Opinión

Coronavirus: de anxos e nenos

En abril de 1665, John Milton rematou a súa obra cumio O paraíso perdido na aldea de Chalfont St. Giles a onde fuxira da peste que asolaba Londres. Mary Shelley identificou o seu Monstro con aquel Satán miltoniano no Frankenstein ou o moderno Prometeo. No ano 2004, a obra tamén lle inspirou a Nooteboom a novela Perdido o paraíso onde W. Benjamin fai da historia un anxo estarrecido a ollar a desolación que deixa o furacán do pasado. Eis o progreso. O inconsciente achégame o anxo caído do claustro de Fonseca naquel engaiolante Compostela e o seu anxo de Torrente Ballester. Anxo de amor triunfante do neoplatonismo. Á volta do meu paraíso universitario, o escritor arrubecérame ao espellar a miña cegueira dun tempo perdido na cidade de pedra. E acordo na pandemia, nas rúas desanxeladas do casco histórico compostelán, emitidas polos medios nun sadismo nu. Abraiante silencio de pedra sen o son algareiro dos nenos. Sen folgos, a auga nos canos do bestiario medieval. Dende a altura do anxo caído en Fonseca até a serpe terreal do Vilar, as gárgolas compostelás arelan berros e risadas de nenos brincando polas pedras a zugar esa liberdade fugaz. Sairán do tobo alertados, feras domadas da man dos pais, so dos drons e a policía. Sen xogar uns cos outros pola rúa de Acibechería cara aos xardíns de San Martiño Pinario, nin choutar polas escadas de Praterías a salferir os irmaos na fonte dos Cavalos. Os máis resistentes ao virus sometidos á disciplina máis rexa, abocados ao isolamento con intermitencias mercantís. Poden entrar nos supermercados atustullados onde o virus se pasea máis folgado ca nos centros de saúde. Non poden correr o monte nin camiñar a praia. Como un novo Frankestein, Prometeo encadeado, o terror preventivo faise doméstico esterilizando o pensamento. A incerteza da desescalada amartelada co bombardeo informativo e caótico acorda o estado de alerta no pericardio social. O maquinismo traería a idade da folganza, obrigando a xogar máis e traballar menos. A vida debruzaría de vagar cavilando nos medios de gozar sabiamente. A tecnoloxía aliviaría as nosas costas e doaríanos o prezado tempo. Poucos maxinaron un mundo de tecnodependencia atroz onde aceptariamos ser encarcerados nos nosos fogares. Onde o outro é un inimigo que se achega, os cans pasean os donos, os policías bailan ás oito entre aplausos á volta de apontar cunha pistola a unha preta desarmada ou de ter multado a quen gravou os feitos. Un tempo onde nos matemos polo último xeolocalizador do mercado, ledos de que o big data saiba que imos consumir antes ca nós. Un triste tempo de cidadáns que renden a súa vontade ao control do Estado cunha fiúza que espaventa. Un tempo no que os improdutivos, nenos, vellos, migrantes, esmoleiros son sacrificados, polo ben común. Anxos caídos ou herois prometeicos, seremos quen de lle voltar o lume aos deuses ou a nosa submisión aos mercados será o vieiro cara a unha nova pandemia?

Comentarios