Opinión

Arredismo, outra Galiza

Sen auga e sen monte, para que queremos patria? Mentres ondean as bandeiras, estreladas ou coroadas dun santo grial nas sete provincias antergas, Monterrei arde en lapas de miseria pasteira. No corazón dese inferno folgado pola industria do lume, cantemos o himno que eternamente pergunta que din os rumorosos na costa verdecente. Escuitade, siareiros do Celta e do Depor, setecentos campos de futebol pasto das cinzas! Que teremos de celebrar? Quen ascendeu ou pasou a segunda B? Setecentos campos de futebol nun só día. E a costa verdecente como unha ratoeira apocalítica.

Entrementres, o rei do pecha España oficia unha misa de botafumeiro cos prohomes autonomistas do merchandising cultureta do sentidiño, no país das mil e unha piscinas privadas a carón do mar, das mil e unha piscifactorías lobísticas das rías, dos mil e un ríos hidroeletrizados. Ao tempo, uns independentistas agardan unha condena de anos de cadea por exercer os seus dereitos políticos. Galegos sen militancia, xa de volta de todas as idas, senten nas proprias carnes que apenas fica nada a celebrar. Orfos de patria e matria, repudiados polas esencias xebres dunha e doutra cor, nunca chegaron a ser de abondo para ter entidade nacional. Fan longas fileiras á porta das Administracións, invisíbeis, indocumentados, inermes, patriotas dun estómago sempre baleiro. Eu son honrado, nunca pasei fame... Elitista conciencia nacional filla dun romantismo caduco, esa que evita baixar aos arrabaldos das vilas ou aos casoupos das aldeas minifundiarias. Mais non é dina dos ósos de seus fillos, patria que os non mantén.

Pessoa cría que os portugueses non se podían conformar, cando eran verdadeiros portugueses, cunha soa personalidade nin cunha soa maneira de pensar. Non é tempo de esencias mais tampouco de indefinicións.

A política sueva de organización territorial artellou Galiza en parroquias libertarias submetidas ao poder señorial, que ao se colonizar perderon o seu ser comunitario para se aculturizar e darse politicamente aos escribáns e capeláns. Foi o Devalar que iluminou Pedrayo. Carvalho Calero dicía que Otero tiña de común con el o desinterese pola política. Hoxe enxergamos a que aludía con ese desinterese. Otero non era o que entendemos por un home de esquerdas e menos progresista, no que ten ao desenvolvemento urbano. Os camiños da vida espellan un canto á fidalguía, á esencia da Galiza no rural, na encrucillada da aldea, na simbiose do ser galego coa paisaxe como unha sorte de siamesismo ancestral. Non se trata de facérmonos oteriáns mais si de integrar na defensa da independencia o alicerce da ruralidade como esquelete da nazón. Non desboto que precisemos dun agrarismo pondaliano para abalar os foros de hoxe.

Eis aí unha das diferenzas fundamentais entre nacionalismo e arredismo. No arredismo non entra a modernización do rural, a industrialización capitalista do agro. Non entra o produtivismo da vaca adúltera e do peixe sapo escocés piscifactorizado de Galiza calidade. Non entra o aluminio eletrointensivo de Alcoa, nin sequera nacionalizado, porque só ten de vermello a balsa tóxica da externalización. Non entra nin o extractivismo de toda caste nin ese industrialismo colonial que só lembra o internacionalismo de clase o primeiro de maio e coida que o ecoloxismo e o decrecemento non vai con eles. O arredismo entende a Galiza como unha simbiose ecolóxica da casa coa terra para se elevar ao amor á paisaxe cultivado con visión de pasado e futuro. Un plantar e un pescar para os netos. Recuperar a comunidade como ser colectivo que respecta o diferente, o conflitivo, mais que non tolera o ataque ao común, e nese común está a defensa do territorio como recurso vital. A comunidade integradora que defende a axuda mutua entre veciños de porta que nin se falan. A comunidade como ente político de control social. O común por riba do meu, por riba do partidismo intereseiro.

O arredismo é máis de celebrar xuntanza cos irmaos bercianos ou eonaviáns do que discursear nas quintanas de vivos ou de mortos. É máis de debourar nos movementos cidadáns por construír alternativas ao fascismo do que de reclamar mediaticamente un pazo. Lonxe das fazañas ostentosas, o arredismo non concorda con ese nacionalismo de raposa do aire que parece acreditar en que cando berra na noite, algún usureiro ou cacique vai morrer.

Comentarios