Opinión

Tranquilo, machista

Vaia por diante que seguramente eu non sexa a persoa máis informada para falar de violencia machista. De seguro que hai moita xente máis preparada, centos de mulleres bravas que coñezo e moitísimas máis que non coñezo que levan anos, toda a súa vida, denunciando a violencia machista que nos asola, que nos pasa por riba día si e día tamén e con total impunidade.  Mais o que podo asegurar, e dígoo ben alto, é que son unha muller indignada, cabreada, colérica, doente, rabiosa! 

Non son eu soa, somos moit@s, mais non abonda. Sabido é que non podemos contar con certos estamentos da sociedade nin ca axuda dos mass media, por exemplo, eses medios que crean opinión xa que o que fan é infravalorar ou mesmo invisibilizar esta lacra. Lembrade senón titulares como o escandaloso de La Voz de Galicia do pasado verán: “La mujer que sufrió un balazo continúa hospitalizada”, cando foi a súa propia parella a que lle disparou. Qué barbaridade! Ou o que escoitamos abraiadas hai pouco na televisión “fóiselle das mans”… Terrible! Así non imos a ningures,  porque esta impunidade que teñen os machistas, os asasinos machistas, goza dunha complicidade social que me fai vomitar bilis. E mentras, os machistas tan tranquilos porque van gañando a partida.

E dígovos o por qué de que vaian gañando. Porque falta un “encoleramento” xeral, unha sublevación que saque a todo o mundo ás rúas cada vez q.ue matan a outra muller. Porque falta que se desterren dunha vez por todas as violencias invisibles coma os mal chamados “chistes” sexistas, a linguaxe sexista en tódolos ámbitos, a cosificación da muller ou tamén esa publicidade que fai de nós, as mulleres, meros obxetos de pracer para uns homes que, lonxe de criticalo, lonxe de poñerse na nosa pel, aínda nos chaman exaxeradas por queixarnos de que non queramos ser un cacho de carne ou un algo que hai que posuír. Os machistas van gañando porque humillar ás mulleres sáelles de balde, porque controlar ás súas mozas resúltalles digno de alabanza, desprezalas  convírteos en moi machos e chantaxealas  demasiado doado. Tranquilos  machistas, que ides gañando.

Van gañando porque a culpa do acoso machista sigue sendo da muller. Pero por favor, tantos anos que levamos loitando contra ísto e as campañas contra a violencia machista aínda sitúan á muller no xermolo, na orixe e na culpabilidade de que LLE fagan algo! Pero por favor, cómo é posible que a vítima sexa ao mesmo tempo a culpable?! Cómo é posible que sigan ensinando ás mulleres a protexerse do maltratador, do acosador, do violador no canto de ensinar os homes a non maltratar, a non acosar, a non violar. Por íso están tranquilos. Por íso seguen a asasinar. Porque en realidade, a violencia machista NON se ve e non se trata coma un verdadeiro problema. Que maten a mulleres polo simple feito de ser mulleres non é considerado un problema de estado. 

E mención aparte e unha boa crítica merecen os poderes públicos, e en concreto este goberno de recortadores de dereitos, que coas súas NON-políticas de prevención da violencia machista contribúen a manter as lapas do machismo vivas. Por non falar das ridículas e insultantes penas de cárcere (cando tés sorte de que o metan pa’dentro, claro), os incumprimentos das ordes de alonxamento e @s xuíces e xuízas que non fan o seu traballo. Tranquilos, machistas que quen manda non vos persegue.

Vimos de sufrir un último asasinato que aínda encima ten o agravante de que os poderes públicos non cumpliron co seu cometido, que é protexer ás vítimas. O machista rematouna no hospital, con total impunidade. E volta a comezar o círculo. Somos mulleres, somos vítimas e non nos protexen.  E vimos de ver tamén como partidos políticos interrompen as súas campañas electorais pola morte EN ACCIDENTE duns militares, mais non a interromperon POR UN ASASINATO MACHISTA. So o BNG suspendeu os actos de campaña en repulsa desde primeira hora da mañá.  Certifícase día tras día que a vida das mulleres asasinadas por violencia machista ten menos valor que a de calqueira. 
E algúns e algunas teñen a caradura aínda de tildalo de electoralismo, mimá! Señoras e señores, electoralismo é non cuestionarse e mesmo seguir sostendo un sistema patriarcal que provoca que nos maten, a nós, ás mulleres porque que nos asasinen non se considera unha cuestión de Estado. Íso sí que é populismo: non zoupemos moito neste tema que senón os lobbys do réxime que nos queren sumisas para seguir lucrándose van protestar, e claro, íso non mola.

O dito, tranquilos  machistas, que mentras a sociedade cale, mentras a sociedade non se rebele, vós poderedes seguir matándonos.

Comentarios