Opinión

Os Biosbardos homenaxean a Blanco Amor

Decembrando, entre as luces acesas do nadal ferrolán vexo entre a bategada da choiva o único autobús que debe circular este santo día constitucional polas rúas ermas. Ian fechando as portas tras de si e guindando as chaves. Certeira sentenza  arestora para un escritor que hai trinta e cinco anos que morreu.

Decembrando, entre as luces acesas do nadal ferrolán vexo entre a bategada da choiva o único autobús que debe circular este santo día constitucional polas rúas ermas. Ian fechando as portas tras de si e guindando as chaves. Certeira sentenza  arestora para un escritor que hai trinta e cinco anos que morreu.

Un autobús urbano publicitando A Esmorga, a senlleira novela de Eduardo Blanco Amor. Mais quen é Blanco Amor para os ferroláns? Foi no ano 1976 que veu inaugurar o Ateneo Ferrolán cunha conferencia sobor de Cabanillas e o futuro da cultura galega. (Se o vira agora acornellado e sitiado pola política municipal!) Porque xa dende os anos 50 dera abondas amósegas da súa vocación de concienciación do que el chamaba xente coma símbolo da coleitividade galega, do povo no afondamento da súa cultura coma fito de sobrevivencia. Do que el chamaba amor activo cara a patria natural na débeda ou misión. A súa obra era para a xente que nos arrodeia, que agarda de nós non sabe qué. A obra literaria coma espello no que se mirar o povo para ser como tería que ser de seu. Un povo que non estea malfadado por un destino cruel escrito por outros. Fallan no Bocas, no Cibrán e no Milhomes a conciencia e orgullo de seu. Froito dunha vida marxinal e alleada son bonecos nas mans dunha cidade clasista: A catedral estaba en medio da cidade, e era un inmenso navío entre pequenas embarcacións movedizas, un gran señor entre vasalos escuros, un príncipe da igrexa entre a turba poeirenta e axionllada...  En A Catedral e o Neno, o poder da igrexa descríbese coma unha potencia sen escrúpulos. Na Esmorga o Cibrán di que non se fai un fillo para que llo boten ó esterco e lle chuchen a ledicia do sangue, referíndose a que non lle levaran ao Lisardiño as Hermanitas do Hespicio. 

"A obra literaria coma espello no que se mirar o povo para ser como tería que ser de seu. Un povo que non estea malfadado por un destino cruel escrito por outros".

A intención pedagóxica da obra de Blanco Amor é evidente malia non ter moita pegada no povo. Cicais debido a que foi e segue a ser censurada en toda a cadea de detentadores de poder. Lése e represéntase abondo o Teatro da Farsa?. Si, mais en espazos lonxanos aos espectadores. Nos parlamentos, nas salas de xustiza, nas academias, nas editoriais de prestixio, nos escritores da corda... incluso nos cemiterios perante as campas do homenaxeado!.

Porque a homenaxe que a Xunta veu de lle facer no cemiterio de San Francisco, en Ourense, trasunto de Auria, non é acaso unha chocalloada do falso enxebrismo, pintoresco e colonialista  forza de iños e de iñas a voleo sen conciencia do que se di? Non é unha xeira máis dos culturalistas querubíns da patria amordazada? Cándo imos respectar aos mortos e gardarlles memoria? Alí estaban no camposanto os persoeiros todos. O presidente da Academia Galega, que segue a ser Real perante as cinzas do goliardo republicán. O que nos anos setenta escribira aquel Infome dramático sobor da lingua galega e agora na cadeira desdramatiza e confraterniza co decreto que expulsa o galego das escolas e do futuro!. Tamén estaba alí o director de Galaxia, a editorial que censurou e mutilou A Esmorga, tamén nos setenta. Cando xa se dera ao prelo tantos anos antes en Bos Aires. Estaba Baltar o fillo do cacique, que herdou a baronía de Auria co parabén da outas institucións democráticas!. Tería gostado a alma de Blanco Amor de reencarnar para non perder un intre deste teatro bufo, desta traxedia grotesca do  seu padal goliárdico.

Qué fermosa parodia de sátira social non tería escrito o xenial dramaturgo encol desta caricatura de homenaxe na patria dos suicidas colectivos!. Cando escoitase en boca do conselleiro de cultura e educación subliñar a  súa potencia e brillantez lingüística manifestada na lingua coloquial (que en boca do conselleiro que lle custa barro e fariña a pronuncia do x sen que soe a chotis, coloquial soa a lingua de miñaxoias). Dun home tan lido como cabe esperar dun conselleiro dese ramo agardabamos algo máis ca esa sentenza histórica: "Blanco Amor é toda unha literatura...fixo de Ourense -tras a Xeración Nós- a cidade máis literaturizada do país".  Como escribiu o propio escritor: "temas pra melanconizar ao puterío internacional de festivais e galas...locutores galegos en esforzado acento madrileño...o instinto de autoaniquilación dos galegos coma tales: a súa proclividaade á desfiguración; seu procurado enaxenamento nas formas alleas...das deformacións autocaricaturescas e miméticas". 

Blanco Amor era coma aqueles antigos goliardos medievais, poetas errabundos de Carmina Burana (a Carmiña daqueloutro conselleiro de cultura de Fraga, Pérez Varela) monxes-demos ou poetas epicúreos de baiuca e amor carnal que vagaban pola Europa da Baixa Idade Media escarnecendo ao poder: aos reis, nobres, xuíces e á propria igrexa. Que cantaban a sonada Ou Fortuna... A crítica social crúa e núa está en boca do esmorgante bébedo dende o comezo cando di "eu traballo alí a par da ponte que están erguendo a todo bulir pra que poida pasar o deputado, que disque vén o mes que vén, co gallo das eleiciós..." A crítica á clase política que pasa por representante dun povo ao que, de cote, esmaga, engana e asoballa. O catecismo do labrego do Lamas Carvajal.

"Ti falabaslle en galego e ós biosbardos hai que falarlles en castelán, pois son forasteiros e non entenden o noso idioma, di con esa súa retranca o sobranceiro e esquecido escritor".

Esa xustiza, escrava do diñeiro, que non ten faciana nin voz na Esmorga porque non fala a lingua nosa e é xorda á declaración do povo. O sulsuncordia, que lembra a aquela bruxa sursuncordia que lle bicaba o cu ao demo nos aquelarres!. O conflicto lingüístico xa no comezo da novela. Ese xuíz  alleo, invisibel e inaudibel para o povo galego, cego e mudo, que porta os anteollos sen lentes e leva de toisón un colar honorífico cun porquiño decolgado, coma o pinta o escritor no esperpéntico Proceso en Jacobuslang: fantasía xudicial  en Ningures. Obra dramática que espella a política xudicial actual. A xustiza ao servizo da oligarquía allea que preside nun Tribunal de Inxustiza de Parcialidade garantida!. Sentenzas a... un dedo indicador moi longo. Escudo que porta como armas un coitelo de cociña e unha moca de rei de bastos en cruz de San André, crucificado boca abaixo coma inversión de todos os valores democráticos.

Os humanos títeres, a cabeza degolada que vasoira o uxier bufón e verdugo no chan do pazo de xustiza, símbolo das víctimas da opresión. O segredoiro ou segredario, un anano so da mesa, rapado coma un sancristán que nos lembra a burocracia aos pés da corrupción tirando dun rolo de papel hixiénico que non é máis có sumario sotarrego, evidencia dunha falla de transparencia democrática e dunha falla criminal de separación de poderes no que debía descansar a seguridade xurídica e a equidade.

A Blanco Amor foi ao único que lle lin a xenial ideia de que Castela foi o primeiro país separatista de España, contra a hexemonía asturleonesa. E naquela audición radiofónica de Caracas do ano 1952 aquelo de que tódolos pobos españois, querendo ou non, son separatistas, e non por antollo ou por táctica política, senón por esencia; porque teñen que ser como son ou deixar de ser. ¿Transixiría Castelao en adopta-lo modo de ser catalán? ¿Quererían os andaluces pensar e actuar como bascos?...Que gañariamos uns e os outros estragando a nosa vida persoal e o noso tempo histórico empeñados en traballar pola nosa desfiguración e pola nosa anulación final?...Un galego alleo á súa cultura é, ademais dun desertor, un home que quere ingresar na inexistencia da alma...trátase dun suicida. Un babión inocente, un panxoliña. Iso é andar aos biosbardos. Eses seres imaxinarios cos que se engana a nenos e cazadores laraus que nunca triparon o terrón, alleos á nazón aos que se envía en noites pretas a cazar biosbardos ou gazafellos. Biosbardo, vén pro saco, é o encantamento de rigor. Craro, ti falabaslle en galego e ós biosbardos hai que falarlles en castelán, pois son forasteiros e non entenden o noso idioma, di con esa súa retranca o sobranceiro e esquecido escritor. E no cemiterio auriense andarán tamén aos biosbardos?. Porque seica quen é quen de os cazar ten logo moita sorte na vida.

Comentarios