideuses como Heracles-Hércules. Pasando polas harpías, esas rapinadoras de nenos e almas. As sereas, as nornas, as parcas. Chegariamos ás nove musas que presiden o canto, a poesía, as artes e mailas ciencias. Os nosos museos non son máis que templo delas. E se tiveramos que pagar a débeda dos museos?. Mais eles tamén artellaron a Mnemósine, a memoria. Anque semella andar hoxe marrada dabondo.Será o leteo ou río grego do esquecemento.

O povo grego foi o creador dos grandes mitos de Sísifo, de Ixión, de Edipo e Electra, o dos corpos dobres (simplificado na media laranxa do Eros). Mitos universais e inmorredoiros. Somentes precisamos botar unha ollada lisgaira a calquera diccionario para ver a abondosidade de palabras que temos de orixe grega. Amósega da imensa débeda que Europa ten para con eles. Dende a catarse até o holocausto (todo queimado, literalmente). Dende a hélice até a catalepsia, ese transtorno nervoso polo que os músculos se inmobilizan e perdemos toda sensibilidade. Dende a hormona (de excitar, mover) até o logos, base da ciencia, do pensamento racional. Dende a neurastenia até os neurópteros, eses insectos mastigadores, de cabeza redonda con antenas longas, ollos grande e bolichudos e catro ás membranosas. Todo chega da Grecia de balde!. A astronomía, a música, a aritmética (a escola pitagórica) a filosofía ( Sócrates, Aristóteles, Platón, Heráclito...). Eles crearon o areópago ou tribunal competente, consello aristrocrático dan antiga Atenas cicais herdado hoxe. As olimpiadas naceron en Olimpo. Os pedagogos eran os escravos domésticos que levaban á escola aos nenos dos ricos. Cando lle chamamos a alguén lacónico non falamos do lacón do porco do antroido, senón que aludimos a quen é parco en palabras, conciso, de poucas falas. Porque así eran os habitantes de Laconia. Que sería de nós sen Itaca, Ulises, Penélope e a Argólida. E os políticos sibaritas, do grego sybarytes?  Os nosos intestinos non poderían ter movementos peristaltikos para desbotar os refugallos.  E onde procurariamos ás sibilas que nos viñeran calmar a cobiza polo mañá, tan incerto? A medicina estaría muda sen o aporte grego. A escultura sen Mirón e Fidias cómo chegaría ao Renacemento?. A ciencia nunca tería nacido sen o logos e viviriamos nun mar de supersticións e bruxerías peores cos da teletenda e teleadiviñas. 

E o pracer da vida? Merece de se vivir unha vida escrava, sen ningún pracer corporal nin espiritual? Que sería de nós se non coñeceramos a Aristipo ou as cóxegas da voluptuosidade?O censurado filósofo do hedonismo. Porque o hedonismo foi unha aportación fundamental da semente cultural grega para guiarmonos no sentido da vida. Esmagada polo paulismo cristiá foi quen de resucitar, de vagar, no Renacemento e chegou a nós a pesares da Inquisición, as igrexas, os totalitarismos e o capitalismo feroz. Resucitou con Lafargue en O dereito á preguiza e con Bertrand Russell en Por qué non son cristián. Ou con Michel Onfray en As sabidurías da antigüidade. E tantos e tantos defensores do pracer e o lecer como fundamento ético vitalista. 

"Os materialistas débenlle moito aos gregos. A Leucipo coa súa ledicia auténtica. A Demócrito e o goce do pracer. A Hiparco, Anaxarco, Antifón e a súa arte de combater a tristura. Os libertarios teñen un alicerce neste hedonismo".

Tamén os materialistas débenlle moito aos gregos. A Leucipo coa súa ledicia auténtica. A Demócrito e o goce do pracer. A Hiparco, Anaxarco, Antifón e a súa arte de combater a tristura. Os libertarios teñen un alicerce neste hedonismo. Dióxenes e os ladridos do concepto. Adiantouse a Fromm distinguindo os praceres do ter e mailos do ser. Filebo, Eudoxio, Pródico e o seu épsilon ou i grego como gallada, encrucillada onde hai escolla, empalme, o punto de unión onde todo parece posibel. Epicuro e o seu xardín antirepública platónica. Lucrecio e a dialéctica de forzas ou Dióxenes de Enoanda, unha especie de budista grego. 

Mais non todos eran hedonistas. Estaban tamén os estoicos de Zenón, defensores da impasibilidade, da necesidade de aniquilar as paixóns. Partidarios da razón. Arduos defensores da austeridade. Estaban os cínicos ou desvergoñados que se chamaban a si mesmos cans. Defendían a autosuficiencia moral do individuo. Aí é ren! A independencia de criterio a respeito da sociedade. Cómo van luíndo as verbas co uso reiterado e trabucado!.

Tanta é a débeda co povo grego que a penas seriamos quen de concibirmonos sen eles. Hoxe queremos de novo a ekklesía, a discusión da política municipal en asembleias de cidadáns mais sen excluír a metecos (estranxeiros), pobres nin escravos (anque disque agora xa non os hai). Hoxe temos aínda arcontes, eses maxistrados principais que herdan por vida como Baltar, pai e fillo. E non temos cidades-estado libertarias, comunidades auténticamente democráticas e autodeterminadas porque o centralismo estarrecedor dos imperios ten tanta forza centrípeta que nos están a esmagar dende hai séculos. Non hai que esquecer que foron gregos os artesáns da democracia (anque nunha sociedade de escravos). 

En fin, agardemos que Ícaro non volten a voar cara ao sol, por aquilo de que non se lle derretan as azas!.

Comentarios