Opinión

Catalunya e o frade higrómetro

Pé da porta da miña morada há un frade higrómetro. É un franciscano como o Papa.


Pé da porta da miña morada há un frade higrómetro. É un franciscano como o Papa. Leva sandalias de pescador e viste os hábitos da pobreza. Encarapuchado ás vezes, sube e baixa a carapucha de seu saial segundo se achegan ou arredan os nubeiros. Soedoso, co seu garabullo, vai amosando o clima como un Pemán da sabencia das témporas, de cote ao noso dispor. E sempre, sempre atina! Os frades sempre, paréceme estar oíndo a voz de meu pai, sorneiro. Así calquera, retrúcolle eu, anque sei que non me oe. Sempre anda inseguro! Ecoa a voz: leva así dous milenios! A outra cidade bimilenaria, a patente de deus con dereitos de propriedade dende a caída do outro imperio, o Romano! Adeprendeu a leución e vive dende entón á sombra de todos os imperios, movendo os fíos, tan solermiño como solerte.

Sonvos estes frades higrómetros tan vellos como o mundo a se mover polo grao de humidade da atmosfera. A maioría veñen de Castela onde o clima é tan seco como esta outonía ás avesas. Houvo que ir a Compostela ao procurar porque en Ferrol os frades higrómetros da rúa Real só falan castelán. E nós queriamolo na nosa lingua. Pode que algún día os poucos meniños que falen galego teñan que vadear o miño para ir mercalos en Vilanova da Cerveira ou en Caminha e lembrar de camiño a Pedro Madruga! Non é estrano ter que ir a outro país para atopar a túa propria lingua? Pois aos mais parécelles normal ou o que é pior élles indiferente porque manteñen o corazón suspenso ou conxelado como a froita das grandes superficies dos mercados estantío como a máis impura das friezas!

Mais España non é unha nazón, di Ramón Cotarelo, fermoso apelido dende onde albiscar o panomara político. É só o que fica dun imperio

Entrementres, Catalunya tira das súas grilletas, está a luir con teima e vagariño seu grande anel de ferro! Ecoan en balbordos ameazantes os frades servómetros dun imperio en ruínas que segue a exercer de amo ríspido e gaselleiro a un tempo. Mais España non é unha nazón, di Ramón Cotarelo, fermoso apelido dende onde albiscar o panomara político. É só o que fica dun imperio. A desnacionalización de España é un feito indispensavel e positivo. Dende há tantos séculos a auga das nazóns deste imperio feden apodrecidas, apozadas no relanzo daquela falsa unidade católica de matrimonio concertado. Un amancebamento político artellado polos frades higrómetros sempre inseguros de se manter como imperio dos imperios, entre a sedenta Castela e o rico Aragón. Aquel imperio sen razón, aquel imperio da lei da espada mudada en cruz de sangue e estertor na descuberta de El Dorado! Aquel imperio español endexamais saciado derrochador da riqueza da península que desaugava polos sumidoiros da corte de báculo e coroa.

Agora vén a treboada. Coa fame dos máis, móvense as augas. Renasce a vida dos limos adurmiñados, axexantes coma olláparos proibidos durante escuros séculos de infamias e de aldraxes, de saqueos e maltratos. A Catalunya livre e afouta abre as portas da avangarda!

Os ratos dos sobrados bulen espaventados. Non queren deixar de rillar seu gran de millo. Anque non sexa seu, anque outros o teñan colleitado

Os ratos dos sobrados bulen espaventados. Non queren deixar de rillar seu gran de millo. Anque non sexa seu, anque outros o teñan colleitado. Anque eles non paguen o que val unha raiola dourada! Levan tantos séculos de terratenentes das Españas ao abeiro de seus frades higrómetros, dos seus galegos servómetros que xa non saben dos ventos das liberdades. Funcionava tan ben o reloxio das súas agullas democráticas! Tiñan tanta fe na eternidade das súas estacións climatolóxicas!

E agora chían como tolos paxaros, como ruidosos estorniños en bandadas. Vaise esmoroar a patria. Queren o divorcio, crebar o contrato matrimonial de xeito unilateral berran arrepiados. Que vai ser da unidade de longos séculos. Recorren quixotescos a Cervantes! Como matóns a soldo da camorra ameazan coa guerra dos mercados, co boicot, con queimar seu documento de identidade! Que triste patriotismo o da cobiza. A cobiça dos espanhois, que berraban en Funchal ao recriar da súa historia! E nós galegos saudosos berrabamos co corazón palpuxante: A cobiça dos espanhois! Mais garimosos cunha illa do Atlántico do que nunca nos sentiramos cun imperio que sempre nos desprezou!

Que vai ficar da pel de touro senón as corridas elevadas a ben de interese cultural?!

De xeito unilateral, din ofendidos dende as ondas da radio, dende todos os xornais que ecoan as súas novas de deseño, dende todas as súas televisións. De xeito unilateral vai asinar divorcio Cantalunya, e logo será Euskadi... e se cadra aínda a Galiza! Que vai ficar da pel de touro senón as corridas elevadas a ben de interese cultural?! Como se o señor imperio castelán que era seu nome de solteiro, casado en matrimonio concertado e mudado en imperio español após ter de se adonar do enxoval das noivas, de manter un harem cunha rea de fillos bastardos e outras lindezas de macho ibérico fose a aceptar un divorcio amistoso! Claro que será un divorcio de xeito unilateral porque as mulleres queren dispor dun corazón de seu, dun peto proprio, ser livres de se deitar con quen quixer, disfrutar de seu corpo de terra, gozar da súa lingua, laborar os seus camiños, faenar os seus mares con naos proprias, erguer as súas industrias e recoller á volta o froito da suor da súa sementeira. España é un imperio maltratador agochado nun contrato unilateral xa caduco. Un contrato asinado pola curia e a nobreza dona dos corpos e das terras medievais. Un contrato estipulado e tutelado polos frades servómetros que mudaron polos zapatos de vermellos luxos, os zapatos que arrubecen... aquelas sandalias de pescador!

Pé da porta da miña morada há un frade higrómetro a me lembrar, na súa ancestral inseguridade encarapuchada, que seguimos a ser os servos do poder, que seguimos desposuídos das nosas terras. Que os galegos seguimos, maiormente, a crer en ladaíñas de domingo adoviadas con compangos de patrón. Que a conciencia de moitos galegos segue na bandeira do futebol ou nos rallyes das estradas locais. Que os galegos non temos aínda espellos que nos amosen dabondo a nosa indentidade. Haverá que visitar mais Fortalezas e mercar espello no canto de liños e algodóns. Havéra que atopar máis cervas de amor nas Cerveiras, máis camiños na Caminha e máis castelos de honra no Castelo de Soutomaior!

Pé da porta da miña morada há un frade higrómetro, soina e inseguro. Ignorante do trastallamento da corrente do golfo, dos desxeos árticos e das cicloxéneses explosivas! Sempre ao sol que máis quenta nesta seca outonía!

Comentarios