Opinión

A candidatura de unidade das xerais ou como aspirar follas das caducifolias

Quen aspiravamos a acadar a unidade dunha candidatura galega nas eleccións xerais ficamos hoxe como as follas das caducifolias.


Quen aspiravamos a acadar a unidade dunha candidatura galega nas eleccións xerais ficamos hoxe como as follas das caducifolias. Non há lugar. Xa os viveiros non fornecen carballos galegos, gostan máis dos americáns. Será que falan nunha lingua universal. Dende que chegaron as árvores ornamentais ás cidades galegas há máis madroños e eneas ca carballos ou castiñeiros. Dende que os xardineiros non son labregos nin o queren parecer (eles saberán por qué) e traballan a xornal para empresas contratadas por concellos, todo son xardíns con froles lisgairas e de obsolescencia programada que poidan encher os dividendos deses emprendedores. Há unha teima por fazernos tolear esborrelando todas as cores e cheiros outonizos. Para nos cegar á realidade da penuria. Precisamente a nós, o povo tan axeitado ás penurias que até lle parecen da rede natura. Quen poidera camiñar, de vagar, por un parque alcatifado deses ocres de follas mesturadas de árvores espidas en xardíns nudistas! Sentir o run run das follas a piques de se derramar na seguinte refolada, o renxer das pisadas na follaxe...Imposivel. Agora há aspiradores! E aspirantes a aspirar as follas caducas. Si, que queredes, non estamos de moda os caducifolios. No mundo da obsolescencia programada, os políticos exitosos prefiren as árvores perennes. Perennes como os seus rancios discursos adobados en escabeche avinagrado por demais. A nova cociña de deseño, seica.

O povo ambulante da Galiza xa non pode pasear na fermosa e melancólica paisaxe outoniza da que tanto gostava o Patriarca de Trasalba. Outros son os Martiños e non o Martiño Dumbría, personaxe oteriano de Devalar, o espírito seminarista vivo (daquel Seminario de Estudos Galegos co que tanto se identificara Carvalho Calero). 

No mundo da obsolescencia programada, os políticos exitosos prefiren as árvores perennes

Todo consiste en agochar o futuro que nos teñen programado os donos do mundo. Nós estamos para o cumprir e non desviarnos nin un tris nas encrucilladas. Seguir fidelmente o ritual como os penitentes nos calculados pasos da Semana Santa. Agochar, como nos agochan as follas caducas aspirándoas, para que non esvaremos. Polo noso ben. O cidadán pode non ter traballo, nin subsidio, nin auga, nin luz... pode alumear as noites coas románticas candeas da caridade dos aspersores da mitra, eses hisopos radiactivos perennifolios. Pero esvarar? Iso nunca. Sería terceiromundista e incívico esvarar nas follas caducas deste outono en devalo da Galiza.

Leo a Craig Patterson: O devalar da idea. Otero Pedrayo e a identidade galega. E boto a rir ás gargalladas coa indixestión do estado da autonomía de onte e a eterna liorta dos políticos na defensa da supervivencia de Galiza! Ler ensaio figuraría como un deporte de alto risco se é que houver practicantes.

Nacen mortos os procesos e suceden para xustificar que estavan mortos e poder os soterrar coas debidas pompas e a asistencia litúrxica dos persoeiros da patria. As follas aspíranse para que non atristuremos polo devalar do sol (e para que non esvaremos, certo, ao mercar as candeas). Adeus outono. Plantamos árvores perennes para que espellen o estado do noso espírito, perennemente en homoxénea atonía. Co ritmo rápido occidental, perdido xa o ritmo planetario e cíclico do rural. Vivimos nun verao perenne. Así como medran os crematorios ao abeiro dos centros comerciais para diluir o cheiro dos finados cos croissant dos zombis domingueiros, así tamén aspíranse as follas caducifolias para non devalar e volver a ser expulsados do paraíso. Evitamos así os galegos ser esquelete antes ca cinza. Mellor reduzirnos a cinza antes que nos reduzan! Fóra esqueletes, fóra danza dos mortos medievais! Fóra outono e inverno. O mundo é unha eterna primavera onde viven os cidadáns universalistas, cosmopolitas e eficientes que baixan da murcha meseta e cruzan o Padornelo para nos ensinar, para nos amosar cómo é que somos e qué nos convén ser! Son os pedagogos ilustres e lustrosos dos centros do poder.

Si, si, lede a novela Devalar de Pedraio se queredes entender a política actual na Galiza. Aí está todo clarexado

Ah, a aprendizaxe longa e carosa de Martiño Dumbría! Pero a novela de Pedraio, segundo el, é un íntimo devalar de outono a outono na Galiza. Hoxe, pasada xa a escasula na eira, de tirarlles as follas tamén ao maínzo híbrido son tempos do segundo capítulo que trata de As vendimas do ceo. Logo virá a Orballeira na rúa.  E nas portas do inverno estaremos xa cos Zocos na corredoira. Si, si, lede a novela Devalar de Pedraio se queredes entender a política actual na Galiza. Aí está todo clarexado. Esquecedevos das marés cupulares que andan ao trasacordo. E veredes como Galiza quedará a asperxer (é unha frase feita) polos parlamentos que lle acaxomaron os salvatrias redimidos. 

Pero se non gostades de Devalar, podédesvos  também demorar nun livriño de Edicións do Rueiro, Os partidos políticos na Galiza, de Manuel Rivas e Xoan I. Taibo. Escrito naqueles alegres tempos da transición coa que transiximos sen chegar a transitar. Empeza como unha promesa. Cito textualmente: Ó plantexar que os obreiros non teñen patria, Marx non enunciou un programa, senón que proclamou unha alienación. En verdade que a afirmación pode escandalizar a moitos marxistas, ortodoxos ou non, pro sírvenos para plantexar cruamente dende o primeiro intre unha cuestión que é coma un santo dos croques de esquerdas onda van bater tódalas testas: cómo vencellar a loita nacional e a loita de clases? qué significa ser hoxe revolucionario en Galiza? (...) Non hai prácticamente ningunha loita popular -sexa á oposición á Autoestrada do Atlántico, sexa a recente folga pesqueira, etc.- que non adquira no momento máis quente unha visión globalizadora na que se vexa o problema respectivo como parte dunha opresión nacional e social. Non é de estranar, pois, e anque para eles Euskadi sexa o principal demo, (hoxe diriamos Catalunya), que o governo e os políticos socialdemócratas falen con preocupación do das nacionalidades como problema número un para a Reforma.

Certamente, há textos do pasado que parecen escritos ventando, cal doutos augures, a máis recente actualidade. Pensemos nos socialdemócratas de dentro e de fóra da Galiza. Pensemos en Podemos e o seu problema nacional que resultou, como agardavamos os certeiros pesimistas, a pedra de Sísifo para esmagar e arredar por enteiro ao nacionalismo e á esquerda, unha vez máis traizoando esta Terra. Lembremos que Sísifo foi castigado polos deuses a subir unha grande pedra ao cumio dos ceos, con grande esforzo e penurias, somentes por vela devalar ao fondo dos infernos a cada tempada. Cunha perennidade envexada até polos caducifolios máis enxebres. Terra a Nosa!

Comentarios