Opinión

A campaña política dos patufos desleigados

Asisto abraiada  á campaña eleitoral e case nen me decato que é ao parlamento galego. Veñen de paseata por acó uns señores que falan estranxeiro, naceran en Pontevedra ou en Catalunya. E pretenden que lles digamos cosmopolitas e universalistas. Pretenden que falemos todos na mesma lingua sempre que ésta sexa a súa, eis o castelán. Mais, como dixo Castelao, os animais ainda están no idioma universal. E eu téñome por animal social con cultura galega. Porque unha é de onde pace e non de onde nace como se ve nese conto daquel Pancho preto que anque nado en Cuba, ao chegar á nosa Terra falaba e artellaba  como un galego máis.

Asisto abraiada a uns cartaces eleitorais onde o presidente da Xunta de Galiza se dirixe a min e aos demais galegos na lingua que non é propria da Galiza. Coitado! E coidará que non o imos entender se fala na nobre e harmoniosa fala de Breogán de noso himno? Ou se dirigirá somentes a eses nacos acó que paceron aló, esa escura terra da Galiza Bilingüe?

Mais, como dixo Castelao, os animais ainda están no idioma universal. E eu téñome por animal social con cultura galega

Asisto abraiada á campaña desde Cidadáns que fachendean de ignorar a lingua galega en sendo de Vigo e percorren o país tutelado desde a Meseta ou desde os despachos dun Hórreo que acubilla colleitas alleas. 

En todo o arco da vella eleitoral o nível de galego sobárdao, ás medras, calquera cativo de primaria, incluso de galegófobo colexio  concertado. E eu, que falo un galego depauperado e temesiño, tan acaído ao conflicto  lingüístico  de Ferrol, arrubezo de vergoña de os escuitar! 

Claro que temos un presidente popular na Xunta ametrallando á lingua como endexamais se fixera. Nas escolas un decreto de plurilingüismo que ten ao castelán como lingua propria e ao inglés como superior ao galego. Que vende a súa lusofonía mentres a combate a eito. Un presidente de Galiza que arrebola a lingua como un arma contra o seu proprio povo. E un povo que consente porque fala o galego sen conciencia maiormente. Como quen naceu eivado e teima en non lles transmitir o "mal" aos seus fillos. Unha Academia da Lingua ausente cun presidente que vía dramática a situación do galego nos anos 70 e agora que nunca tantos galegofalantes se perderon, cala coma un peto.

Unha Academia da Lingua ausente cun presidente que vía dramática a situación do galego nos anos 70 e agora que nunca tantos galegofalantes se perderon, cala coma un peto

De seguirmos así, a nosa lingua, e con ela os galegos, extinguiráse antes do que as baleas,  os os lobos ou os gorilas de montaña!

Daquela, algún español do que antes fora Galiza, collerá ese debuxo de Castelao no que un picariño lle di á súa nai:

-Aí, miña nai: porque o mestre non fala coma nós?

E dirá contra sus chaleque:

-Porque tiveron un presidente que co consentimento de seu povo meteullela dourada cun decreto de plurilingüismo monolingüe!

E ninguén se decatou porque ningún lera ese lindo conto de Castelao que escomeza así: Unha rúa non porto lonxano...

Comentarios