Opinión

Susto ou morte

Costa dixerir as imaxes das e dos Black Lives Matter que xunto con antifascistas estadounidenses celebraban a vitoria de Joe Biden como presidente o pasado sete de novembro. Evidentemente o que estaban a celebrar era a derrota de Donald Trump, símbolo do neo-fascismo máis incipiente se se pode dicir que existe un novo fascismo e que é incipiente nesta época que nos tocou vivir e non é, simplemente, a continuación do que non se exterminou de raíz no seu día porque non interesou. Aínda que nos USA existan outros partidos que se poden presentar ás eleccións, os que chegan a disputar a Presidencia, porque conseguen máis cartos que os demais, todo sexa dito, son o partido Republicano e o Demócrata que ocupan un espectro político tan, pero tan escorado á dereita que a pobre cidadanía estadounidense só pode optar a que lle goberne a extrema dereita ou a dereita máis neoliberal do planeta (con permiso do Sr. Bolsonaro, presidente do Brasil).

É gravísimo que por non ter unha ou varias opcións de votar esquerda, moitas persoas teñen que se conformar e incluso celebrar que non gañe a extrema dereita e que lles goberne o mesmo neoliberalismo feroz de sempre, desta volta representado no Sr. Biden que enarbora a mesma bandeira imperialista que todos os demais presidentes anteriores, quer republicano, quer demócrata.

 Para mostra o botón que sempre se pon como exemplo do progresismo fake demócrata que chegou a gobernar os USA, que foi Obama, que non é que nin sequera chegara a cumprir as promesas máis “esquerdistas” que levaba no seu programa como a implantación do Obama Care ou o peche de Guantánamo, senón que incluso se converteu durante o seu mandato no presidente que máis inmigrantes expulsou do país e bombardeou o que quixo e máis baixo a aparente imaxe diferenciadora dos malísimos republicanos ca que chegou ao goberno.

A min dáme pena que tanta xente non teña nin a opción de votar políticas de esquerdas aínda que o desexaran. Pero sabedes o que? Que me dá realmente medo porque iso é o que está a acontecer no Estado español e o que leva acontecendo moitos anos no resto da UE na que os partidos de esquerda perden cada vez máis peso e con eles vanse perdendo os dereitos máis elementais da poboación.

E mentres os medios de desinformación e os opinólogos televisivos de barra de bar se mofan unha vez si e outra tamén de como se pon a máscara o señor Evo Morales, por poñer un exemplo, o que pretenden realmente é afastarnos a ollada dunha Latinoamérica que se ergue democraticamente sempre que ten ocasión na loita polos seus dereitos e plántalle cara ás inxerencias yankees que sofren en forma de golpes de estado (Bolivia) ou tentativas varias (Venezuela). Quizais deberamos mirar máis cara eses pobos e a súa dignidade e menos para unha Yankeelandia totalmente perdida e carcomida polo capitalismo depredador. E eu non quero ter que elixir entre susto ou morte.

Comentarios