Opinión

Os cidadáns e outros neurópteros lingüicidas

Teño da miña man un raro livro que se titula Falemos Galego, unha antoloxía de textos a prol da nosa lingua dada ao prelo no ano 1973 por edicións Castrelos. É unha das miñas xoias porque, anque pobremente ilustrado, contén unha escolma sobranceira. Há nel un fragmento de Carvalho Calero escrito en 1962 que di: "Polas condicións da vida actual, o castelán gaña terreo nos círculos da clase meia, que por falla de instrucción axeitada, cre que o castelán é o idioma das persoas cultas, confundindo a cultura coa administración".

Confundindo a cultura coa administración! Isto é mesmamente o que pretenden eses Cidadáns agrupados en partido político que, disfrazados coa cor do doce cítrico, voltan recuperar o vello argumentario da uniformidade lingüística. Agora andan a enredar coa eliminación do coñecemento do galego, euskera e catalá como requisito para acceder á Administración Pública. Requisito indispensavel se non queremos vulnerar os dereitos lingüísticos de todos os cidadáns, incluso os destes maiúsculos partidistas.

Dun tempo a esta parte, e aproveitando a campaña mediática contra o dereito de autodeterminación dos povos, en concreto do catalá, os galegofalantes asistimos espavoridos a un recrudecemento do acoso á nosa propia lingua no noso propio territorio. Disfrazados de bilingües ou de plurilingües aparentan unha liberdade de usos que a realidade evidencia falsa. Penso agora en que ficou a esquecida Lei Paz-Andrade, de achegamento ao mundo da lusofonía. Como penso en que ficou o decreto 124/2007 e a oferta de preescolar en galego ou as máis de catrocentas medidas a prol da normalización lingüística.

Os galegofalantes asistimos espavoridos a un recrudecemento do acoso á nosa propia lingua no noso propio territorio

 

Os neurópteros adultos teñen unha cabeza hipognata, isto é, dirixida cara abaixo, con pezas bucais mastigadoras que poden estar moi reducidas. As antenas son longas e filiformes e están formadas por moitos artellos ou segmentos... Leo na Wikipedia (gosto das ensaladas de lecturas). E mirando unha pobre copia do mapa de Fontán (nada a ver co que pendura da sala do pazo de Trasalba de Pedrayo, leo Arteijo). E cavilo se non fará parte  este Arteijo das antenas longas e filiformes, tan longas para chegar a nós desde o século XIX ate estes progresistas cidadáns que se dan a perseguer todas as linguas da Península agás o castelán e o inglés de Xibraltar. E vexo no google que se publicitan clases particulares de inglés en Arteijo, no de hoxe, non no decimonónico. Namentres, nas redes alporízanse nunha páxina de Ferrolterra porque unha rapaza di que bota en falla o uso do galego e a xente di que empregan o castelán para que o entendan os que non saben galego por non ser de acó ou porque non llo ensinaron na escola. O vello e rancio argumentario de rigor. Din que a lingua só serve para comunicar e que quen non goste, que colla porta.
 

Eu volvo á wikipedia que me responde que o anomalocaris é o primeiro organismo coñecido con ollos compostos. Estes lévanos certos artrópodos onde se dá a tagmatización, isto é, a división do corpo en rexións en converxencia evolutiva cos anélidos de tipo vermiforme como as samesugas e mailas miñocas. Esta tagmatiza ión ou rexionalización é típica de Galiza. Na nosa terra o que temos tagmatizada é a lingua. Por iso falámola só no que ten ás nosas cousas, locais (adoitamos desprezar o local, vendémolo polo de fóra) e reservamos o castelán e o inglés para as que temos por importantes. Afortalar esta tagmatización estigmatizadora era o oculto Plan de Normalización Lingüística da Xunta. Por iso as máis de catrocentas medidas ficaron esquecidas polas gabetas de San Caetano. A nosa propia autoanemia adiantouse a estes cidadáns riveirenses cando no ano 2009 eliminou a esixencia de que nas probas para o acceso á función pública cando menos unha fose escrita en galego, para garantir o coñecemento da nosa lingua. Vése que lles parecía moito o de unha, mellor nengunha proba en galego e así falamos todos como Dios manda cando usemos da administración.
 

Eu soño con que Brasil, Angola, Cabo Verde...sexan potencias emerxentes e os galegos teñamos que emigrar aló no canto de o facer a London ou a Berlín por ver se daquela aprendemos por fin as matemáticas en galego con sotaque portugués.

Porén, recoñezo que nengún governo nen partido sería quen de facer esta política lingüicida se non contasen coa nosa acción ou omisión. Porque os galegos portamos un exoesquelete, unha cutícula por riba da epiderme que secreta quitina e non nos permite artellar palabra galega desde os anteriores Séculos Escuros. Non así lles pasa aos portugueses, a pesares de falar unha variante da nosa lingua, de común orixe. Por qué? Quizais porque o portugués foi lingua colonial e o galego é lingua colonizada. Os galegos portamos tambén escleritos, como os artrópodos, pois temos no noso territorio zonas duras ainda que aplauden con entusiasmo o seu suicidio como povo, zonas alaranxadas como as nécoras cocidas, zonas de cidadáns que renegan da súa palleta e van mercarlles a outros o fol e ate o punteiro. As matemáticas, é un dizer, seguen a ser materia para puntear con acordes mesetarios.
 

As matemáticas, é un dizer, seguen a ser materia para puntear con acordes mesetarios.

 

Sigo a ler que os nemátodos, eses vermes redondos e cilíndricos, tambén mudan a súa cuberta, son ubicuos na terra, mais transmiten  perigosas doenzas como a triquinose e o anisakaris. Moitos artrópogos, como as cochinillas da húmidade, teñen o corazón dorsal e por iso ha ser que lles latexa sempre noutras latitudes.

Nos artrópodos dáse a excreción por acumulación, o mesmiño que nos renegados do galego que somente cando se encirran como cadelas de frade son quen de falar en galego. De tal xeito que, tras tantos séculos de castelanización, os galegos exercemos de lucanus cervus ou escornabois, portamos unhas manxadoiras modificadas que xa non usamos para a alimentación senón para, a duras penas, repetir o que nos mandan os castelánfalantes. E por iso é que os galegos estamos xa mortos ou nas derradeiras boqueadas porque como dicía Novoneyra: "A Fala é o único sitio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audível de supervivencia".

Comentarios