Opinión

O castrismo e as democracias de moedeiro

Repuna moito escuitar a tantos vividores e demócratas defensores, por acción ou omisión, de corruptelas e prebendas, que aplausan e xustifican recurtes nas clases baixas para favorecer á plutocracia do planeta, dar lecións de democracia co gallo da morte de Fidel Castro.

Repuna moito, fede que alcatrea, aturar as clases maxistrais sobre Castro, Cuba e o castrismo a xentes de coroa e mitra que sempre viviron e seguen a vivir dos privilexios que eles mesmos se concederon por lei. Iso si, dentro dun parlamento, disque representativo. Anque ninguén lembre nunca a quen representa.

Repuna moito que se compare ao finado Fidel Castro con ditadores fascistas da talla inhumana de Hitler, Mussolini, Franco ou do sudamericano Pinochet, se queremos comparar a un país máis perto de Cuba, ao que lle fixeron as beiras tantos demócratas británicos, españois e demais europeos. Aquel ditador financiado pola gran democracia do imperio ianqui para botar por terra a democracia socialista de Salvador Allende ao que mataron como a todos os torturados do Estadio Chile sen que ningunha democracia do mundo, desas que combatían a Castro, alzaran a voz.

Mais, de todos é sabido, há democracias amigas e democracias antimperialistas que non beilan ao son dos mercados bursátiles. Mais Cuba foi o demo maior, o rumudo, porque ousou beilar a outro son, perante a faciana do dono do mundo. E aturou medio século ese baile. Incluso sen música soviética, incluso sen muro de Berlín, incluso sen esquerda europea!

Mais Cuba foi o demo maior, o rumudo, porque ousou beilar a outro son, perante a faciana do dono do mundo

Repuna moito e ate o engullo, a propaganda teimuda en todos os medios de comunicación de xentes que se teñen por progres e incluso se alcuman de socialistas, que comprenden as necesidades dos mercados de ter que abocar á miseria a millóns de persoas, no paro ou nun posto de escravatura ao que agora chaman emprego. Repuna oílos criticar a opresión do castrismo co povo e a súa falla de liberdades. Esquecendo que Cuba sen Castro sería hoxe un Haití e nen o nomearían un segundo nas súas tertulias e artigos. E repuna ben máis, se posível for, oír aos indefiniveis que ven luzes e sombras no castrismo e acolá venden un esquerdismo tan destinxido que amarelea até a dereita máis recuada.
 
Repuna, porque dinse igualitarios e critican a sociedade máis igualitaria de América. Agochan nos medios todas as virtudes do governo castrista incluso cun embargo e aillados de todos, a poucas millas do Imperio. Alguén pode pensar que se a meirande parte do povo cubano non quixera o réxime castrista non tería afundido há ben tempo?

O único que nos amosan como crítica é que en Cuba non há unhas elecións livres. Certamente non teñen un sistema capitalista de democracía parlamentaria chamada representativa, anque como se escoita pola rúas do noso país, non todos se senten ou nos sentimos representados. É representativa unha democracía na que un cidadán vale máis do que outro segundo a distribución da povoación ou os recurtes centralistas de provincias? É democrático un país onde para poder chegar xiquera a saír nos medios de comunicación como partido político precisas de tanto financiamento que só poderías conseguilo sendo de clase alta ou ilicitamente, como semella que está a ocorrer? E aínda que a representividade fose xusta, é o sistema representativo unha democracía verdadeira? Cada vez máis persoas estamos convencidas de que a democracia ten a ser participativa dende a base social e iso non pode finar en votar en cada campaña. As chamadas democracias non son máis que democracias de moedeiro como lles chamavan os soviéticos. Porque necesitamos moita moeda para a nosa manumisión ou a merca da nosa liberdade. No sistema capitalista é imposível unha democracia porque o acaparamento cada vez maior está na base deste sistema desigualitario que tende á implosión ao premiar o roubo legal das riquezas do planeta en cada vez menos mans e abocando a maioría, xunto co medio natural, á miseria e ao desastre anunciado.

Repuna ben máis, se posível for, oír aos indefiniveis que ven luzes e sombras no castrismo e acolá venden un esquerdismo tan destinxido que amarelea até a dereita máis recuada

Repuna ver os nenos dos países democráticos durmindo sen teito, en inverno, polas rúas, a poucos pasos dos parlamentos onde unha elite, que defende os intereses das grandes corporacións transnacionais, fan e desfán leis para beneficio proprio e tortura dos máis.

Repuna até o trouso que ousen dar lecións de humanidade ao paraíso internacional da infancia, como declarou a Unicef a Cuba, coa taxa de mortalidade máis baixa das Américas, incluída a do norde. Cun sistema de sáude e educación que xa quixeramos para nós. Pode que isto sexa tiranía, mais évos unha tiranía ben rara entre o resto dos ditadores aliados do imperio aliñado do Capital. Por que non critican entón os países amigos como Emiratos Árabes ou Arabia Saudí? Unhas democracias ben asentadas si! Ou a meirande parte dos capitalismos selvaxes das Américas?

Porque a cuestión da que nos medios de masas non falan é moi sinxela. Pode existir democracia sen distribución equitativa da riqueza? Sen xustiza social?

Pode que isto sexa tiranía, mais évos unha tiranía ben rara entre o resto dos ditadores aliados do imperio aliñado do Capital

Cando eu era nena o leite vendíase polas casas a granel, como todo. Logo envasárona os pudentes e parecía mellor polo envoltorio. Mais tiña aditivos que foron engadíndose ano tras ano que eran nocivos para a nosa saúde. Até que o mercavamos como leite xa non o era anque fora da mesma cor. E logo atustullaron os andeis das grandes superficies de tetrabriks de centos de marcas de leite de todos os ,rezos e xeitos, grosa, semi, desnatada,con vitaminas c, d, sen lactosa, de crecemento...incluso con calcio engadido! E coidamos que podiamos elixir e que incluso viviamos mellor por tanta oferta. O pior de todo é que aínda hoxe non queremos saber que demo é o que estamos a mercar cando pasamos pola caixa rexistradora!

Comentarios