Opinión

A cultura da dominación

Estou nun café do meu barrio de Catabois en Ferrol, este misterioso domingo, a un tempo solloso e xélido, matinando na charla que a Rede de Decrescemento imos dar en Vigo para presentar o I Congreso Galego. A min tócame motivar a deboura sobre Educación, Cultura,  Medios de Comunicación e Ecofeminismo e Valores. Mentres relembro a charla que sobre o mesmo fixemos no Ateneo Ferrolán, vexo ao meu redor unha morea de nenos (non sei de onde demo saíron pois que vivo no barrio máis avellentado da cidade máis avellentada da nazón máis avellentada da avellentada Europa). Só un deles non porta pantalla máis está na barra, ou como din os irmaos portugueses, do balcão, xunto ao que pode ser seu pai, ollando una das dúas pantallas do café.  Como decrescentista non deixa de me pasmar o grande tabú dos nosos días, a destecnoloxización. Lembro que cando Carlos Taibo impartiu há poucos anos unha palestra sobre este tema no Ateneo, a deboura centrouse na defensa, a capa e espada, da tecnoloxía, maiormente por parte da mocidade asistente. Eu mesma, que paso da cincuentena, pregúntome cómo é que era a vida antes das pantallas. Eu, que nacín nunha casa con patín e sen pantallas. O único que tiñamos era unha radio xigante. Unha belida caixa de madeira cunha xaneliña por onde saían as máxicas voces e con tres botóns enormes como de nacre. Meu pai contaba que no val de Pazos fixera el a primeira galena, tendo que subir ao primeiro eucalipto para ter conta da antena e poder captar a Radio Pirenaica e ceibarse das ondas do fascio.

Eu mesma, que paso da cincuentena, pregúntome cómo é que era a vida antes das pantallas

 

A primeira televisión chegou á miña casa cando meu pai marchou aos Estados Unidos por mor do traballo, aló polo tempo do maio francés. Eu era unha picariña e apenas lembro aquel paraugas azul e branco que puña Californian e que era a miña única presunción de nena pobre de extrarradio. O aparello das ondas de tv tamén era unha caixa de madeira, moi brillante e ortoédrica que meu pai encargáralle a un amigo seu que as montaba. Aínda vive, reciclada como armario, onde meu pai a deixou en herdanza, na casa de miña nai. Non houvo mellor destino para aquelas ondas en branco e negro, porque aqueles televexos tiñan moitisimo máis fondo, en todos os sentidos, que os de agora. As tv de hoxe son tan planas e miúdas como os contidos que emiten, sobre de todo se non tes cartos dabondo para pagar a túa propia programación privada a prezo de ouro ou de gasoil.

As pantallas do franquismo, fóra das do Antroido que estaban proibidas, emitían tan poucos programas en tan poucos canles que a meirande parte das veces que a conectabas meditabas sobre a Carta de Presentación. Isto non era curriculum ningún, senón una pantalla fixa en branco e negro cun gran círculo no centro e moitas liñas que te avisaba claramente de que non había nada que ver, polo momento. Porque daquela, todo o que ocorría durante o día ou a noite era “polo momento”. Ninguén sabía que ía acontecer minutos despois, daí a intriga daquel mundo tan impredecivel, incluso en plena ditadura. Hoxe, pola contra a predicibilidade chega a criar tal grao de ansiedade nas persoas cheas de pantallas, aparellos de información para estar permanentemente conectados, canles…que non temos tempo de viver o día a día en directo. A comunicación visual, sen pantalla por medio, converteuse nun anacronismo pexorativo. Estar conectado é obrigatorio hoxe, incluso para os sen teito, incluso para os doentes nos hospitais. Sofrimos unha dependencia atroz da tecnoloxía e non queremos sabelo, como drogadictos que lle dan as costas a algo tan tráxico que nen o queren esguellar. Eu mesma estou usando a tecnoloxía para escrever este artigo. Se non tivera conexión ninguén me ía publicar nada. Tempos aqueles en que ía á oficina de Correios a botar unha carta co artigo para o xornal!

Sofrimos unha dependencia atroz da tecnoloxía e non queremos sabelo, como drogadictos que lle dan as costas a algo tan tráxico que nen o queren esguellar

 

Há poucos días falaba cuns amigos sobre a biblia do Crescentismo e a necesidade de investir máis na educación pública e decatabamonos de que só con investimento non chegaba porque os cartos irían a parar á tecnoloxía e os nenos pasarían tamén na escola todo o día enchufados ás pantallas e, con toda probabilidade, sen propostas criativas, senón todos na mesma pantalla a un tempo, con présas, competindo uns cos outros por ser máis tripando aos compañeiros, que axiña mudarían en competidores.

E este novo ano 2018, bicentenario do nacemento de Marx, non dos irmaos, senón do Marx de O Capital, seguimos sen nos cuestionar a ideoloxía da escola, tamén da pública. Seguimos sen analizar o curriculum oculto, sen falar de política educativa, en singular. Seguimos sen entender como sociedade, o papel fundamental da escola como axente de socialización secundaria, despois da familia, de reprodución do sistema social, con toda a súa escala de valores. Valores fillos da Cultura da Dominación. A cultura do individualismo abusivo e isolacionista que cría cada día nenos-robots ao servizo dunha sociedade do abuso e da inxustiza social. A cultura do éxito a calquera prezo, da infelicidade pret a porter, do consumismo como relixión, da velocidade como suicidio persoal e como método de alleamento colectivo. A cultura do pedaleo no baleiro, da heterofobia, do culto ao Poder en todas as súas formas. Da aparencia foncha. Do figurar no ter esquecendo o ser daquel louvábel Fromm.

E este novo ano 2018, bicentenario do nacemento de Marx, non dos irmaos, senón do Marx de O Capital, seguimos sen nos cuestionar a ideoloxía da escola, tamén da pública

 

Dicía Iván Illich que a escola ensina que a liberdade é conferida polas autoridades e debe ser merecida. É a institución da aprendizaxe do sometemento. Reprimir ou liberar?, que dicía Carlos Lerena.

Na Antigüidade, o pedagogo era o escravo que levaba a crianza da familia á escola. Hoxe segue a ser o mesmo, mais pior pagado nun autocarro con uniforme e pantalla para amosar á subcontrata que está onde ten que estar, tirándose a foto que o amose, no percorrido escolar.

As pantallas do gran deus da tecnoloxía son obrigatorias incluso para os parias porque, certamente, sen pantallas non hai cultura da dominación.

Comentarios