Opinión

26X: San Paio, o voto dos patriotas

Chegamos tan baleiros de contido á repetición da xogada eleitoral que agora só poden apelar á Patria, así en maiúscula. Agora que xa non há ideoloxías, nen pensamento político, nen orientación espacial, ninguén sabe onde está a esquerda a dereita o arriba ou o abaixo. Agora que as cores non clarexan nada porque a vermella (eles lle din a roja) xa non é comunista nen marxista nen emblema de loita senón a penas a cor destinxida dunha copa de futebol en todas as prazas e xanelas, tan paradoxais nos bairros obreiros onde en moitos fogares há anos que non traballa ninguén, alomenos con contrato. Agora, digo que ser arredista é case que unha obra de titáns marxinados polo sistema... Agora, os grandes partidos, caste ou non caste, saen na foto de patriotas. E cando un só pode apelar á Patria, á de sempre, unitaria e centralista coas capeliñas autonómicas para simular unha variedade e liberdade que non há. Cando un só pode apelar á Patria, digo, só pode tratarse dun totalitario ou dun pretérito indefinido por orde do guión preescrito.

Chégame polas redes sociais unha bandeira de España que di: votoporespaña. E un texto que di: Vamos a llenar las redes de bandera de España. ¿Nos ayudas?. En castelán, claro, na lingua oficial. As outras, como o galego, non somos España. Eis ben claro!. Eu, de contado, penso no PP. Mais ben podía se tratar deses C's, eses que chegaron ao concello de Ferrol propoñendo eliminar o galego da institución municipal. Eses unitaristas excluíntes sen gravata. Ou ben podía ser o PSOE, con esa bandeira xigante na presentación da anterior campaña de Pedro Sánchez, quen sempre amosou unha noción de Patria tan parella á de Cidadáns e o PP que ben podían casar en matrimonio indisolúvel.

Agora, digo que ser arredista é case que unha obra de titáns marxinados polo sistema...

Porén, o que máis me pasma á esa apelación á Patria de Unidos Podemos. Certamente Castelao, (tralo paso polo governo Giral no exilio francés cando a guerra civil provocada por eses feixistas tan patriotas que se apropiaron de todas as patrias das Hespañas), xa nos clarexou para sempre quen foron os comunistas no españolismo grandilocuente, marxinando a galeuzca e a toda patria que non fora a española, a urxente. Porque a patria imperio, a que exerce, esa sempre ten todas as urxencias. En nome dela se pode marxinar, esquecer, aparcar, esmorecer...calquera outra cooficial.

Cando leo que Unidos Podemos se define como unha candidatura patriótica e a un tempo plurinacional, pois pásame o mesmo que cando leo o decreto de plurilingüismo de Feijóo e logo o escoito dizer que na nosa historia ben se ve que nunca fomos unha nazón. Será por iso que o presidente galego é orixinario de Los Pilares, e non de Os Peares, como se emperrenchan eses resentidos nacionalistas periféricos.

Cando leo que Unidos Podemos se define como unha candidatura patriótica e a un tempo plurinacional, pois pásame o mesmo que cando leo o decreto de plurilingüismo de Feijóo

Patria eres tú. La sonrisa de un país. Este lema parece máis axeitado para unha empresa como Vitaldent que para un partido que até há dous días se declarava non caste e antisistema. Claro que cando un ascende, e Pablo Iglesias si cre en que há arriba e abaixo, escora cara babor no medio de calquera Marea periférica plurinacional muda. Imposivel de construir un muíño intermareal no Manzanares para moer o trigo meseteiro con gran autóctono galego!. Iso é sabido de todos, incluso dos Anovos e renovos aos que, ao pior, o exceso de sol, insoloulles os miolos durante un longo ano, con manifestación de Patria Galega de pasarela por medio.

Mais que demos importa hoxe o contido político se há platós para esbardallar. Platós para sentar os bos e xenerosos,(non os do imno de Pondal senón os que se apropiaron de el dende a dereita mais española). Platós para que falen os que non digan nada do TTIP, dese Tratado de Livre Comercio que vai ser a ruina definitiva de todo o planeta, non só da patria galega. Platós para que ignoren que van facer coa reforma laboral e a nova escravitude de pobres con traballo a xornada completa. Platós onde falan de todo menos da pesca, da contaminación do mar, da eucaliptización e desertización do rural galego, da alarmante taxa de emigración, dos salarios galegos que son os máis baixos desa patria tan louvada por todos eles chamada España...Platós onde nunca se falará de mudar o sistema, do esgotamento das enerxías fósiles e as dramáticas consecuencias que traerán. Platós onde nunca escoitaremos falar de que há que entrar na política do decrecemento xa, sen máis demora, porque o planeta non agarda por nós e o tempo pasa.

En fin, que o único que vexo ben desta nova cita coas furnas (perdón, coas urnas) é na escolla da data. Moi atinada co afán futboleiro en que se dirime o patriotismo máis patriarcal e no santoral do día da votación: San Paio. Non o de Antealtares, que tambén, senón San Paio-Pelayo, ese santo patrón da Reconquista asturiana tan acaxomado co Santiago Matamouros de Pecha España.

E naquela Reconquista, como nesta, os galegos, para o único que lles servemos é para morrer nas súas guerras e para ser servos da súa gleba!.

Comentarios